“Non imaxinabamos atopar en Ourense un hórreo de máis de 20 metros”. O presidente da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal), Carlos Henrique Fernández Coto, lembra a sorpresa inicial e a posterior confirmación: o canastro do Pazo de Ansariz é o noveno máis grande do mundo e o sétimo de Galicia. O abraio estaba xustificado, posto que Ourense é a provincia galega que menos hórreos ten. Fronte a Pontevedra e A Coruña, onde son máis habituais os piornos de grandes dimensións, na de Ourense hai máis tendencia a facer agrupacións. De feito, Fernández Coto corrobora que o hórreo do Pazo de Ansariz é o único da provincia con máis de 20 metros.
A persoa que deu o aviso foi o investigador Javier Torres, tamén asociado de Apatrigal. “Despois da localización aérea e de velo in situ, acudimos os dous a medilo. Usamos a cinta métrica e descubrimos que ten 27,15 metros de longo e 1,15 metros de ancho“, relata o presidente da asociación. Unhas dimensións que lle outorgaron o título polo que o hórreo do Pazo de Ansariz xa é coñecido: o noveno máis longo do mundo. “En Ourense, como era a provincia máis calorosa, adoitaban secar o millo nas solainas ou nos corredores das casas orientados ao sol”, explica Fernández Coto, dando conta do estraño que resulta atopar un hórreo tan grande na provincia. Nunha das conversacións mantidas coa propietaria do Pazo de Ansariz descubriron que hai preto de 40 hectáreas nos arredores do hórreo. “É moitísimo. Realmente necesitaban ter sitio onde almacenar o millo”, apunta o presidente de Apatrigal.
Un detallado catálogo
Malia as súas impoñentes dimensións, o de Ansariz non está no podio. O hórreo de Araño, en Rianxo, e os de Lira e Santa Comba, en Carnota, son os tres máis grandes do mundo. Un título semellante pódese certificar polo labor de investigación que está a realizar Apatrigal. A motivación de crear unha lista dos 50 hórreos máis longos do mundo foi, en principio, persoal. Fernández Coto empezou a elaborar o catálogo hai preto de seis anos. No seu traballo fóronse involucrando distintos asociados, ata conformar un equipo que se dedica no seu tempo libre a rastrexar mapas —concello por concello e aldea por aldea— para atopar os hórreos susceptibles de incorporarse á lista. Este grupo de investigación está formado por catro galegos, dous portugueses e dous asturianos.
“En Ourense hai menos hórreos porque adoitaban secar o millo nas solainas ou nos corredores das casas”
CARLOS HENRIQUE FERNÁNDEZ COTO, presidente de Apatrigal
O principal criterio que deben cumprir os hórreos que integran a lista é o de superar os 20 metros de longo. “Fixemos unha estatística e vimos que se baixabamos a 15 metros, ao mellor tiñamos que facer un catálogo de 200 construcións. De feito, hai un par de hórreos en Mazaricos con 19,5 metros que non integran a lista”, explica Fernández Coto. O investigador non descarta a idea de que o inventario medre e haxa que ampliar a cifra ata os 60 ou 70 hórreos máis longos do mundo, pero xa non ve tan probable atopar sorpresas tan agradables como a do Pazo de Ansariz. “A lista aínda é provisional, seguiremos traballando. Poden aparecer máis hórreos en Portugal pero en Asturias, por exemplo, xa non o creo. Temos bastante estudado o territorio”, confirma o presidente de Apatrigal.
Por que son tan longos?
“O feito de que sexan tan longos pode atender a varios motivos. Por exemplo, que pertencesen a familias con moitas fincas e moito poder agrario, sobre todo en Asturias. De ser así, se tiñan moitas terras, tamén tiñan que buscar un sitio onde meter todo o millo”, explica Fernández Coto. O investigador tamén enumera outros casos, como o daquelas familias que sen ter tantas terras como as anteriores, tíñanas arrendadas. “Era un arrendo en especie, por iso quedaban con parte da colleita”, detalla o presidente de Apatrigal. O último caso que menciona é o da Igrexa, que tamén facía os foros, e por iso moitos hórreos grandes están asociados á institución eclesiástica.
Unha lista internacional
Máis alá dos hórreos galegos, a lista dos 50 máis grandes do mundo integra piornos de diferentes partes do mundo. Ademais de Portugal e Asturias hai dúas construcións serbias. Un deles está no posto 20, con 23 metros de longo por dous de ancho. O seguinte está no lugar 36, con 21,3 metros de longo e outros dous de ancho. “Algún asociado de Apatrigal coñece investigadores serbios que están a estudar o patrimonio etnográfico e foron eles os que o mediron”, di Fernández Coto, ao tempo que explica que estes achados se descubriron durante a pandemia e foi complicado viaxar para corroboralo. “Os de Serbia son hórreos modernos, que poden ter arredor de 70 anos. Non como en Galicia, que os hai do século XVIII. Ademais, os serbios están feitos exclusivamente de madeira, agás a base”, engade o investigador. “Deberon ser algún tipo de experimento durante a época soviética. Non están dentro dos pazos, senón en vilas pequenas. É probable que incluso haxa almacéns preto”, continúa explicando.
De todas formas, a lista revela que Galicia está á cabeza de territorios en canto a hórreos de grandes dimensións. Dos 50 que a integran, 39 están en territorio galego. “Isto pode deberse a que somos a rexión de Europa máis húmida e tamén a máis diseminada. Polo tanto, temos que ser autosuficientes. En cada casa labrega hai, como mínimo, un hórreo, e por iso temos tantos”, explica Fernández Coto. Ademais, en comparación con outras rexións, os hórreos galegos están “bastante ben” conservados. “Todos os anteriores a 1901 son bens de interese cultural e os posteriores, se son considerados de interese etnográfico, tamén”, apunta o presidente de Apatrigal, dando conta da protección deste incalculable patrimonio. Dende o punto de vista cuantitativo xa non hai lugar a dúbidas: cóntanse máis de 110.000 hórreos en Galicia. Unha cifra que contrasta bastante con Asturias, con 20.000, ou incluso Portugal, con 25.000.
Este traballo de investigación de Apatrigal e os seus asociados vai máis alá do catálogo dos 50 hórreos máis grandes do mundo. Xunto con portugueses, asturianos, leoneses, vascos, navarros e cántabros veñen de crear o Grupo Hórrea. Dende este 2022 marcáronse un obxectivo: explorar a posibilidade de que a Unesco declare o “granero elevado” —nome acordado entre os investigadores pola diversidade de denominacións segundo as áreas xeográficas— como Patrimonio da Humanidade. Para iso, xa se reuniron con asociacións de Turquía, Serbia, Suíza, Inglaterra e Romanía. “Só así entendemos que as persoas lles presten máis atención e respecto a este ben patrimonial que é símbolo de identidade de Galicia”, conclúe Fernández Coto.
Talvez tenha registo de mais um ou outro hórreo/espigueiro/canastro em Portugal, de grandes dimensões, resultante de uma pesquisa exaustiva que fiz para uma tese académica intitulada Canastros do Alto Minho. Caso tenham interesse, agradeço que me contactem: João Azenha da Rocha, rua dos Eucaliptos, n. 10, urb. Q.ta dos Chãos, 2640-100 Santo Isidoro, Portugal. Email: adsaltum@gmail.com