Unha sucesión de frontes atlánticas varrerá Galicia ata o domingo. De feito, está activada a alerta laranxa no mar para xoves e venres por ondas que poden superar os cinco metros. Un río atmosférico reforzará as precipitacións da fin de semana ao achegar máis humidade e tamén está prevista a chegada dunha masa de aire polar que provocará un brusco descenso das temperaturas a partir do sábado. Meteogalicia prognostica unha tregua entre o domingo e o luns, pero o martes chegaría de novo unha fronte atlántica intensa.
“O chorro polar está moi forte no Atlántico, o que se traduce nun desfile de borrascas coas súas frontes asociadas, ventos do oeste e unha situación marítima alterada naqueles sectores máis expostos ao oeste”, sinala o meteorólogo Samuel Biener no portal Meteored, ao tempo que fai especial fincapé en Galicia como unha das comunidades máis afectadas por este escenario. Estima que, ata o domingo, se poidan acumular ata 100 l/m2 en zonas de Pontevedra, o sur da Coruña e no extremo noroeste de Ourense.
Chuvia abundante no sur e oeste de Galicia
Segundo a previsión de Meteogalicia, as baixas presións situadas sobre Irlanda provocarán precipitacións intensas durante o xoves, que perderán forza durante a noite. A alerta laranxa estará acendida en todo o litoral galego por ondas de ata cinco metros. Tamén se rexistrará un lixeiro descenso das temperaturas, que non superarán os 16 graos de máxima. O escenario manterase durante o venres, con chuvascos moi frecuentes na fachada atlántica e unha intensa humidade procedente do río atmosférico. Haberá avisos laranxas no mar da Costa da Morte e do noroeste da Coruña por ondas de máis de cinco metros e alerta amarela por precipitacións intensas nas provincias de Ourense e Pontevedra, así como no oeste e suroeste da Coruña. Tamén haberá aviso amarelo por ondas de máis de catro metros na Mariña lucense e nas Rías Baixas.
Tregua de dous días
O sábado agárdase un día de moita inestabilidade, polo paso dunha fronte moi activa que deixará precipitacións xeneralizadas, localmente fortes e persistentes, sobre todo no oeste e sur da comunidade. A chegada dunha masa de aire polar descenderá as temperaturas e incluso poderá haber neve nos cumios máis altos do leste do territorio. O domingo volverá a influencia das altas presións, con chuvascos illados e ocasionais no norte e oeste da comunidade, que irán remitindo conforme avance o día.
En canto á vindeira semana, o luns agárdase unha xornada de tempo solleiro, “tranquilo e apacible”. Porén, a estabilidade durará pouco: o marches achegarase unha nova fronte moi intensa que deixará abundantes chuvias e fortes refachos de vento. “E non sería a única fronte da semana, xa que entre xoves e venres agardamos unha visita dunha segunda fronte bastante activa”, sinala Meteogalicia.













