As Illas Cíes e a súa cápsula do tempo

O Concello de Vigo inaugura unha exposición itinerante sobre a candidatura do arquipélago a Xeoparque da Unesco

As Illas Cíes constitúen un valioso testemuño do pasado xeolóxico, así como un reflexo do presente, seguindo en constante evolución. Cada onda, cada pinga de choiva e cada gran de area que o vento transporta, continúan escribindo esta historia. Trátase dunha aula aberta, onde os distintos elementos falan da orixe e da evolución da Terra. Este singular arquipélago merece ser coidado e recoñecido, polo que constitúe un candidato ideal a Xeoparque da Unesco.

Este mércores inaugurouse unha innovadora exposición itinerante deseñada para percorrer os centros educativos de Vigo, promovendo a candidatura das Illas Cíes como Xeoparque. Esta mostra, que comezou a súa andaina no auditorio municipal do Concello de Vigo, na praza do Rei, onde estará ata final de ano, ten como obxectivo educar e entusiasmar a comunidade estudantil sobre a rica xeoloxía e o patrimonio natural das Illas Cíes. Irene Alejo e Gonzalo Méndez, profesores do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio da Universidade de Vigo (UVigo), coordinadores do Comité Xeocientífico de Cíes Xeoparque, desenvolveron o proxecto e a presentación do mesmo, xunto ao alcalde Abel Caballero.

Publicidade

A exposición, producida por GCiencia, está composta por 13 paneis divulgativos que fan fincapé na historia xeolóxica das Illas Cíes, é dicir, de onde veñen e como se xeraron as rochas que forman o arquipélago, e afonda en cal foi o seu sustento. Para iso hai que se remontar 400 millóns de anos atrás, cando a zona na que hoxe se atopa Galicia era unha conca mariña cos seus sedimentos de lodos e areas.

Unha viaxe xeolóxica de millóns de anos

O arquipélago de Cíes contén un conxunto de elementos que reflicten procesos propios da marxe atlántica do noroeste peninsular e os efectos do mar sobre o bordo litoral. Este territorio foi testemuña tanto dos procesos remotos como da formación da cordilleira Varisca a finais do Paleozoico (hai uns 300 millóns de anos), a apertura do océano Atlántico durante o Mesozoico (hai uns 180 millóns de anos) e a formación da cordilleira Cántabro-Pirenaica durante o Cenozoico (entre os 65 e 20 millóns de anos atrás). Tamén o foi dos máis recentes procesos de subida e descenso do nivel do mar acontecidos durante o Cuaternario (2.6 millóns de anos atrás) e como estes se reflicten tanto nas características das rochas e formas de erosión que vemos actualmente, como nos sedimentos emerxidos e submarinos.

“O percorrido cronolóxico desta historia fala da separación dos continentes tras a tectónica de placas, que provocou un colapso hai aproxidamente 300 millóns de anos, e que xerou unha das maiores elevacións que sufriu o planeta. Sucedeu tras a orixenia varisca ou hercínica, e deu lugar a unha cordilleira que podía ser tan alta como o Himalaya. Desde ese momento hai 300 millóns de anos ata a actualidade. Esa cordilleira foi erosionando, e as rochas que vemos e pisamos agora nas Illas Cíes serían as súas raíces”, apuntaba Irene Alejo, coordinadora do Comité Xeocientífico de Cíes Xeoparque, na presentación.

Elementos singulares deste arquipélago

Atopamos tamén moitos elementos que nos falan dunha época moito máis recente. Hai 130.000 anos tivo lugar o último interglacial e o nivel do mar estaba máis ou menos como o actual, pero dous ou tres metros por riba. Nese momento de máis calor e menos xeo nas zonas polares é cando xurdiron as praias ou as furnas, que son causadas pola erosión do mar nas rochas. As praias e as dunas desa época actualmente están fosilizadas e cementadas.

Tras isto chegou un novo período glacial, máis frío, con concetración de auga nos polos, e o nivel do mar baixou. O último máximo glacial sucedeu hai uns 20.000 anos, e nesa época o nivel do mar estaba aproximadamente 120 metros por baixo do nivel actual. Naquel momento a ría de Vigo era un val fluvial, e as illas non eran illas senón montañas. “A partir de entón, o nivel do mar foi subindo a distintas velocidades e inundando a ría de Vigo. Na Lagoa dos Nenos atopamos elementos de como se foi producindo esa inundación dunha lagoa que hoxe é salgada, pero que no seu día foi de auga doce. Todo isto supón para nós unha cápsula do tempo, xa que aí podemos ler a historia da formación das Cíes e da súa separación do continente”, explicou Irene Alejo.

Elementos singulares

O arquipélago conta con algúns elementos singulares, como son a Lagoa dos Nenos e a barreira de area de Rodas, o rexistro sedimentario da lagoa, depósitos de dunas e praias fósiles, ou o abanico sedimentario submarino entre as illas do Faro e de San Martiño, todos eles dispostos cara ao interior da ría. “Tanto en Galicia como no conxunto de España hai un rico patrimonio xeolóxico que permite o desenvolvemento de iniciativas de protección. Con todo, non atopamos entre eles unha zona con tan alta concentración de elementos singulares en tan pouca superficie e que permitan unha narración coherente dos procesos acontecidos na marxe atlántica do noroeste peninsular, especialmente en relación cos procesos litorais asociados ás variacións do nivel do mar durante o Cuaternario” detacou a coordinadora do proxecto.

Un pequeno espazo que viaxa na historia do planeta

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou na presentación como as Illas Cíes constitúen nun pequeno espazo “unha historia do planeta. A nosa candidatura das Illas Cíes a Xeoparque da UNESCO, non só trata das características xeolóxicas do arquipélago, senón tamén do que significa. Do significado histórico, patimonial, cultural, e como conforma un xeito de entender un espazo en contacto coa propia cidade de Vigo”. Non desbotou seguir loitando para que as Cíes sexan declaradas Patrimonio da Humanidade, aínda que matizou que ese agora “é un premio menor, porque queremos ser primeiro un Xeoparque do planeta”.

Na actualidade a Unesco recoñece 195 Xeoparques por todo o mundo, 16 das cales están en España. O proxecto Cíes como Xeoparque está apoiado por expertos internacionais de recoñecido prestixio en múltiples disciplinas. Un comité xeocientífico e socioeconómico encárgase de promover e coordinar os estudos que constaten o significativo e diverso patrimonio que reúnen as Illas Cíes. Trabállase tamén no desenvolvemento socioeconómico e cultural a través do xeoturismo, o que permitirá diversificar as actividades económicas e contribuír ao seu uso sostible. Estas illas constatan un rexistro de eventos xeolóxicos que marcaron a evolución do noso planeta, e constitúen un valioso laboratorio natural, así como un remanso de biodiversidade e beleza.

Xerar conciencia

Ademais dos paneis, a exposición inclúe dúas unidades didácticas, destinadas a mergullar os estudantes de primaria e secundaria nos fascinantes procesos xeolóxicos das Illas Cíes. Estas unidades, cargadas de curiosidades científicas, convidan á exploración activa a través de ilustracións detalladas, exercicios e actividades prácticas.

Durante o ano 2025 a exposición visitará diversos colexios do municipio, permanecendo unha semana en cada un. Esta iniciativa achegará o patrimonio natural das Illas Cíes aos estudantes, fomentando unha maior conciencia sobre a importancia da conservación e a ciencia xeolóxica.

Para enriquecer esta experiencia, cada colexio que acolla a exposición contará cun taller interactivo dirixido por especialistas, onde os estudantes poderán aprender de maneira práctica e participativa sobre a xeoloxía e ecoloxía das Illas Cíes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha nova especie exótica con potencial invasor aparece nas augas de Galicia

Un estudo recolle a identificación de 'Pyura herdmani', de gran tamaño e orixinaria de África, que altera os ecosistemas mariños

Fannos realmente felices as luces de Nadal?

Malia o gasto enerxético e o posible estrés, parece claro que a iluminación festiva fai sentir mellor e máis feliz a moitas persoas

Unha exposición itinerante aluma o camiño das Illas Cíes como Xeoparque da Unesco

O hall do auditorio municipal acolle a inauguración dunha experiencia inmersiva que percorrerá os centros educativos da cidade no 2025

Un estudo galego revela que os infartos en mulleres tardan 23 minutos máis en atenderse

Dúas investigacións realizadas por expertos da área sanitaria de Vigo afondan nas diferenzas entre sexos nas enfermidades cardiovasculares