Ola de novo! 👋🏼 Aquí Andrea,
O xoves, a redacción de GCiencia espertaba asfixiada polas imaxes das riadas de Ourense, provocadas polo temporal de chuvias. Laura —a nosa redactora-xefa— mandounos actuar rápido nada máis chegar: mentres eu escribía a noticia, a miña compañeira Noelia buscaba as fotos para ilustrala. Cada imaxe era máis impactante ca anterior, con casas e estradas inundadas. Ríos desbordados, colapsos. Todo foi froito das fortes tormentas e chuvias torrenciais das que a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) xa alertaba para a tarde do mércores 17 de xuño. E non todo foron precipitacións: MeteoGalicia rexistrou 5.990 raios —concentrados no leste da comunidade— e ventos de ata 71,6 quilómetros por hora en Viana do Bolo, unha das localizacións máis afectadas polas incidencias. Esta é unha das imaxes que compartiu con nós a asociación Amigas das Árbores dende Pradocabalos.

Pero estas consecuencias veñen de lonxe, concretamente do ano pasado: a falta de retención dos solos tras os incendios de 2025 foi o factor que agravou as riadas. Esta foi a conclusión á que chegou o catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Agustín Merino, quen explica que os solos tardan en recuperar a vexetación segundo o grao de afección tras o paso das lapas. Que pasa? Os incendios que afectaron a provincia de Ourense no agosto pasado tiveron unha intensidade moi alta, o que leva a efectos como as escorreduras. Desta forma, os incendios de 2025 volven á nosa memoria —aínda que nunca marcharon—. Se che interesa afondar, podes ler o artigo completo nesta ligazón.
Pero súmase un factor máis: a seca dos solos tras semanas con temperaturas que superaron os 30 graos na provincia. Cando ocorre isto, os terreos tardan máis en infiltrar a auga; así, coa chegada de chuvias tan fortes, a terra non é capaz de absorber tan rápido a precipitación e prodúcense os arrastres.
Esta situación talvez sexa cada vez máis habitual, tendo en conta o que vén: dende esta semana, os modelos europeos advirten da posible chegada da primeira onda de calor do ano —da que Galicia non se librará—. Os termómetros poderán acadar os 40 graos na península e, na comunidade galega, as anomalías positivas poderían chegar ata os 10 graos. Xa o advertía a AEMET: “As temperaturas poderían estar entre as máis altas rexistradas nesas datas”. Este impacto chega mesmo aos colexios, onde a organización Greenpeace rexistrou mínimas de 27 graos nunha aula de Ourense e máximas de ata 40 no patio. As imaxes podes velas aquí.

Con todo, os incendios non volven á nosa mente só como unha lembranza, senón como un feito: o primeiro gran lume da tempada en Galicia rexistrouse en Herbón-Padrón e queimou máis de 350 hectáreas. Entre as causas, o enxeñeiro forestal Juan Picos fala nesta reportaxe de vento do sur e da presenza de eucaliptos vellos: canta máis idade teñen, máis casca e máis altura, o que fai máis probable que se propaguen as lapas. Ademais diso, tamén explica o que nos espera: “Vemos comportamentos intensos relativamente pronto”. O experto observa un cambio de tendencia no vento e na vexetación, que seca máis rápido e deixa de reter a auga.
A pregunta é que ocorrerá este verán se as lapas xa chegan a principios de xuño. Seguiremos esperando a resposta.
Pasemos aos temas da semana!
⚫️ Unha entrevista co futuro da Lúa 🚀 A miña compañeira Laura fixo unha entrevista que, persoalmente, me dá moita envexa. Falou co malagueño Carlos García-Galán, director do proxecto Moon Base da NASA, que visita Galicia co gallo dun acto celebrado por Feuga. Nesta conversa, falan do proxecto Artemis, das misións e todos os detalles sobre a base luar, que ten como obxectivo establecer alí unha residencia permanente. Podes lela completa nesta ligazón.
⚫️ A foxa do Val, unha das máis grandes de Galicia 🔍 O grupo Histagra da USC identifica a gran foxa común localizada no cemiterio de Santa María A Maior do Val, en Narón. A investigación apunta a 51 persoas enterradas —mínimo— que foron inhumadas entre 1936 e 1938, relacionadas co golpe militar de Ferrol. A maioría eran mariños, oficiais e suboficiais da Armada. Coñece máis información aquí.

⚫️ Como afecta a eclipse aos animais?🌒 Esta é a pregunta que nos fixemos un día na oficina, e pareceunos interesante buscar a resposta. A encargada de facelo foi Noelia, quen falou coa etóloga da USC Ángela Fernández. Explica que, aínda que cada individuo poderá reaccionar de forma diferente durante a eclipse total do 12 de agosto, nalgúns córvidos pode aumentar a vocalización, hai réptiles que se poñen a durmir, e os chimpancés estrésanse. No caso de cans e gatos, están máis habituados ás luces, polo que non se verán tan afectados. Se, como nós, queres afondar no tema, aquí tes a reportaxe.
Recomendación semanal 🪶
Estamos a 20 de xuño e en tres días chega a miña noite favorita do ano. En San Xoán, o meu grupo de amigas de sempre imos cear a casa do noso mellor amigo coa súa familia. Comemos sardiñas, hamburguesas e churrasco; hai menú para todos os padais. Sempre mercamos as camisetas de Estrella Galicia edición San Xoán, e saímos de festa con elas. É a miña data marcada no calendario.
Sobre isto falamos o outro día na oficina de GCiencia: eu son de Vigo-Baiona, Laura tamén ten dobre nacionalidade Vigo-A Estrada, e Noelia é de Verín. Eu conteilles xusto o que acabades de ler —engadindo que antes facía fogueiras na praia—, e Laura contounos que ía coas súas amigas e queimaban os seus desexos para o ano que vén, co obxectivo de que se cumpran. Con todo, Noelia, de interior, nunca celebrara San Xoán… ou si?
Afondando no tema, conseguiu ligar a festividade co momento no que a súa familia recolecta herbas e leva a cabo o ritual das herbas de San Xoán. A miña tía sempre deixa as flores repousando a noite do 23 ao 24 de xuño; para espantar ás meigas, dime sempre.

E vós, que tradicións tendes na noite de San Xoán?
Ciencia en confianza é unha newsletter de GCiencia que se lanza todos os sábados ás 10 horas para analizar os temas da semana dunha forma persoal e próxima. Se estás interesado ou interesada en recibila no teu correo, subscríbete aquí.














