Así evoluciona o tempo en Galicia antes da eclipse: ceos máis despexados no interior e incerteza no norte

O litoral norte da Coruña e A Mariña concentran as dúbidas pola posible presenza de nubes baixas, mentres o resto da comunidade presenta unha situación favorable

Pasan os días e achégase unha das datas máis agardadas do ano: o 12 de agosto, unha xornada que permitirá a Galicia contemplar unha eclipse total de Sol. Con todo, hai unha incógnita da que todo o mundo quere a resposta —e non só os galegos—, e é que tempo fará durante o vindeiro mércores. Para contestar, tanto a Axencia Meteorolóxica Estatal (Aemet) como Meteogalicia habilitan unha predición meteorolóxica diaria para coñecer como irá avanzando o anticiclón cara a Galicia e, sobre todo, cal será o índice de nubosidade que haberá nos concellos que ocupan a banda de totalidade, o factor máis importante para a visibilidade.

A información que achega a axencia meteorolóxica galega durante o xoves 6 de agosto é que a configuración máis probable para a comunidade é que quede nunha situación intermedia entre as altas e as baixas presións con réxime de ventos do nor-noroeste. Que significa isto? É unha situación que adoita deixar un patrón de ceos despexados no interior e intervalos de nubes no litoral, especialmente no norte-noroeste, coincidindo con onde a Lúa tapará por completo ao Sol, cunha cobertura do 100%.

Publicidade

Predicións a medio prazo na totalidade

O concello de Mañón (A Coruña) será o que máis tempo permaneza na fase de totalidade, segundo a información achegada pola Xunta de Galicia, cun minuto e 47 segundos. Meteogalicia fai unha predición a medio prazo que chega ata o domingo 9 de agosto, e apunta para as próximas datas ceos con nubes e claros neste enclave coruñés, ocasionalmente pouco anubrados ou despexados. O mesmo prognóstico haberá en Ferrol, Cariño e Burela (Lugo).

No caso da Coruña, Malpica e Agolada —esta última no límite da totalidade na provincia de Pontevedra—, o servizo meteorolóxico sinala que haberá ceos pouco anubrados ou despexados, aínda que poderá tenderse cara a nubes e claros. No Vicedo, os ceos caracterizaranse por nubes e claros en xeral durante os vindeiros días, aínda que ocasionalmente tornarán pouco anubrados ou despexados. Nos escasos puntos da provincia de Ourense por onde pasará a totalidade, como Carballeda de Valdeorras, agárdase a curto prazo unha alternancia de ceos con nubes e claros con momentos pouco anulados ou despexados.

Publicidade

Para consultar información, o espazo web de Meteogalicia pon á disposición do público un mapa interactivo con todos os concellos sobre o que se indica en cales será total e en cales se verá de forma parcial. Así, a tres días para a eclipse, dende o novo espazo web habilitado pola Xunta poderase acceder pinchando sobre cada concello a unha pestana co prognóstico meteorolóxico para a mañá, a tarde e a noite do 12 de agosto, ademais de toda a predición detallada.

Tamén dende a parcialidade

A zona sur da comunidade galega estará baixo a parcialidade, con cifras que non chegan ao 100% da cobertura do Sol á Lúa. Por exemplo, a diferenza entre Vigo e a totalidade será de 0,7 puntos percentuais. En Ourense, de 0,2. No caso de Santiago de Compostela será do 0,1%. Nin sequera un 99,99% poderá permitir unha noite escura tan clara como na banda de totalidade. Nestes emprazamentos será case de noite, pero verase un ceo azul ou gris moi profundo, pois seguirá demasiado iluminado a causa da forte luz que desprende o Sol. Na parcialidade, xa que só se cubre parte da superficie, nunca se verá a coroa solar, xa que o brillo da fotosfera é tan inmenso que oculta esta aura branca e filamentosa.

Pero a cuestión é que tamén se poderá ver dalgún xeito este fenómeno dende estes enlaves, polo que a meteoroloxía será importante. A curto prazo, en Vigo agárdase unha alternancia de ceos con nubes e claros con momentos pouco anubrados ou despexados, así como en Vilagarcía de Arousa. Mentres, en Forcarei, onde se atopa un dos observatorios máis potentes de Galicia, haberá ceos pouco anubrados ou despexados, avanzando cara a unha tendencia entre nubes e claros, como ocorrerá tamén na Estrada. Cabo Fisterra, un dos lugares da Costa da Morte dende onde se poderá observar a eclipse e o último solpor da Península, alternará períodos pouco anubrados ou despexados con outros ocasionalmente moi anubrados ou con nubes e claros.

Ourense, sumerxida na parcialidade, ten a mesma tendencia: unha alternancia entre ceos pouco anubrados ou despexados con predominancia de nubes e claros.

A máxima preocupación: a nubosidade

A nubosidade é o factor que máis incidirá na posibilidade de ver ou non a eclipse total. O meteorólogo Benito Fuentes comparte un mapa no seu perfil de X cunha predición provisional e non definitiva sobre a cobertura nubosa no territorio peninsular. A pesar de que a meirande parte de Galicia queda inmersa no predominio dun ceo pouco nuboso ou despexado —sinala que é a zona con maior probabilidade de obter mellores vistas da eclipse total, como o interior da Coruña e Lugo, ou a eclipse parcial en toda a provincia de Pontevedra e Ourense—, o litoral norte da Coruña e A Mariña quedarán baixo unha rexión de resignación.

Neste caso é máis probable que exista nubosidade, aínda que a afectación non sexa a mesma en toda a zona, xa que é un dato que aínda non se pode precisar con exactitude a seis días do fenómeno. Con todo, no caso de que as nubes chegaran a este territorio, unha alternativa achegada por Benito Fuentes sería acudir a zonas altas, como montañas, onde a nubosidade será máis baixa. De todos os xeitos, sería un acto que non garantiría a observación da eclipse, pois o Sol estará moi preto do horizonte e, posiblemente, agochado tras a capa de estratocúmulos —é dicir, nubes baixas, as máis densas e que impiden en maior medida a visibilidade do evento—.

A falta de cinco días

Para acadar a maior precisión posible no prognóstico precísanse entre catro e tres días, aínda que segundo explica Benito Fuentes, todo dependerá da situación meteorolóxica. Explica que, se sobre Galicia está situado un anticiclón, os modelos sinalan que a variable poderá perdurar co tempo. Con todo, a predición meteorolóxica aínda apunta á incerteza. Ademais, recomenda que, como o Sol estará baixo sobre o horizonte, deberase consultar o prognóstico daquela zona situada a unhas decenas de quilómetros ao oeste, aproximadamente. Así, só queda esperar.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistra o verán máis cálido dende 1961, cunha temperatura media de 21,4 graos

O informe climatolóxico de Meteogalicia informa de que foi unha estación seca, cunha precipitación media acumulada dun 22% menos do habitual

Activada a alerta vermella por calor no interior de Pontevedra durante o venres

A Xunta acende o aviso laranxa por altas temperaturas no noroeste da Coruña e na montaña de Ourense e o amarelo na montaña de Lugo e en Valdeorras

A Xunta activa a alerta vermella por episodio de calor no interior de Pontevedra durante o xoves

Galicia quedará ata o próximo sábado baixo a influencia dun anticiclón que tamén provocará avisos no centro de Lugo, interior da Coruña e montaña de Ourense

Unha masa de aire africano trae temperaturas por enriba dos 30 graos en Galicia a partir do xoves

O fenómeno elevará as máximas ata 37ºC en Ourense e deixará valores próximos aos 30ºC en boa parte do territorio, con aviso amarelo no interior