A Coruña converterase no epicentro da eclipse en Galicia durante a semana do 12 de agosto de 2026. Aproveitando o tirón do que xa se considera o fenómeno astronómico do ano, a cidade herculina acollerá entre os días 10 e 14 de agosto o congreso New Frontiers in Cosmology —Cosmoloxía baixo a totalidade—, coincidindo coa chegada da eclipse. Este encontro científico situará A Coruña no mapa internacional da investigación cosmolóxica grazas á participación de oito relatoras e relatores de prestixio procedentes de institucións de referencia como as universidades de California-Berkeley (UC Berkeley), Harvard e Princeton.
Entre as persoas participantes figura Minia Manteiga, astrofísica galega e unha das organizadoras do evento. A investigadora do Centro de Investigación de Tecnoloxías da Información e da Comunicación (CITIC) destaca que o congreso supón “unha ocasión moi boa para dar visibilidade non só á eclipse, senón tamén á astronomía na cidade”, xa que atraerá investigadoras, investigadores e estudantes de cosmoloxía de distintos puntos do mundo. O encontro está organizado pola Universidade da Coruña (UDC), a Fundación Simons e o Berkeley Center for Cosmological Physics, por iniciativa do investigador posdoutoral de orixe galega Antón Baleato Lizancos.
Máis aló de tomar a eclipse como fío condutor, o congreso busca dar a coñecer os avances máis recentes neste campo da ciencia a nivel internacional. A elección da Coruña como sede tamén responde á existencia dun núcleo de investigación astronómica de relevancia, malia que a universidade non conte cunha Facultade de Física. Xunto ao programa estritamente científico, o evento incluirá tamén actividades de divulgación en colaboración con institucións locais. Estas charlas abertas ao público, ampliando así o impacto social dun congreso que aspira a converter a cidade nun referente internacional da astronomía durante os días previos á eclipse.
Os perfís das charlas
“Temos 250 participantes procedentes dos centros de investigación máis importantes”, explica Antón Baleato. Entre eles figuran membros da National Academy of Sciences dos Estados Unidos e persoas distinguidas con premios como o Breakthrough, Shaw, Gruber ou New Horizons in Physics. Tamén destacan nomes como David Spergel, Uros Seljak, Priyamvada Natarajan e Martin White.
Con todo, serán oito os relatores que protagonizarán os catro días de congreso. Entre eles atópanse Daniel Anglés-Alcázar, da Universidade de Connecticut; José Luis Bernal, do Instituto de Física de Cantabria; Carolina Cuesta-Lázaro, de Harvard e do MIT; José Edelstein, do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE); Julián Muñoz, da UT Austin; e Francisco Villaescusa-Navarro, da Universidade de Princeton. A este grupo súmanse tamén os impulsores da iniciativa, Antón Baleato Lizancos, da Universidade de Berkeley, e Minia Manteiga, que participarán coas súas respectivas intervencións. “Son perfís moi especializados, pero a calquera astrofísico ou astrónomo encántalle asistir a unha eclipse de Sol; é unha escusa coa que mobilizamos a moita xente”, apunta a astrofísica.
En canto aos contidos do congreso, as xornadas abordarán cuestións clave para afondar no coñecemento da materia escura. “Son temas moi abertos en cosmoloxía, pero as investigacións dos últimos anos e as que están por vir permiten contrastar novas teorías”, explica Manteiga. Entre os resultados recentes apuntan, segundo Baleato Lizancos, que a enerxía escura podería non comportarse como se pensaba.
Foco nos máis novos e no turismo
“Queremos darlle peso á participación de investigadores mozos”, explica a investigadora do CITIC. Con este obxectivo, a Fundación Simons, que financia iniciativas científicas como New Frontiers in Cosmology, cobre os gastos de viaxe e aloxamento de estudantes de todo o mundo para facilitar a súa asistencia á Coruña, especialmente daqueles procedentes de países en vías de desenvolvemento. Dentro deste programa, os participantes aloxaranse na residencia Elvira Bao da UDC. “Ofrece un prezo moi accesible, tendo en conta que os hoteis están moi caros na semana da eclipse”, sinala Manteiga.
Máis aló do seu valor científico, o congreso tamén busca dar a coñecer a cidade da Coruña e contribuír á súa proxección internacional. “No verán é un lugar excepcional para facer turismo, cunha contorna natural fermosa”, destaca Minia Manteiga, quen engade que o evento permite amosar que existe “un turismo diferente, máis aló do de sol e praia”. Na mesma liña, Antón Baleato considera que “a riqueza cultural e gastronómica de Galicia, o mar e a facilidade para desprazarse a pé entre os distintos lugares fan que sexa un destino atractivo para os congresistas que veñen de fóra”.
A visualización da eclipse
No medio das xornadas do congreso terá lugar a eclipse, o 12 de agosto, arredor das 20:30 horas. Por este motivo, a organización decidiu non programar ningunha charla durante esa xornada, co obxectivo de que cada asistente poida escoller o lugar desde o que observar o fenómeno. Esta decisión responde tamén a que os xardíns do edificio da Maestranza, onde se celebrarán os encontros científicos, non contan coa orientación adecuada para a observación da eclipse.
Con todo, a organización ten previsto un plan alternativo. “Por posibles cambios meteorolóxicos, reservamos autobuses para que a xente non perda a observación do disco solar”, explica a astrofísica Minia Manteiga. A previsión meteorolóxica definitiva coñecerase tres ou catro días antes do fenómeno. Manteiga insiste en que a eclipse poderá observarse, xa que terá lugar ao solpor. Así, no caso de que haxa nubosidade na Coruña, as persoas asistentes ao congreso serán trasladadas ao interior da provincia, onde se procurará atopar unha localización con mellores condicións meteorolóxicas para a observación.
O legado cultural do congreso
“É un legado cultural para a cidade”, subliña Minia Manteiga ao referirse a este congreso de cosmoloxía. Durante eses días, A Coruña non só acollerá este encontro impulsado pola Universidade da Coruña, senón tamén outros como o organizado polo CITIC e dirixido a físicos solares. “Vai haber varias frontes abertas e moito movemento cultural e científico arredor das eclipses”, sinala.
Ademais da súa repercusión científica e turística, a investigadora destaca que o evento pode contribuír a espertar vocacións científicas, especialmente entre a xente máis nova, no ámbito da astronomía. “A astronomía é unha forma de entender un pouco máis o que observas ao teu redor”, afirma. Deste xeito, o congreso Cosmoloxía baixo a totalidade pretende achegar unha visión positiva para A Coruña e abrir a porta á celebración de novas edicións reorientadas nos próximos anos.














