A cosmoloxía é a parte da astronomía que trata das leis xerais, a orixe e da evolución do universo. E, aínda que pareza que non, ten relación co fenómeno da eclipse. É por iso que durante a semana do 12 de agosto, cando se producirá a eclipse total de Sol de 2026, cuxa banda de totalidade pasa por Galicia, A Coruña acollerá entre os días 10 e 14 de agosto o congreso New Frontiers in Cosmology —Cosmoloxía baixo a totalidade—, coincidindo coa chegada do fenómeno. Contará con 250 participantes procedentes dos centros de investigación de referencia, como a universidade de California-Berkeley (UC Berkeley), Harvard e Princeton. “O principal pulo era traer a Galicia as primeiras espadas da cosmoloxía mundial para falar dos aspectos máis novos, coincidindo coa eclipse total de Sol no lugar máis atractivo para velo”, apunta Antón Baleato Lizancos, investigador posdoutoral coruñés en Berkeley e unha das mentes tras a organización do congreso.
A organización dende A Coruña corre da man do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicación (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC), a través da figura da astrofísica galega Minia Manteiga. Por iso, trátase dun evento que reúne tamén a diversas institucións galegas, como o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), para explotar sinerxias cos equipos internacionais. Ademais, o proxecto conta co apoio da UDC, das agrupacións astronómicas da cidade, dos Museos Científicos Coruñeses, a Universidade de Berkeley e a Fundación Simons, que financia iniciativas científicas como New Frontiers in Cosmology.
E, sobre todos os eventos, está o día 12 marcado no calendario. “Os nosos estudos máis directos non están relacionados co fenómeno da eclipse solar, malia que unha eclipse solar fora a clave para convencer á comunidade científica para describir a relatividade“, explica Baleato Lizancos. E aí comeza unha historia apaixoante que relaciona a cosmoloxía co fenómeno astronómico do ano.
A eclipse como evidencia da Teoría da Relatividade
Unha eclipse tamén pode servir para demostrar unha teoría científica, e iso foi o que ocorreu en 1919. Albert Einstein foi o físico que aportou a Teoría da Relatividade tras Isaac Newton, que afirmaba que a gravidade non era unha forza atractiva entre dúas masas, senón que era unha consecuencia da curvatura do espazo-tempo, derivada da presenza de masa e enerxía. Con todo, seguía a ser un concepto abstracto que precisaba dunha demostración experimental.
Así, a fin de demostrar que Newton se equivocaba e que a luz podía estar curvada polo efecto de obxectos pesados, Einstein agardou catro anos. Para probar a súa teoría, precisaba observar como a luz das estrelas próximas ao Sol era curvada ao pasar preto deste, debido á súa gran masa. Iso só era posible facelo nun escenario no que o ceo estivese o suficientemente escuro como para apreciar a luz das estrelas durante o día. Si, unha eclipse total de Sol, como a que se verá no ceo galego o vindeiro 12 de agosto.
Deste xeito, o astrónomo británico Arthur Eddington viaxou a illa Príncipe, situada na costa oriental de África, para fotografar as estrelas próximas ao Sol durante o fenómeno. Descubriu que as posicións aparentes das estrelas estaban desprazadas, confirmando así a predición de Einstein sobre a desviación da luz debido á gravidade, verificando por primeira vez a Teoría da Relatividade, que ata ese momento só estaba na mente da comunidade científica.
As grandes incógnitas da cosmoloxía: enerxía e materia escura
A Teoría da Relatividade foi unha das principais incógnitas que resolveu a ciencia. Con todo, aínda quedan moitas outras por coñecer. “As que son máis intrigantes son a natureza dos compoñentes escuros do universo: a enerxía escura e a materia escura”, indica Antón Baleato. Explica que a materia escura só interactúa gravitacionalmente, mentres a enerxía escura é “máis misteriosa”, xa que produce que o universo se expanda de forma máis rápida. “As observacións poderían amosar que a enerxía escura pode non ser como pensamos, senón que a súa densidade está evolucionando co tempo”, sinala. Estas son algunhas das cuestións que se tratarán durante os catro días de congreso na Coruña.
Súmase a irrupción da intelixencia artificial (IA) na cosmoloxía. Así, o investigador indica que “está cambiando a maneira en que facemos ciencia”, a pesar da responsabilidade que hai detrás do seu uso. O proceso da cosmoloxía consiste en constatar observacións con modelos teóricos e, segundo os que encaixan mellor, pódese aprender sobre física fundamental para explicar o universo. Con todo, cada vez máis, eses modelos veñen de simulacións: “Podemos explorar máis rangos de modelos, de compoñentes deses modelos, dunha forma máis eficiente; e analizar grandes cantidades de datos dos telescopios máis punteiros”. Resalta que, en pleno 2026, nos atopamos na idade dourada dos observatorios de cosmoloxía. “Poderíamos estar ante un cambio de paradigma se se confirman as observacións”, apunta.
A consolidación e o talento novo
Entre os participantes en New Frontiers in Cosmology atópanse algunhas das figuras máis influíntes da cosmoloxía actual: Uros Seljak, Martin White, Priyamvada Natarajan e David Spergel son algúns dos nomes que se escoitarán no congreso. Por exemplo, White foi quen formulou a teoría das baryon acoustic oscillations (BAO), que permiten medir a evolución do universo segundo pasa o tempo e trátase da principal ferramenta para investigar enerxía escura. Con todo, tamén asistirán membros da nova xeración de cosmólogos: entre eles, 65 estudantes de doutoramento e 15 estudantes procedentes de países en vías de desenvolvemento. Todos os gastos corren a cargo da Fundación Simons.
“Queremos crear e fortalecer a comunidade sen ter en conta nin as fronteiras nin as idades; e queremos garantir o futuro deste campo”, sinala Antón Baleato Lizancos. Así, explica que, para el, facer investigación en cosmoloxía sen adestrar á seguinte xeración é un risco no que non se debe caer.
Vivir a eclipse na Coruña
A pesar dos interesantes relatorios que se levarán a cabo durante o congreso, haberá un día que só sexa para gozar. O 12 de agosto non haberá sesións científicas para que todo o mundo poida vivir a eclipse: “Estudiamos o universo a diario, pero dende o punto de vista emocional estamos afastados”, sinala Antón Baleato Lizancos. Así explica que unha das cousas que máis lle interesa é entablar conversacións con xente que non se dedica nin á cosmoloxía nin á astronomía. “Hai moita xente interesada, xa que teñen un papel semellante á literatura ou á arte”, comenta, e engade: “Unha eclipse total de Sol é un evento sublime e conmovedor, e ten un papel moi importante para poder entender este universo perfecto no que vivimos”.
Durante a xornada da eclipse, o obxectivo é que cada asistente poida escoller o lugar desde o que observar o fenómeno. Esta decisión responde tamén a que os xardíns do edificio da Maestranza, onde se celebrarán os encontros científicos, non contan coa orientación adecuada para a observación da eclipse. Con todo, a organización ten previsto un plan alternativo. Por posibles cambios meteorolóxicos, a organización reservou autobuses para que a xente non perda a observación do disco solar. Así, no caso de que haxa nubosidade na Coruña, as persoas asistentes ao congreso serán trasladadas cara ao interior da provincia, onde semella que o prognóstico é máis positivo ca no litoral.
Unha mirada cara ao Sol
O congreso de cosmoloxía non será o único que se levará a cabo na Coruña durante a semana da eclipse. Entre o 10 e o 14 será a terceira edición do Solar MHD 2026 (Solar Magnetohydrodynamics), onde investigadores de referencia de Europa, Estados Unidos e Asia abordarán os últimos avances na física solar e as simulacións da atmosfera do Sol. Aínda que o principal obxectivo será favorecer o intercambio de coñecementos entre persoal investigador que estuda o astro mediante simulacións magnetohidrodinámicas e observacións de alta precisión, as datas tamén permitirán unha investigación máis aló.
A coincidencia entre o congreso e a semana da eclipse do 12 de agosto non é unha casualidade. As eclipses constitúen unha oportunidade única para observar a coroa solar, a capa máis externa da atmosfera do Sol, cuja estrutura e dinámica continúan sendo obxecto de intensos estudos. Así, permitirase reforzar a relación entre as observacións obtidas durante a eclipse e as simulacións numéricas máis avanzadas, aproveitando a totalidade da Coruña, contribuíndo a mellorar os modelos tridimensionais que explican o comportamento da atmosfera solar.














