As estradas sinuosas da Ribeira Sacra debuxan un escenario de lendas milenarias, de tesouros por atopar e de paisaxes que quitan o alento. Un dos seus enclaves máis abraiantes é o antigo mosteiro de Santo Estevo, hoxe convertido en parador turístico. Unhas obras de restauración realizadas na igrexa en 2020 sacaron á luz catro aneis de prata agochados nunha bolsa de seda bordada con fíos metálicos. Aquilo foi unha auténtica sorpresa. Pronto se relacionaron coa lenda dos aneis milagreiros que pertenceron a nove bispos enterrados en Santo Estevo ao longo do século X. Tras cinco anos de investigación, a historiadora do CSIC Therese Martin corrobora a súa autenticidade nun dos capítulos do libro The Social Lives of Medieval Rings.
Os aneis, ademais de estar dentro dunha bolsa de seda, estaban acompañados de dous pequenos documentos que certificaban o status de “reliquias”. Un deles inclúe unha data: 1785. E un texto: Estes catro aneis son dos bispos santos desta casa. O outro texto conservado é máis antigo, probablemente do século XVII: Estes catro aneis son os que quedaron dos nove santos bispos. Son os que quedaron. Os demais desapareceron. Por eles pasa auga para os enfermos e sandan moitos. Segundo Therese Martin, estes pergamiños son auténticos e recollen información clave para entender a historia dos aneis. Dende logo, entre os séculos XVII e XVIII non só se coñecían as xoias, senón que se atribuían aos bispos do século X e eran empregadas para a curación.
Outro dos aspectos máis relevantes da investigación está na bolsa de seda na que estaban gardados os aneis. A súa forma circular coincide cos bolsos empregados dende finais da Idade Media ata os séculos XVI e XVII tanto por homes como por mulleres; unha cronoloxía que coincide coa do pergamiño máis antigo. “A bolsa bordada puido ser agasallo á igrexa monástica, xa fose como un soporte apropiado para os prezados aneis ou reutilizada para esa función cando os aneis se levaban aos fogares dos enfermos“, sinala Martin. De feito, testemuños escritos do século XVI recollen varios “episodios milagreiros” atribuídos ás xoias, como a curación dunha nena cega, dun home con bocio e dunha rapaza con febres altas. Ao parecer, os pacientes tiñan que poñer os aneis, tocalos, ou ben lavarse con auga que caera a través das xoias. E seica curaban.
Feitos de prata e con decoracións de ouro
En canto ás características físicas dos aneis, están feitos de prata e decorados con ouro ou nielado. Teñen pedras preciosas engastadas ou pasta de vidro, que no seu momento debeu ser brillante. Unha das xoias non conserva a xema, pero si varias cruces no aro. Martin tamén precisa que puideron empregarse nun dedo nu ou ben por enriba dunha luva episcopal. Non obstante, non teñen inscricións nin imaxes que axuden a precisar a cronoloxía ou a súa cultura de orixe, polo que a súa datación tense que facer a través do seu contexto. Mais aquí hai outro grande obstáculo: o lume arrasou a gran parte da documentación dos tres primeiros séculos de Santo Estevo. Así é que algunhas pistas clave para reconstruír a historia dos aneis puideron ser pasto das chamas.
Primeiras referencias no século XVI
No estudo, Therese Martin constrúe unha cronoloxía que apoia a súa defensa de autenticidade dos aneis. Ata 1463, as tumbas dos bispos —ás que o propio Afonso VIII fixo referencia— estaban no claustro. A partir desa data situaron os restos óseos no retablo do altar maior. En 1551 rexistrase a que, ata o de agora, é a primeira referencia escrita aos aneis. No texto conservado dise que durante o cambio dos restos se puido comprobar como “nos dedos dos corpos bendicidos se atoparon ricos aneis”. Xa na última década do século XVI, un novo cambio no disposición da igrexa induciu a un novo traslado dos restos, que se dividiron en dous grupos: cinco para un lateral e catro para outro. E pouco a pouco, as súas pistas fóronse perdendo ata o ano 2020.
Pese a que o enterramento dos nove bispos está datado ao longo do século X, non hai referencias aos seus aneis ata 600 anos despois. E non é ata 1662 cando as xoias adquiren maior protagonismo nos testemuños escritos; un feito que coincide no tempo co proceso impulsado polo propio mosteiro para converter en santos os seus famosos bispos. Xustificaron a súa petición a través das “curacións milagreiras” dos relixiosos, mais as probas non se consideraron suficientes. No estudo de Martin só transcende o nome dun deles, Santo Ansuri. Mencionouno o historiador Juan Tamayo Salazar no século XVII, cando afirmou que durante o traslado dos seus restos en 1463 puido comprobarse que había “aneis adheridos” aos seus dedos. Segundo esta teoría, todas as “xoias milagreiras” pertencerían a Arsuri, e non habería unha por cada bispo enterrado en Santo Estevo.
Xoias humildes
Therese Martin confesa ao final do seu ensaio que comezou a investigación cunha actitude “escéptica”, mais a análise pormenorizada das evidencias, tanto as escritas como as materiais, levárona e crer na autenticidade dos pergamiños que acompañaban os aneis. “Dende a perspectiva dunha historiadora da arte do século XXI, o feito mesmo de que estes aneis non sexan magníficos […] converteuse para min nun punto inesperado ao seu favor”, escribe Martin nas conclusións. Fronte a outras xoias espectaculares, como as asociadas a San Rosendo no tesouro de Celanova e hoxe custodiado na Catedral de Ourense, os aneis dos bispos de Santo Estevo son, cando menos, humildes. Precisamente este punto é o que a leva a pensar que poden ser do século X.
Amais disto, a historiadora do CSIC non atopou ningún aspecto material —é dicir, nin na prata nin no ouro— que vaia en contra da datación que ela aproxima. O estilo das xoias, explica, tampouco se corresponde con tempos modernos. E, ademais, se os compara con outros aros episcopais habituais na documentación ibérica do século X é capaz de atopar máis semellanzas que diferenzas. “Se ben os deseños sinxelos destes aneis e a ausencia de inscricións ou pedras preciosas extraordinarias deixan pouca marxe para unha resposta definitiva, todo apunta a que se trata dos aneis que se extraeron dos dedos de polo menos un titular episcopal cando os ósos dos nove foron extraídos das súas tumbas individuais en 1463 e trasladados a un retablo tras o altar maior de Ribas de Sil”, conclúe a investigadora.
Inspiración literaria
O estudo de Therese Martin é un novo capítulo na longa e enigmática historia dos aneis dos bispos de Santo Estevo. Ás veces a realidade supera á ficción, e así o demostrou a escritora viguesa María Oruña cando publicou o libro El bosque de los cuatro vientos tan só uns meses antes do achado dos aneis. Si, a obra centrábase na lenda das xoias, como se fose un prognóstico do que acontecería despois por puro azar: unhas obras nos relicarios da igrexa e a revelación dun segredo. Aínda hai grandes lagoas arredor destes aneis. Talvez nos próximos anos se abran novos capítulos desta fascinante historia.














