Investigadoras galegas revelan que o 70% dos solos europeos están contaminados por pesticidas

O estudo coordinado pola UVigo, publicado en 'Nature, analiza 373 mostras de 26 países para amosar as alteracións producidas en fungos, bacterias e nematodos

O 70% dos solos europeos están contaminados por pesticidas que afectan significativamente á vida neles e a súa diversidade. Un estudo internacional, coordinado pola Universidade de Vigo dende España, acaba de ser publicado na prestixiosa revista Nature, proporciona, por vez primeira, evidencias cuantitativas da prevalencia e o impacto dos pesticidas usados en agricultura nos solos europeos. 

Segundo a investigación realizado por un panel internacional de dez institucións de investigación europeas, e coordinado tamén polo Joint Research Centre da Unión Europea (Italia) e a Universidade de Zúrich (Suiza), “esta contaminación prexudica a súa biodiversidade e ten un impacto importante en diversos organismos beneficiosos do solo, como fungos micorrízicos e nematodos”, afirma Julia Köninger, contratada postdoutoral do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo e unha das primeiras autoras do estudo. Xunto a Köninger, a catedrática do Departamento de Bioloxía e Ecoloxía Animal, María Jesús Iglesias Briones, completa a participación da UVigo na investigación, na que tomou parte como segunda responsable.

Publicidade

Máis de 370 mostras de 26 países europeos

As e os investigadores, que lembran que a vida baixo os nosos pés é esencial para manter as funcións e os servizos ecosistémicos claves como a produción de alimentos, o almacenamento de carbono, o control da erosión e a regulación da calidade da auga, analizaron os efectos de 63 pesticidas comúns nos solos, para o que tomaron 373 mostras de campos agrícolas, bosques e praderías de 26 países europeos. 

Os funxicidas, ingredientes activos contra fungos, foron os máis frecuentes representando un 54% de todos os ingredientes activos, seguidos dos herbicidas co 35% e, por último os insecticidas co 11%. Pola súa banda, o ingrediente activo máis común foi o herbicida glifosfato. Como se agardaba, a maioría de praguicidas atopáronse en solos agrícolas, pero tamén os detectaron en bosques e praderías, onde non é habitual aplicalos, o que probablemente se debe á dispersión durante as pulverizacións.

Publicidade

Efectos non desexados

O problema de moitos pesticidas radica en que non só afectan ás pragas que danan os cultivos, senón tamén os organismos beneficiosos do solo. Os autores do estudo examinaron a biodiversidade de varios organismos, como bacterias, fungos, nematodos e organismos unicelulares, en mostras de solo e descubriron que os pesticidas alteran drasticamente as comunidades edáficas.

“Os fungos micorrízicos, importantes para os nosos cultivos, vense especialmente afectados polos praguicidas”, afirma a ecóloga de solos da UVigo Maria J. I. Briones. Os fungos micorrízicos crean unha relación simbiótica coas raíces dos cultivos e axúdanlles a absorber auga e nutrientes. O funxicida bixafen, utilizado para combater fungos daniños en cereais, é especialmente destacable, xa que tamén afecta a moitos dos organismos dos solos estudados.

“Algúns organismos do solo, especialmente diversos tipos de bacterias, benefícianse do uso de pesticidas, probablemente porque outros organismos competidores se ven reducidos”, engade Julia Köninger. Os autores tamén demostraron que os residuos de pesticidas alteran a función do solo analizando xenes clave para a súa función como os do reciclado e liberación de nutrientes, como o fósforo e o nitróxeno. “Isto suxire que a función natural do solo afectado se ve reducida e que sería necesaria unha fertilización adicional para manter a produción”, sinala Julia Köninger.

Adaptar a normativa sobre os praguicidas

Os efectos nocivos de diversos praguicidas sobre aves, abellas e outros insectos coñécense e documéntanse desde hai tempo. “O noso estudo demostra que os praguicidas teñen un impacto ambiental moi significativo nos nosos solos. Non obstante, os distintos sectores da sociedade nin sequera perciben a magnitude dos seus efectos sobre organismos que non son obxectivo”, afirma Maria J. I. Briones. Dado que algúns praguicidas son difíciles de descompoñer, permanecen no solo durante anos despois da súa aplicación e teñen un importante impacto a longo prazo no ecosistema edáfico.

Polo tanto, os investigadores sinalan que para protexer os solos, as avaliacións ecotoxicológicas deben ir máis aló das probas baseadas nunha única especie e realizadas en condicións de laboratorio, e incluír respostas funcionais e a nivel de comunidade, sendo urxente integrar estes aspectos na normativa actual sobre praguicidas.


Referencia: Pesticide residues in soils affect soil taxonomic and functional biodiversity (Publicado en Nature)

1 comentario

  1. Quizá conveña aclarar, tamén, que non todos os prados son naturais, posto que tamén os hai artificiais (e probablemente sexan maioría), isto é, proceden da rotación de cultivos e, polo tanto, do laboreo do solo. Por exemplo, é frecuente ver no noso rural que solos adicados ao cultivo de millo (que se é tranxénico soe ir asociado ao emprego do herbicida glifosato) son empregados cada certo tempo para ser adicados a pradeira. No momento en que se faga unha análise nestas pradeiras, a presenza e/ou efectos do glifosato faranse notar, e non é que proceda das pulverizacións precisamente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que revelan 11.000 anos de sedimentos sobre as chuvias de Galicia? Así o investigan dende a UDC

Un estudo liderado polo CICA analiza as ceras vexetais preservadas nun lago portugués para reconstruír a evolución da humidade no oeste peninsular

A Xunta declara a situación de seca prolongada nos sistemas do Ulla-Tambre e no da Costa Norte

A falta de precipitacións reduce os recursos hídricos e eleva a vixilancia en 74 concellos, mantendo a alerta nas concas do Lérez e do Anllóns

O novo acordo lingüístico permitirá impartir Matemáticas, Tecnoloxías e Física e Química en galego

Os centros educativos poderán decidir a repartición das materias na ESO, respectando o equilibrio do 50% entre os dous idiomas

Unha masa de aire marítima tumba as temperaturas ata 10 graos en Galicia no inicio do outono

Unha fronte traerá precipitacións á comunidade a partir do sábado, unha situación que podería continuar a próxima semana