Cinco motivos polos que a Unesco tumba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Un informe do Icomos sinala deficiencias na representatividade, na metodoloxía, no descenso demográfico e nos efectos das infraestruturas sobre o valor da paisaxe

O informe do Consello Internacional de Monumentos e Sitios (Icomos) conclúe que “a paisaxe acuática da Ribeira Sacra non debería ser inscrita na Lista do Patrimonio Mundial”. O organismo asesor da Unesco considera que a candidatura non acredita de maneira suficiente un Valor Universal Excepcional que xustifique a súa inclusión. Con todo, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asegurou que tanto a Xunta de Galicia como o Goberno central apostan por “manter viva a candidatura”, cuxa avaliación definitiva terá lugar a finais do próximo mes en Corea do Sur.

A proposta presentada baseábase na idea da “paisaxe acuática” como elemento diferencial da Ribeira Sacra. Con todo, o Icomos non considera que este aspecto constitúa o seu trazo distintivo nin o factor que lle outorgaría un carácter excepcional a nivel mundial. Ademais, o informe recoñece a riqueza patrimonial da zona —como as terrazas de cultivo, os muíños de auga e os asentamentos histórico. Con todo, advirte de que a ampla diversidade de atributos non constitúe, por si soa, “un factor determinante do Valor Universal Excepcional”. Pero, cales son os motivos concretos desta valoración negativa?

Publicidade

Non é unha paisaxe suficientemente representativa

A Unesco considera que a argumentación da Ribeira Sacra como un “exemplo sobresaínte” non resulta suficientemente sólida como para xustificar a súa inclusión na Lista do Patrimonio Mundial. Segundo o informe, a análise comparativa que sustenta a candidatura baséase principalmente en exemplos representativos, unha metodoloxía que non permite demostrar que a Ribeira Sacra constitúe unha paisaxe única a escala mundial en relación con outros sistemas agrícolas e rurais tradicionais. Entre os exemplos que aporta o Estado Parte figuran a categorización xeomorfolóxica dos vales fluviais, a énfase na costa atlántica europea e o recurso a mostras representativas para establecer comparacións.

Falta de coherencia do informe

A candidatura da Ribeira Sacra presentouse baixo o Criterio (v) da Unesco, que recoñece paisaxes culturais consideradas exemplos sobresaíntes de asentamentos humanos tradicionais ou de usos da terra e do mar representativos da interacción entre as persoas e o medio ambiente, especialmente cando se atopan ameazados por procesos de cambio irreversible. A proposta destacaba a capacidade de adaptación ás difíciles condicións ambientais, reflectida nas prácticas agrícolas desenvolvidas en terreos de forte pendente. Tamén poñía en valor o aproveitamento histórico dos recursos hídricos, dende os tradicionais muíños de auga ata as infraestruturas hidroeléctricas construídas entre os séculos XIX e XX.

Publicidade

Con todo, o Icomos considera que a candidatura non logra demostrar de maneira convincente este criterio: “Se ben as impresións interesantes de períodos históricos de reliquias son lexibles na paisaxe e seguen empregando (como o patrón de microparcelas e terrazas), non se demostrou a integración e as interrelacións destes cos moitos outros atributos propostos”.

A incerteza demográfica

Na documentación, tanto a Xunta como o Goberno recoñecían os retos derivados do envellecemento da poboación e do declive demográfico. Con todo, sinalaban que esta tendencia comezou a moderarse nos últimos anos grazas ás oportunidades xeradas polo sector vitivinícola, a xestión do patrimonio e o turismo cultural. A pesar diso, o Icomos advirte de que a conservación dos valores patrimoniais da paisaxe e o mantemento da funcionalidade a longo prazo das parroquias dependen en gran medida da continuidade da poboación local. Aínda que o Estado non considera a evolución demográfica unha ameaza directa para o ben proposto, o organismo asesor da UNESCO mostra preocupación polo seu impacto futuro. “O ben proposto é vulnerable a un futuro descenso da poboación (incluído calquera aumento futuro na proporción de propietarios ausentes)”, recolle o informe.

As centrais hidroeléctricas do século XX

Durante o século XX, na Ribeira Sacra comezáronse a incluír encoros e centrais hidroeléctricas como parte da valor da paisaxe. Mentres que o Goberno argumenta que son a evolución natural dos muíños, o Icomos rexeita esta visión. No informe, reflicten que “o establecemento de encoros hidroeléctricos durante o século XX tivo algúns impactos na paisaxe“, como o uso da terra, a biodiversidade, a calidade da auga e as modificacións dos edificios, asentamentos e a agricultura. Ademais, o documento advirte que a Ribeira Sacra afronta outras ameazas que poden compormeter a súa conservación: perda de diversidade biológica, fragmentación dos hábitats naturais, cambio climático e incendios forestais.

Autenticidade e integridade, en cuestión

Outro dos aspectos clave sinalados polo Icomos refírese ás condicións de integridade e autenticidade que debe cumprir un ben para optar á declaración de Patrimonio Mundial. A primeira avalía se o lugar conserva os elementos necesarios para expresar os seus valores e e a segunda examina a singularidade dos atributos da súa relevancia patrimonial. Neste caso, o organismo non cuestiona o estado de conservación da Ribeira Sacra; o problema, segundo a avaliación técnica, é que a candidatura non conseguiu demostrar previamente a existencia dun Valor Universal Excepcional, requisito indispensable.

A pesar desta valoración desfavorable, a Xunta mantén a súa aposta pola candidatura. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asegurou que as administracións implicadas están dispostas a “defender o proxecto ata o final” durante o proceso que culminará coa decisión do Comité do Patrimonio Mundial.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia