A Xunta de Galicia activa a alerta vermella por calor no interior de Pontevedra por temperaturas que poderán acadar entre os 36 e os 39 graos. O nivel laranxa acéndese no noroeste da Coruña e na montaña de Ourense, mentres que o amarelo afectará a montaña de Lugo e Valdeorras. Debido ás alertas por calor, a Secretaría Xeral para o Deporte suspende a actividade deportiva do programa Xogade no exterior entre as 12 e as 20 horas do venres nas áreas afectadas polas alertas vermella e laranxa. A actividade federada non se suspende, pero recoméndase á organización das probas que adapte os horarios da práctica deportiva ás condicións específicas de cada zona para que, na medida do posible, se eviten as horas de máis calor e se minimice o impacto das altas temperaturas.
Para activar os avisos e elaborar o mapa de riscos para a saúde provocados polas altas temperaturas, a Consellería de Sanidade ten en conta os datos rexistrados por Meteogalicia e por Meteosalud. Meteogalicia ten en conta as temperaturas máximas e mínimas diarias e tamén se se superan os límites establecidos para que poida ter lugar un episodio de calor. Pola súa banda, Meteosalud realiza os seus cálculos de acordo á análise das series temporais de temperatura e mortalidade tendo en conta os datos rexistrados nos últimos 20 anos.
Para anticiparse aos posible efectos das altas temperaturas na saúde da poboación galega, a Consellería de Sanidade ten en conta os niveis de alerta de ambos os sistemas co obxectivo de establecer un nivel de alerta de acordo aos seus datos. Xa que logo, a información que conteñen estes tres mapas responde a diferentes parámetros, motivo polo que poden non coincidir.
Recomendacións xerais para a poboación
Os principais grupos de risco ante os efectos da calor son as persoas maiores de 65 anos e menores de catro anos, sobre todo as menores dun ano; persoas que padecen patoloxías como enfermidades cardiovasculares (enfermidade cerebrovascular, insuficiencia cardíaca, arteriopatía periférica), diabetes mellitus, enfermidade pulmonar obstrutiva crónica, insuficiencia renal, párkinson, alzhéimer ou patoloxías similares, enfermidade psiquiátrica; persoas que tomen determinados fármacos: fármacos con efecto anticolinérxico, diuréticos, consumo importante de alcol, etc. Tamén son grupos de risco os maiores que viven sós, as persoas de risco que viven en vivendas mal acondicionadas, as persoas con exceso de peso ou peso excesivamente baixo, traballadores, deportistas, ou aquelas que pasan varias horas en exteriores, etc.
A Consellería de Sanidade lembra os principais consellos e recomendacións que debe seguir a poboación, como beber máis líquidos sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos; evitar bebidas quentes, alcohólicas, café, té ou cola e as moi azucradas; aumentar o consumo de ensaladas, verduras e froitas; evitar comidas copiosas; comer menos cantidade e máis veces ao día; manter os alimentos no frigorífico e vixiar sempre as medidas hixiénicas. Así mesmo, usarase roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiro, lentes de sol e cremas protectoras solares, ademais de calzado fresco, cómodo e que transpire.
Igualmente, aconséllase permanecer en espazos ventilados ou acondicionados e estar á sombra; utilizar as habitacións máis frescas da vivenda; ventilar o fogar nas horas de menos calor e durante o día mantelo fresco e coas persianas baixadas; evitar as actividades ao aire libre nas horas de máis calor e reducir a actividade física; e cando se estacione o coche, non deixar no interior nenos, nin anciáns coas xanelas pechadas.
No caso de sufrir esgotamento ou un golpe de calor, recoméndase solicitar axuda médica urxente chamando ao 061. Recorde que, se ten parentes ou veciños que vivan sós, é conveniente facerlles un seguimento especial estes días, coa fin de comprobar que seguen as medidas recomendadas e o seu estado de saúde é o habitual.
Concellos afectados
A continuación, unha listaxe dos concellos afectados polos avisos:
- Interior de Pontevedra (nivel vermello): Agolada, O Campo Lameiro, A Caniza, Cerdedo Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda, Vila de Cruces.
- Noroeste da Coruña (nivel laranxa): Abegondo, Ares, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cabana de Bergantiños, Cabanas, Cambre, Carballo, Cariño, Carral, Cedeira, Cerceda, Cerdido, Coristanco, A Coruña, Culleredo, Fene, Ferrol, Laxe, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Mañón, Miño, Moeche, Mugardos, Narón, Neda, Oleiros, Ortigueira, Oza Cesuras, Paderne, Ponteceso, Pontedeume, Sada, San Sadurniño, Valdoviño, Vilarmaior.
- Montaña de Ourense (nivel laranxa): O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Esgos, A Gudiña, Maceda, Manzaneda, A Mezquita, Montederramo, Parada de Sil, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, Riós, A Teixeira, A Veiga, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, Xunqueira de Espadanedo.
- Montaña de Lugo (nivel amarelo): Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Samos, Triacastela.
- Valdeorras (nivel amarelo): O Barco de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras.
O mapa da Dirección Xeral de Saúde Pública, xunto coas recomendacións e o Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas están dispoñibles nesta ligazón.














