Illas Cíes, un ecosistema na fronteira: o legado da investigación científica no arquipélago

Un libro recolle, en formato divulgativo, o traballo do comité científico, composto por expertos das universidades galegas, CSIC, IEO e outros colaboradores

A candidatura das Illas Cíes ao Patrimonio Mundial da Unesco presentou a pasada semana unha publicación científica que recolle as investigacións realizadas por un equipo de máis de 20 investigadores nos últimos anos. O texto, que pode descargarse na rede, é froito do traballo de expertas e expertos pertencentes ás tres universidades galegas, o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC e o Centro Oceanográfico de Vigo (IEO), coordinados por Emilio Fernández, catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo, e Carlota Barañano, oceanógrafa e membro do comité da candidatura das Illas Cíes ao Patrimonio da Humanidade.

O traballo conta coas achegas dun bo número de investigadores, que abordan o arquipélago desde a perspectiva bioxeográfica, o patrimonio xeolóxico, os hábitats e especies terrestres, costeiros e mariños das Cíes, os procesos ecolóxicos que se desenvolven nas illas, a paisaxe, as ameazas, impactos e vulnerabilidades fronte ao cambio global e a ocupación e usos humanos que se desenvolveron neste enclave ao longo da historia.

Publicidade

As Illas Cíes, separadas do continente desde hai poucos miles de anos, sitúanse nun sistema de  afloramento costeiro altamente produtivo, nunha zona de fronteira entre  biorrexións, o que permite ilustrar diversos procesos de grande interese ecolóxico e evolutivo que derivan da interacción entre sistema mariño e terrestre, e convérteas nun observatorio excepcional dos procesos de cambio ambiental de escala global que experimenta o planeta.

Tal e como se destaca na introdución da obra, as Cíes sobresaen como ecosistema pola súa conformación xeolóxica (cantís, praias, sistemas dunares ou lagoas), a diversidade e produtividade dos seus hábitats mariños, cunha presenza representativa da fauna e flora atlánticas, o interese pesqueiro das especies que habitan nas súas augas ou a relevancia dos cantís e demais enclaves para a nidificación de aves mariñas. Xunto a isto, a importancia histórica e cultural das Cíes conforma un territorio de gran valor patrimonial, destaca o libro.

Publicidade

A obra está auspiciada polo Concello de Vigo, co obxectivo de recoller todo o coñecemento científico existente publicado ata decembro de 2018 sobre as Illas Cíes, obtido a través da revisión bibliográfica exhaustiva e posterior análise da información recompilada por parte de especialistas de diversas disciplinas, e reforzando así o aval científico da candidatura á UNESCO.


O libro pode descargarse en formato PDF nesta ligazón.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival Pint of Science achega a ciencia aos bares na súa undécima edición

En Vigo celebrarase os días 19, 20 e 21 de maio nos locais El Castro e De Catro a Catro e, por primeira vez, chega Pint Kids

O catálogo ‘Quero ser investigadora’ alcanza a súa 6ª edición con dez historias de científicas da UVigo

O evento inclúe unha guía didáctica, contidos gamificados e unha versión audiolibro que conta cunha versión de lectura fácil

Unha campaña confirma a ocupación do castro das Cíes dende a época castrexa á Idade Media

O estudo levou a cabo dúas sondaxes na zona que confirmaron a presenza dun importante asentamento humano previo á chegada dos romanos

Un estudo revela os segredos da Pedra Cabaleira, a singular rocha sedimentaria do Val do Sil

Un artigo publicado na revista 'Geoheritage' caracteriza a roca empregada para a edificación de igrexas, castelos e casas rectorais