O uso de produtos fitosanitarios é un piar esencial para protexer os viñedos de pragas e enfermidades, e para asegurar, así, un rendemento óptimo dos cultivos. Esta necesidade faise especialmente patente nun clima húmido como o de Galicia, onde, ademais, existen cinco Denominacións de Orixe (D.O.) vinícolas. Porén, unha gran parte deposítase no medio ambiente e non nos organismos diana, o que provoca que arredor do 80% dos solos agrícolas europeos conteñan residuos. En España, esa realidade tradúcese en 0,19 millóns de quilómetros cadrados en risco alto de contaminación por pesticidas. Así, amplas cantidades de terra poderían ver alterada a diversidade do seu microbioma, a súa fertilidade comprometida e as bacterias que as protexen, atacadas.
Neste contexto, a Universidade de Santiago (USC) publica un estudo que analiza como diferentes substancias activas contra os fungos persisten no solo de dúas Denominacións de Orixe (D.O. Rías Baixas e D.O. Ribeiro) e alerta de que a elección do tratamento é crucial para non destruír os microorganismos beneficiosos para o solo. Esta investigación resulta da colaboración entre a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia-Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), a USC, a Mendel University de Brno e o Instituto de Recursos Naturais e Agrobioloxía de Salamanca (IRNASA-CSIC).
Dúas D.O., dous perfís edafoclimáticos
O estudo realizouse en viñedos das D.O. Rías Baixas e Ribeiro. A primeira ten un clima oceánico influenciado polo Atlántico, con temperaturas suaves e choivas abundantes. A bióloga e enóloga do AGACAL María Dolores Loureiro Rodríguez, unha das autoras do estudo, sinala que as viñas desta denominación presentan máis materia orgánica sobre o solo. A investigación fai notar que estas condicións son ideais para a proliferación de enfermidades fúnxicas, en particular o mildio viloso, unha afección particularmente ligada aos viñedos que se presenta a través de manchas nos órganos afectados. A fin de previr esta infección, que é endémica en Galicia, as plantas requiren, de media, 16 tratamentos fitosanitarios anuais. Esta cantidade de actuacións fitosanitarias provocaron que se rexistrara unha concentración notoriamente maior de pesticidas na D.O. Rías Baixas.
Pola outra banda, as condicións edafoclimáticas da D.O. Ribeiro presentan un perfil máis seco. “É un clima de transición entre o Atlántico e o Mediterráneo, ademais de que posúen un solo máis ácido“, explica Loureiro. Esta área caracterízase polos niveis máis baixos de choiva e as temperaturas máis elevadas, con noites nas que o termómetro baixa considerablemente. Así, as dúas Denominacións de Orixe defínense mediante caracterizacións diversas que permiten estudar os efectos dos pesticidas en diferentes contextos.
A persistencia dos pesticidas, ou por que nas Rías Baixas tardan máis en desaparecer
A investigación preparou dous grupos de tratamentos fitosanitarios que se basearon en substancias activas con diferentes graos de mobilidade. Esta distinción estableceuse a fin de determinar a persistencia dos pesticidas no solo, así como o impacto que teñen uns ou outros elementos activos na microbiota.
As mostras analizadas tomáronse en xullo, outubro e o marzo seguinte, durante dous anos consecutivos. “Tiñamos tres repeticións dos estrañamentos. Para medir os pesticidas, collemos mostras a 20 centímentros da viña en dúas profundidades: entre os cero e os dez centímentros, e outra entre 10 e 20”, explica Loureiro. As técnicas levadas a cabo diverxeron para a análise dos tratamentos químicos e para a medición da microbiota: “Para ver os pesticidas a USC fixo unha cromatografía líquida acoplada a espectrometría de masas (LC-MS/MS) [unha técnica de química analítica que identifica compoñentes con precisión], e para medir a microbiota realizamos unha extracción de ADN“.
Os resultados destas pesquisas foron que no solo das Rías Baixas tardaron máis en desaparecer os residuos químicos. “Usamos substancias activas bastante móbiles no solo, polo que ían desaparecendo co tempo. O que vimos foi que nas Rías Baixas tardaron moito máis que en Ribeiro”, explica a investigadora. O motivo atópase na maior cantidade de materia orgánica e un pH máis alto no solo atlántico, o que atrapa as substancias e ralentiza a súa degradación; é dicir, ao tratarse dun terreo menos ácido, a materia química amosou unha maior persistencia. A azoxistrobina (no grupo de tratamento 1, G1) e a metrafenona (no grupo de tratamento 2, G2) resultaron ser as substancias máis difíciles de eliminar da terra.
O impacto dos funxicidas sobre a microbiota
“Puidemos determinar que na D.O. Rías Baixas había máis riqueza e diversidade de fungos e bacterias“, apunta María Dolores Loureiro. O estudo identificou un total de 174 xéneros fúnxicos nos dous campos de estudo; o predominante en ambas áreas foi o filo (Phylum) Ascomycota, máis coñecido como ascomicetos.
O tratamento do segundo grupo de substancias activas amosou unha abundancia lixeiramente maior de fungos nas dúas D.O. e, en xeral, o pico produciuse en marzo. “Isto débese a que tomamos esas mostras xusto antes de que se lle botaran tratamentos funxicidas ás viñas”, aclara Loureiro.
En canto ás bacterias, identificáronse 227 xéneros, sendo as máis abundantes as phyla Actinomycetota e a Pseudomonadota. O estudo concluíu que as comunidades bacterianas non viron a súa abundancia impactada de xeito significativo por ningún dos dous tratamentos.
Cara a pesticidas menos agresivos
“Se comparamos os grupos de tratamento un e dous, vemos que no segundo, no que había compostos menos móbiles, se potenciaban xéneros beneficiosos para o solo que funcionaban como axentes de biocontrol“, afirma a investigadora. O estudo sinala que factores ambientales como os pesticidas poderían alterar as interaccións microbianas ata comprometer a sostibilidade do sistema. Outro factor a ter presente é o manexo do solo: “Ao remover co arado a terra, a microbiota pode sufrir unha baixada porque a cuberta vexetal contén organismos que se ven impactados”, sinala Loureiro.
Deste xeito, o estudo conclúe que é posible axudar á sostibilidade do solo a través da escolla correcta de pesticidas que potencien —ou, mellor dito, que non destrúan— os xéneros beneficiosos presentes na terra, e que axudan a fixar o nitróxeno (bacterias diazótrofas) e manter a fertilidade do solo. “O seguinte paso debe ser investigar cada unha das substancias activas do grupo 1, para ver cal delas facía que houbera menos xéneros positivos”, conclúe a investigadora.














