Case un milleiro de persoas déronse cita este venres, 25 de setembro, no Auditorio de Galicia para participar en Sensoxenoma 26, a quinta edición da iniciativa que estuda de forma sistemática a resposta biolóxica humana ante os estímulos musicais. Trátase dun proxecto concibido e desenvolvido integramente polos grupos de investigación do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) GenPoB e GenVip, liderados polos doutores e catedráticos Antonio Salas e Federico Martinón-Torres, respectivamente.
A coordinadora de Sensoxenoma, Laura Navarro Ramón, agradeceu especialmente a colaboración das 200 persoas do público que participaron como doantes nesta quinta edición do proxecto e que contribuirán a “seguir afondando no coñecemento da reacción das nosas molécular ante o estímulo da música”.
“Grazas ás persoas doantes avanzamos na ciencia xenómica, que busca investigar como os estímulos sensoriais, neste caso os que emanan da música, repercuten no noso ADN”, explica Antonio Salas, investigador principal do proxecto. “Persoas que teñen determinadas condicións, como trastorno do espectro autista, alzhéimer ou dano cerebral teñen unha maior sensibilidade molecular, e ademais vemos que estes cambios se producen dunha maneira compensatoria naquelas moléculas alteradas. Comprender os mecanismos máis íntimos da xenética é o primeiro paso para transformar o coñecemento en novas oportunidades para a saúde e o benestar das persoas”, engade Salas.
Federico Martinón-Torres destaca tamén os “espectaculares e sorprendentes resultados” obtidos ata a data con Sensoxenoma, que define como “un proxecto de Galicia para o mundo que marca un antes e un despois, cunha achega nova no estudo da saúde e da enfermidade a través da xenética e ante o estímulo dos nosos sentidos, especificamente ante o estímulo musical”.
Unha sorpresa para os asistentes
Como en edicións anteriores, o programa foi sorpresa para o milleiro de persoas que esgotaron as entradas varios días antes do concerto. Finalmente, o repertorio escollido pola Real Filharmonía de Galicia —co mestre Roberto Baltar á fronte— e pola Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, estivo conformado por sete pezas: Sinfonía sobre motivos de zarzuelas, de Francisco Asenjo Barbieri; Ocaso dos deuses: marcha fúnebre de Sigfrido, de Richard Wagner; Intermezzo de cavalleria rusticana, de Pietro Mascagni; O aprendiz de bruxo, de Paul Dukas; Star Wars: tema da Princesa Leia e A lista de Schindler: tema principal, de John Williams, e Sinfonía fúnebre e triunfal: Apoteose, de Héctor Berlioz.
Dende o grupo Sensogenomics que leva a cabo este proxecto agradecen profundamente a colaboración de ambas as formacións, así como de todas as institucións, asociacións de pacientes e entidades que fixeron posible chegar a esta quinta edición. “Agora queda un longo traballo no laboratorio con estas novas mostras para seguir avanzando no coñecemento de como pode modificar un estímulo musical a nosa resposta biolóxica”, sinala o equipo.














