Cando a música e a informática se alían: “Un músico poderá atopar partituras cantaruxando”

A investigadora da UDC Hilda Romero Velo crea unha aplicación web e móbil para solucionar algúns dos problemas aos que se enfrontan os músicos no día a día

Música, informática e datos son os piares que guían o traballo de Hilda Romero Velo. Enxeñeira informática e investigadora predoutoral (PdH) da Universidade da Coruña (UDC) vén de presentar o proxecto Indexación e recuperación de partituras por “tarareo” baseada en características extraídas no VI Congreso XoveTIC, polo que recibiu o premio XoveTIC da Cátedra Aldaba WIB (Women, ICT & Business). Este congreso, promovido polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC), é un espazo de encontro para o debate científico dos investigadores junior (predoutorais e posdoutorais) de Galicia e Portugal.

Convencida de que “o camiño natural da tecnoloxía é acompañar as persoas no seu día a día, facerlles a vida máis doada”, centra o seu talento en axudar os pianistas tanto na súa formación (aprendizaxe) como no desenvolvemento da súa actividade profesional (actuacións). Con esa fin creou unha ferramenta informática que lles permite detectar erros cando tocan, seleccionar pasaxes a ensaiar e desprazar as partituras con comandos de voz. E agora, nun chanzo cara adiante, traballa nun sistema que permita aos músicos localizar as partituras cun audio que recolla o son do seu instrumento ou unha cantaruxada.

Publicidade

—Que lle levou a dirixir a súa mirada de enxeñeira informática cara á música?

—A xuntanza de dúas paixóns, a música e a informática, e da propia experiencia. Son consciente das dificultades coas que se atopa un músico no seu día a día e sei que a enxeñaría informática conta coas ferramentas para prestar axuda e acompañar. 

Publicidade

Dende que entrei na carreira sabía que quería unir os meus dous mundos e así o fixen no Traballo Fin de Grao e posteriormente no Traballo Fin de Mestrado (TFM). No primeiro caso para axudar os músicos durante a aprendizaxe dunha partitura, sinalando os erros que cometían para que puidesen corrixilos o máis pronto posible  —moitas veces non é doado atopalos por un mesmo— e, no TFM, cunha aplicación para web e móbil coa fin de que o músico poida pasar as follas das súas partituras con comandos de voz ou cunhas pulseiras bluetooth

—E chegamos a ‘Indexación e recuperación de partituras por cantaruxada’. De que estamos a falar?

—Agora comezando a carreira investigadora, na miña tese quería ir un paso máis aló e profundar noutra paixón, os datos. De novo pensando en axudar os músicos, démonos conta de que hoxe en día non poden buscar partituras con algo tan natural como sería gravar un audio cantaruxando ou tocando o seu instrumento. Para traballar nunha solución pensamos en extraer certas características directamente dende as partituras para establecer unha base común que permita unir o audio e os formatos de arquivo das partituras. Ademais, somos conscientes de que as cancións son repetitivas por natureza. Isto permítenos lograr o noso obxectivo de “indexar” esas características empregando moi pouco espazo. Tamén somos rápidos á hora de buscar, grazas ás novas técnicas coas que traballamos en datos.

“A longo prazo, o obxectivo é sentar unha base de coñecemento sobre a música que permita enfocar outros proxectos, por exemplo, aqueles que investigan os seus beneficios en pacientes con alzhéimer”

HILDA ROMERO VELO, enxeñeira informática e investigadora da UDC

—Cales son os seus próximos retos neste camiño? 

—A curto prazo o seguinte paso é traballar en procuras aproximadas, é dicir, aínda que o músico erre nunha nota, sexamos capaces de atopar a partitura.

No longo prazo, o obxectivo é sentar unha base de coñecemento sobre a música que permita a outros investigadores enfocar os seus proxectos. Por exemplo, que aqueles que investigan os beneficios da música en pacientes con alzhéimer poderían traballar cuns datos musicais reais, procedentes da pura relación matemática da música.

—A ferramenta informática creada por vostede podería ter aplicación en ámbitos non musicais, por exemplo na logopedia, foniatría….

—Non o descarto, nin neses nin noutros. Moitas veces un proxecto que xorde cun determinado fin resulta útil para outros ámbitos, nunca sabes o camiño que vai seguir.

O proxecto recibiu o premio Cátedra Aldaba WIB, que supón para vostede este recoñecemento?

—Unha gran satisfacción e un impulso para seguir investigando e traballando.

—Ten outros proxectos en marcha ou en carteira?

—Teño varias ideas e moitas ganas de traballar nelas, pero o enfoque agora está na tese. A carreira investigadora é unha carreira de fondo, así que iremos avanzando pouco a pouco e traballando sobre os resultados que vaiamos acadando. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Podcast | Así se predí un gromo de artrite reumatoide con intelixencia artificial

O novo episodio de O Descodificador conta coa participación das investigadoras do CITIC Blanca Monroy e Amalia Jácome

O dispositivo da UDC que se estende polo mundo para mitigar a contaminación luminosa

O investigador do CITIC Mario Casado deseñou un fotómetro que permite comparar as medicións de luz nocturna cos niveis teóricos de luz natural

Este cranio de quen é? Como identificar restos humanos con imaxes de antes e despois da morte

Un investigador do CITIC desenvolve un sistema que axudará a mellorar a metodoloxía da superposición craniofacial

Un equipo da Coruña ensaia unha ferramenta de IA para apoiar o profesorado

A iniciativa ProgTutor levouse a cabo con 40 estudantes de bacharelato do IES Sofía Casanova de Ferrol
93040