Un estudo revela os segredos da Pedra Cabaleira, a singular rocha sedimentaria do Val do Sil

Un artigo publicado na revista 'Geoheritage' caracteriza a roca empregada para a edificación de igrexas, castelos e casas rectorais

A valorización e difusión do patrimonio xeolóxico do Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel dá un paso máis a nivel internacional coa publicación na revista Geoheritage dun traballo científico sobre a caracterización da Pedra Cabaleira. Trátase dunha rocha de orixe sedimentaria, moi ligada ao Val do Sil, no que xa dende a Idade Media foi empregada como pedra de construción reservada a edificacións singulares, como igrexas, castelos ou casas reitorais. Bos exemplos disto poden verse na igrexa románica de San Clodio de Ribas de Sil, na barroca de San Martiño de Montefurado e no Castelo dos Novais, entre outras construcións, moitas das cales están ligadas ao Camiño de Inverno e á orde relixiosa militar de San Xoán de Xerusalén.

O artigo recolle os resultados dos traballos de caracterización desta rocha, da que se definiron diferentes tipoloxías en base ás súas propiedades físicas. Trátase maioritariamente de arenitas, conglomerados e brechas, formadas a partir de sedimentos de orixe fluvial e aluvial que foron cementados por óxidos de ferro, o que lle dá a estas rochas unha cor avermellada moi característica e unha aparencia que as diferencia moito das demais rochas da contorna.

Publicidade

Este carácter singular no estético motivou o seu uso como material construtivo diferencial nunha área do Val do Sil, que amais do sur do territorio do Xeoparque abrangue tamén os tramos de Valdeorras e parte do Bierzo, onde esta mesma rocha recibe diferentes nomes.

Unha publicación de impacto internacional

A revista Geoheritage, que recolle este traballo, é a principal publicación científica internacional dedicada ao patrimonio xeolóxico, núcleo arredor do que se articulan as liñas de traballo desenvolvidas nos Xeoparques Mundiais da UNESCO. A realización deste traballo de caracterización e a súa difusión a nivel mundial é o primeiro paso cara a inclusión da Pedra Cabaleira na denominación IUGS Heritage Stone que pode traducirse como Pedra Patrimonial da IUGS (siglas en inglés da Unión Internacional de Ciencias Xeolóxicas).

Publicidade

Esta categoría é un recoñecemento internacional a distintas rochas relevantes na construción do patrimonio cultural, de cara a promover o seu coñecemento, uso e conservación. A lista inclúe actualmente 55 rochas de todo o planeta, entre as que salienta como exemplo máis coñecido o famoso mármore de Carrara, pero tamén representantes ibéricos como o mármore de Macael, o granito do Porto ou, no caso de Galicia, a filita verde de Lugo.

A unión de investigación e conservación patrimonial

O Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel, declarado en 2019, abrangue os concellos lucenses de Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil e ten por obxectivo central promover o desenvolvemento socioeconómico do territorio en base á conservación e difusión do patrimonio xeolóxico. Entre as súas liñas de traballo destacan as actividades divulgativas e educativas, o apoio á investigación científica, a catalogación e conservación patrimonial e a promoción do xeoturismo e os produtos locais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cinco motivos polos que a Unesco tumba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Un informe do Icomos sinala deficiencias na representatividade, na metodoloxía, no descenso demográfico e nos efectos das infraestruturas sobre o valor da paisaxe

As Illas Cíes e a súa cápsula do tempo

O Concello de Vigo inaugura unha exposición itinerante sobre a candidatura do arquipélago a Xeoparque da Unesco

Descubertos dous quilómetros de galerías na cova máis profunda de Galicia

Un equipo formado por ata 40 espeleólogos galegos e asturianos atopou condutos subterráneos, salas e pozas no interior da sima Aradelas, no Xeoparque do Courel

A Unesco considera unha “acción destrutiva” o proxecto de praia fluvial en Lugo

O comité científico do organismo emitiu unha resolución demoledora sobre o impacto medioambiental na Reserva da Biosfera Terras do Miño