Unha nova aplicación optimiza a busca do punto ideal para observar as próximas eclipses en Galicia

TresEclipses ofrece un simulador virtual que integra datos astronómicos e relevo terrestre para localizar as zonas con mellor visibilidade

A península ibérica converterase no epicentro astronómico mundial nos vindeiros anos coa chegada de tres fenómenos históricos: as eclipses totais de 2026 e 2027, e a anular de 2028. Estas tres citas consecutivas presentan unha cuestión loxística tan sinxela como complexa: cal é o mellor sitio para garantir unha boa experiencia de observación? Para guiar a profesionais e afeccionados nesta procura do lugar perfecto, nace TresEclipses, unha aplicación deseñada para transcender os mapas xerais que se basean en parámentros únicos —como, por exemplo, a nubosidade— e combinar diversos factores, como a meteoroloxía e a orografía, para axudar a decidir que terreo resultará idóneo para ter a mellor visibilidade.

A plataforma parte dunha premisa clara: estar dentro da franxa de totalidade ou anularidade é só o principio da ecuación, pero non o único factor requirido para ver a eclipse sen obstáculos. Dous puntos xeográficos situados dentro da mesma área poden ofrecer experiencias completamente distintas en función da duración do fenómeno, a altura do Sol ou as condicións do relevo. Conscientes de que as localizacións máis famosas sufrirán unha gran presión turística —e a súa consecuente masificación—, TresEclipses non se limita aos puntos habituais, senón que sinala alternativas próximas que ofrezan a mesma visibilidade, pero co beneficio loxístico de agardarse unha menor afluencia de visitantes.

Publicidade

Como usar TresEclipses

Dende o menú principal é posible consultar información sobre as tres eclipses, adentrarse na metodoloxía da páxina e acceder ao simulador na súa versión gratuíta. O funcionamento desta aplicación baséase no cruce de datos astronómicos precisos co modelado dixital do terreo: o sistema calcula a posición relativa do Sol e da Lúa en cada momento para determinar aspectos como a magnitude e a duración da fase central. Posteriormente, superpón esta información sobre o perfil do horizonte natural, estimando que montañas ou accidentes xeográficos poderían tapar o Sol nos momentos máis críticos da eclipse. Cómpre subliñar que, así e todo, este cálculo toma como referencia o relevo orográfico, sen incluír elementos artificiais como podería ser un edificio.

Unha das principais funcións da ferramenta é o Score de visibilidade, unha puntuación de 0 a 100 que avalía unha serie de indicadores globais: o tipo de eclipse local, a duración da fase central, a cobertura do disco solar e o horizonte real. Así, este parámetro funciona como unha guía para ordenar opcións, comparar os mellores miradores dunha zona —dos que tamén presenta unha lista cos candidatos máis axeitados— e descartar aqueles puntos onde o relevo poida xogar unha mala pasada.

Publicidade

A interface de TresEclipses facilita o traballo de campo a través de dúas vistas complementarias. Nun primeiro paso, o usuario pode explorar as áreas mediante un mapa xeral baseado no Score, para despois descender ao detalle cunha simulación visual dende o propio punto elixido. Esta función permite anticipar a traxectoria exacta do Sol e da Lúa sobre o horizonte e gardar os lugares favoritos directamente no dispositivo, asegurando que a información clave estea dispoñible e a man o propio día do evento.

A experiencia completa

Para os usuarios máis esixentes e os profesionais do sector, a aplicación ofrece ademais o Planificador Pro. Esta versión de pago multiplica o número de localizacións seleccionadas dispoñibles e integra capas de datos fundamentais como a climatoloxía histórica da zona e simulacións aínda máis profundas sobre o horizonte real.

1 comentario

  1. Moitas grazas a GCiencia pola cobertura e polo cariño co que explicastes o proxecto. Como creador de TresEclipses, fíxome moita ilusión ver a ferramenta presentada con tanto coidado divulgativo. Aínda que o galego non é a miña lingua, parecía importante que a web estivese tamén dispoñible en galego para quen queira planificar os próximos eclipses dende Galicia: https://www.treseclipses.es/gl

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Conta atrás para a eclipse parcial de Lúa: por que se tinguirá de vermello e cando acadará o seu máximo

O fenómeno comezará ás 4.34 horas e rematará ás 9.01, sen que se precisen lentes especiais para a súa observación

Sete segundos de escuridade

Unha experiencia máis sobre a eclipse total do 12 de agosto, escrita por unha xornalista de GCiencia. Por Andrea Veiga

Dende Doniños ata Francia: así viviron as grandes científicas e científicos galegos a eclipse total de Sol

O fenómeno do 12 de agosto reuniu a referentes da ciencia en distintos puntos do mapa, que o viron en praias e xardíns

A eclipse solar vista dende o espazo: así é a sombra que se proxectou sobre a Terra

As imaxes do Meteosat de terceira xeración, tomadas a 36.000 quilómetros de altitude, amosan o camiño da Lúa xusto antes da chegada da noite