A Ribeira Sacra fronte ás lapas: cando o lume ameaza un tesouro de natureza, historia e viño

Os incendios que levan semanas devastando Galicia avanzan cara aos ríos Miño e Sil e os seus espectaculares vales, mosteiros románicos e viñas

As lapas continúan castigando o territorio galego. Os grandes incendios de Larouco, Chandrexa de Queixa, Oímbra e A Mezquita permanecen estabilizados, mais novos focos aparecen en distintas comarcas. Segundo a última actualización da Consellería do Medio Rural, dous están activos na provincia de Lugo e outros dous continúan en Ourense. O que máis preocupaba esta mañá era o da Pobra do Brollón, onde a Xunta de Galicia decretou a Situación 2 de risco como medida preventiva, pero que xa desactivou a primeira hora da tarde. Con todo, este lume avanza nunha das paisaxes naturais máis emblemáticas da cultura galega: a Ribeira Sacra.

Moitas paraxes están a quedar asoladas polos incendios. Pena Trevinca, O Courel e o Parque Natural do Invernadeiro son algúns exemplos. O verde dos montes galegos tínguese de negro, sobre todo en Ourense, onde tras case vinte días de lumes a Xunta de Galicia contabiliza máis de 89.000 hectáreas queimadas. Dende o xoves 21, as lapas tamén chegan á provincia veciña de Lugo, con arredor de 1.040 hectáreas arrasadas; 940 delas corresponden a incendios aínda activos, como o iniciado recentemente na Fonsagrada na madrugada do martes e estabilizado este mércores.

Publicidade

A Ribeira Sacra, que abrangue 26 concellos do sur da provincia de Lugo e do norte de Ourense, está a sufrir as consecuencias desta vaga de lumes comezada a inicios de agosto. Os ríos Miño, Sil, Cabe e Bibei debuxan vales espectaculares que dan conta da riqueza ambiental e paisaxística da zona. Mais Vilachá de Salvadur vese seriamente ameazada, cunha das frontes do incendio da Pobra do Brollón dirixíndose cara a esta beira, localizada situada no corazón da Ribeira Sacra. A pregunta é: que se podería perder se o lume segue sen control?

Un territorio único en perigo

Aínda que a situación en Galicia mellora co control dos catro grandes focos de Ourense, o lume segue activo. A vixilancia mantense na Pobra de Brollón e en Quiroga, pola súa proximidade a núcleos de poboación como Golmar, Conceado e San Pedro. O incendio, iniciado ás 13:06 horas do pasado martes, leva arrasadas unhas 900 hectáreas e conta co apoio da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Publicidade

Non obstante, os lumes afectan a este espazo natural dende o 2 de xullo, cando cinco focos simultáneos se declararon nos concellos de Pantón e Monforte de Lemos, queimando case 19 hectáreas, segundo informa a COPE.

A vaga de incendios de agosto golpeou tamén a Ribeira Sacra a través do devastador incendio de Larouco, que se estendeu pola comarca de Quiroga. A medida que as lapas avanzaban cara á Ribeira Sacra, a Federación de Asociacións da Ribeira Sacra reclamaba, o 16 de agosto, a celebración dun referendo sobre a candidatura deste espazo como Patrimonio da Humanidade, coa idea de favorecer unha mellor xestión dos lumes.

Segundo os datos do satélite europeo Copernicus, dende o 26 de agosto arderon xa 1.372 hectáreas na provincia de Lugo. A extensión dos lumes a esta nova provincia complica a situación, nun momento en que as primeiras choivas semellan achegarse. Pero mentres non descargan, enclaves da Ribeira Sacra integrados na Rede Natura 2000 e declarados Zonas de Especial Conservación, como o Canón do Sil, o Río Cabe e O Courel, poderían verse ameazados polas lapas.

Patrimonio cultural e espiritual

A riqueza da Ribeira Sacra non reside só nas súas paraxes naturais, senón tamén no legado histórico que acollen os concellos de Lugo e Ourense que a conforman. Os antepasados deixaron castros, vilas romanas e medievais que engaden un valor patrimonial único á contorna. Algunhas destas xoias están declaradas Conxunto Histórico-Artístico e outras forman parte de rutas do Camiño de Santiago.

Segundo recolle a páxina oficial da Ribeira Sacra, entre os espazos máis destacados atópanse o Colexio dos Pais Escolapios en Monforte, o centro histórico de Chantada, a Igrexa de San Xoán de Portomarín e o castelo de Castro Caldelas. Este conxunto de monumentos conforman unha parte esencial do patrimonio cultural e arquitectónico de Galicia, en risco de quedar reducido a cinzas.

Como sinala El Barroquista en declaracións a GCiencia, o patrimonio parroquial é vulnerable ás vagas de incendios debido á súa dispersión polo territorio e á frecuente presenza de mosteiros e igrexas directamente expostas ao lume. A Ribeira Sacra, considerada a principal concentración do románico rural en Europa, pode ver comprometida esta herdanza histórica.

As ribeiras escarpadas do Sil e do Miño favoreceron durante séculos o cultivo da vide, e a vida organizouse arredor dos mosteiros e das normas feudais: control das terras, organización dos cultivos e cobro de rendas. Templos como San Paio de Diomondi, Santo Estevo de Atán, San Miguel de Eiré ou San Friz de Cangas son algúns dos exemplos da pegada histórica na Ribeira Sacra.

A tradición vitivinícola

Cando se fala da Ribeira Sacra, o enoturismo convértese nun dos seus principais sinais de identidade, xunto cos seus vales e ríos. Nas ladeiras practícase dende hai séculos o cultivo da vide, introducido polos colonizadores romanos hai máis de 2.000 anos. Posteriormente, foron os monxes cristiáns quen tomaron o relevo da actividade e, na actualidade, é o motor económico desta comarca.

En 1997 recoñeceuse oficialmente a calidade destes viños coa creación da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, que abrangue máis de 1.500 hectáreas de viñedos. Os datos facilitados pola páxina da Ribeira Sacra aseguran que esta superficie supón que máis do 5% total do solo galego se adique á produción vitivinícola.

Nestas terras hai cinco subzonas de cultivo: Chantada, Ribeira do Miño, Amandi, Ribeira do Sil e Quiroga Bibei. Esta última é a máis ameazada pola chegada das lapas do incendio da Pobra do Brollón. En Vilachá, as viñas do Eivedo sufriron a maior exposición ao lume entre as tres zonas produtoras existentes na localidade.

Entre as variedades máis destacadas atópanse as tintas mencía, brancellao e merenzao, e as brancas godello, albariño e treixadura. A Ribeira Sacra é, así, un destino de referencia para os amantes do viño, que atopan aquí a posibilidade de visitar adegas, participar en catas e aprender acerca da súa produción. A ameaza do lume sobre os viñedos compromete o patrimonio histórico e supón un grave risco para a economía local.

Que futuro lle espera á Ribeira Sacra?

As amplas ladeiras que descenden cara aos ríos que modelan esta paisaxe afrontan agora un novo perigo: as chuvias. Segundo MeteoGalicia, as precipitacións están previstas para comezar na tarde do mércores. Porén, a chegada da auga a unha terra sen protección vexetal deixa o territorio exposto. O edafólogo do CSIC Serafín González advirte que o mellor escenario sería que as chuvias se presenten de forma suave, permitindo que xermolen as sementes que sobreviviron ao lume.

O risco maior está nas treboadas: sen cuberta vexetal que ampare o solo, a auga gaña velocidade nas ladeiras pronunciadas da Ribeira Sacra e multiplica a súa capacidade erosiva. O arrastre das cinzas provoca, ademais, unha perda de fertilidade pola escorredura, e pode contaminar as augas do Sil e do Miño con compostos tóxicos como os hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAP), de coñecidos efectos canceríxenos e mutaxénicos.

O lume ameaza con borrar séculos de historia, cultura e natureza na Ribeira Sacra, aínda que a situación está máis controlada. O que está en xogo non é só a paisaxe e a economía vitivinícola, senón un patrimonio colectivo que fala da nosa identidade.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Queren o turismo masivo

Os casos da Ribeira Sacra e dunha praia de Aguiño son só algúns exemplos deste fenómeno. Por Andrea Veiga

Cinco motivos polos que a Unesco tumba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Un informe do Icomos sinala deficiencias na representatividade, na metodoloxía, no descenso demográfico e nos efectos das infraestruturas sobre o valor da paisaxe

Sete meses tras os incendios de agosto: “A sucesión de borrascas era o peor escenario posible para o solo”

As precipitacións intensas e as conseguintes escorreduras complican a rexeneración dos montes queimados e alongan durante décadas o proceso

Resolto o enigma dos aneis milagreiros do mosteiro de Santo Estevo

Unha investigación do CSIC confirma a autenticidade das xoias atopadas en 2020 durante a restauración de mobiliario da igrexa do antigo mosteiro e dátaas no século X