Unha sucesión de borrascas deixará chuvias intensas en Galicia durante toda a semana

Meteogalicia activa este martes a alerta laranxa por temporal marítimo e a amarela por chuvias e vento de ata 80km/h

Galicia vivirá unha semana pasada por auga, acompañada de ventos fortes e chuvias intensas e persistentes. As responsables da definitiva chegada do tempo outonal son as borrascas atlánticas, que se sucederán ao longo dos vindeiros días deixando abundantes precipitacións en todo o territorio pero, sobre todo, na parte occidental. Tal será o impacto das primeiras treboadas do outono que Meteogalicia xa activou este luns a alerta amarela por temporal marítimo na Costa da Morte e nas Rías Baixas. O escenario complicarase mañá martes, cando continuará a inestabilidade no mar e se acadará a alerta laranxa por vento do sur de forza 8 na costa atlántica. Tamén haberá aviso amarelo en toda Galicia por refachos de vento que poderán acadar os 80 km/h e por chuvias que poden acumular máis de 40 l/m2 en tan só 12 horas na provincia de Pontevedra e no oeste e suroeste da Coruña.

O que manterá certa estabilidade durante a primeira metade da semana serán as temperaturas, que serán cálidas para a época do ano. “Os ventos de compoñente sur conducirán ata a península masas de aire de procedencia subtropical, con temperaturas temperadas e alto contido de humidade, co que as precipitacións e o vento será o máis significativo”, apuntan dende a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), nun informe emitido este domingo ante a chegada de sucesivas borrascas. De todos modos, espérase que as temperaturas experimenten un acusado descenso a partir do mércores, coa chegada dunha nova fronte. Sen ir máis lonxe, as máximas baixarán dos 20 graos a partir do xoves e poderán acadar os 15 graos nalgúns puntos de Galicia, como Santiago, durante a fin de semana.

Publicidade

Cando rematará este episodio de chuvias?

A curto prazo non se prevé un cambio no tempo e espéranse chuvias intensas e abundantes, así como fortes refachos do vento, ata a fin de semana. Dende a AEMET prognostican que o episodio “máis intenso” finalice entre o venres e o sábado, pero é probable que o ambiente chuvioso se prolongue ata ben entrada a vindeira semana. “Hai máis incerteza na segunda metade da semana, aínda que se espera que as borrascas atlánticas continúen afectando o noso territorio”, insisten dende a axencia estatal. Un prognóstico co que coincide Meteogalicia, que non prevé cambios no medio prazo e agarda que Galicia continúe baixo a influencia das baixas presións ata comezos da próxima semana. “Haberá alta probabilidade de precipitacións, acadándose máis chuvia na metade oeste”, apuntan dende o servizo meteorolóxico galego.

As temperaturas experimentarán un acusado descenso a partir do mércores

Sen ir máis lonxe, este mesmo luns pola tarde entrará unha nova fronte en Galicia derivada cunha profunda borrasca situada ao oeste peninsular. As chuvias serán xeneralizadas a partir do mediodía e o vento aumentará a súa intensidade pola tarde, tanto no litoral como nas zonas máis altas. Unha situación que se complicará este martes coa chegada doutra borrasca dende o Atlántico. “Xestouse en Florida e presentará un núcleo cálido, o que axudou á rúa rápida intensificación”, explica o meteorólogo Samuel Biener nun artigo publicado en Meteored. Isto provocará que as temperaturas estean por enriba do habitual, dado que as masas de aire que están chegando do oeste son húmidas e temperadas. De todos modos, Biener non descarta que esta semana se nomee, polo menos, unha das borrascas que ha de chegar a nós. Cando se nomean por parte dos servizos meteorolóxicos estatais implica que son de alto impacto.

Publicidade

Aínda que aumenta a incerteza de cara ao mércores, a sucesión de borrascas segundo as primeiras predicións será imparable. Segundo Meteored, na tarde do mércores chegará unha nova fronte moi activa que entrará polo noroeste, deixando de novo chuvias intensas e treboadas en Galicia. Isto coincidirá cun descenso térmico que continuará durante a fin de semana. O xoves, o escenario será ben semellante, con chuvias xeneralizadas e acumulados salientables nalgúns puntos de Galicia. Espérase que de cara á fin de semana rematen as treboadas pero continuemos con chuvias ata a vindeira semana e con máximas máis baixas do esperable nesta época do ano.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período

Cinco motivos polos que a Unesco tumba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Un informe do Icomos sinala deficiencias na representatividade, na metodoloxía, no descenso demográfico e nos efectos das infraestruturas sobre o valor da paisaxe