A investigadora da UDC Itziar Sobrino acada unha Starting Grant para investigar en dereito ambiental

A galardoada estudará as causas polas que determinadas obrigas se aplican de maneira efectiva mentres que outras se debilitan ou se aplican parcialmente

A investigadora da Universidade da Coruña (UDC) Itziar Sobrino García, da área de Dereito Administrativo, vén de acadar unha axuda Starting Grant, unha das axudas máis competitivas do Consello Europeo de Investigación (ERC). A través desta iniciativa desenvolverá o proxecto ENACT, centrado nun dos desafíos fundamentais para o cumprimento das políticas ambientais europeas: comprender que acontece coas obrigas xurídicas cando, unha vez aprobadas a escala da UE ou dos Estados, chegan ao nivel local encargado de executalas.

O proxecto estudará as causas polas que determinadas obrigas ambientais se aplican de maneira efectiva mentres que outras se debilitan, se aplican só parcialmente ou incluso deixan de producir os efectos previstos antes da fase de cumprimento. A investigación poñerá o foco en dous ámbitos estratéxicos para o desenvolvemento do Pacto Verde Europeo: a xestión dos residuos e a eficiencia enerxética dos edificios.

Publicidade

Para iso, ENACT combinará análise xurídica e traballo empírico en España, Italia e Irlanda, cunha fase posterior de contraste noutros países europeos. O obxectivo é identificar os factores normativos, institucionais e organizativos que inflúen na aplicación das normas e desenvolver ferramentas que permitan deseñar unha lexislación máis resistente aos procesos de perda de eficacia durante a súa implementación.

Unha especialista en Dereito ambiental e gobernanza pública

Graduada en Dereito pola UDC, é doutora en Dereito pola UVigo, con premio extraordinario de doutoramento e mención internacional, actualmente investigadora posdoutoral da Xunta de Galicia na UDC e adscrita ao centro de investigación interuniversitario ECOBAS. A súa traxectoria céntrase no ámbito do Dereito administrativo e, especialmente, do Dereito ambiental, con liñas de traballo vinculadas á xestión de residuos, a gobernanza local, a contratación pública e a aplicación das obrigas ambientais polas administracións públicas.

Publicidade

Antes desta Starting Grant participou como investigadora no proxecto estatal ECIL, dedicado ao estudo das políticas públicas e das ferramentas xurídicas para a economía circular nos residuos municipais. Na actualidade lidera o proxecto LEGISWASTE, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e é coinvestigadora principal desde a UDC do proxecto transfronteirizo BIO_TRANSFER_GNP, orientado á transferencia de coñecemento en bioeconomía na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

A súa produción científica inclúe publicacións en revistas internacionais indexadas en JCR e Scopus, ademais de capítulos de libro e outras obras especializadas.

Investigación de excelencia desde a UDC

“Esta axuda supón unha oportunidade extraordinaria para consolidar e ampliar unha liña de investigación que desenvolvín durante os últimos anos arredor da aplicación efectiva do Dereito ambiental”, di Sobrino. A investigadora destaca que a ERC Starting Grant permitirá crear un equipo propio e abordar estas cuestións cunha maior ambición científica e metodolóxica, incorporando unha perspectiva comparada europea. Ademais, considera que “este recoñecemento avala unha traxectoria construída con vocación internacional e centrada en cuestións clave para o Dereito público contemporáneo”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto da UDC propón un kit impreso en 3D para previr lesións asociadas ao uso do teclado e do rato

Doralys Torriente Aguilar deseñou unha solución ergonómica para exercitar e fortalecer as mans, os pulsos e os antebrazos mediante seis exercicios

O avance do piñeiro ameaza a caramiña, unha das xoias naturais das dunas galegas

Unha investigación constata que os piñeirais reduciron un 61,5% o ecosistema da Praia de Trece dende 1956 e dificultan a supervivencia da especie

A propulsión nuclear, a exame como alternativa para descarbonizar o transporte marítimo

Unha investigación do CITENI analiza os riscos dos reactores de sales fundidas para a súa posible aplicación nos buques do futuro

Os mapas da xentrificación en Galicia: estes son os barrios máis afectados

Un novo estudo identifica as áreas máis vulnerables en Vigo, A Coruña e Santiago e describe a reconfiguración das tres urbes nun período de seis anos