O proxecto europeo H2020 NOVATERRA celebrará unha xornada o vindeiro xoves 26 de outubro ás 10.00h en Santiago de Compostela, na sede de FEUGA no Campus Vida, que ten por obxectivo presentar o consorcio, avances e primeiros resultados ata o momento á comunidade científica e a profesionais do sector. Así, representantes das entidades participantes darán contexto dos traballos que están a realizar para reducir o uso e o impacto dos pesticidas no viñedo e o oliveiral na zona que baña o Mediterráneo a través de novas tecnoloxías. Así mesmo, expoñerán os factores que determinan a adopción de solucións ambientalmente sostibles a nivel de explotación. O proxecto busca a creación dun enfoque 360º para garantir a seguridade alimentaria, así como o acceso a unha alimentación sa para unha poboación crecente, seguindo as directivas e prioridades da Unión Europea (UE) en materia de uso sostible de pesticidas.
O evento, organizado por FEUGA, forma parte das actividades de divulgación de NOVATERRA. Os asistentes poderán achegarse, a través dunha serie de casos de estudo, a novas estratexias sostibles e integradas, viables técnica e economicamente para distintos sistemas de cultivo, que teñen como finalidade eliminar ou reducir significativamente o uso e o impacto negativo das pesticidas máis prexudiciais. A cita, que se celebrará de forma presencial e emitirase tamén en streaming, contará coa participación de representantes de diversas entidades españolas que integran o consorcio: O Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentarias (IRTA), o Centro de Investigación en Economía e Desenvolvemento Agroalimentario (CREDA), a Universidade de Burgos, a Plataforma Tecnolóxica do Viño (PTV), a adega Terras Gauda e a Universidade Politécnica de Cataluña (UPC).
NOVATERRA persegue a redución do impacto negativo dos pesticidas para a xestión integrada de pragas en oliveirais e viñedos. Coordinado por IRTA conta con consorcio de 23 entidades de 6 países: Grecia, Italia, España, Portugal e Bélxica. Iniciado en outubro de 2020, o proxecto que ten unha duración de catro anos recibiu un cofinanciamento do programa H2020 con preto de cinco millóns de euros.













