Turismo sostible a través da identidade gastronómica e patrimonial: este é o proxecto ‘Os Fogóns do Anllóns’

A Deputación da Coruña completa dúas novas actuacións en Cabana de Bergantiños e Ponteceso para impulsar o plan enogastronómico

O Anllóns é un río cunha lonxitude de case 63 quilómetros situado na provincia da Coruña. Ademais da súa importancia fluvial, un proxecto turístico da Deputación coruñesa tamén leva o seu nome: ‘Os Fogóns do Anllóns’, un plan enogastronómico en colaboración cos concellos da Laracha, Carballo, Coristanco, Ponteceso e Cabana. Trátase dunha estratexia que busca potenciar os recursos naturais, culturais e, sobre todo, gastronómicos da comarca de Bergantiños. Para iso, levan a cabo actuacións como a construción dun miradoiro en Sinde (Cabana) e a recuperación ambiental e mellora dos accesos peonís no estuario de Ponteceso, que permitirán gozar dunha das paisaxes máis singulares da provincia, financiados a través de fondos Next Generation e a marca coruñesa ‘A paisaxe que sabe’.

As oportunidades non só chegan en forma de turismo, senón tamén como motor do desenvolvemento socioeconómico dos territorios polos que transcorre o río Anllóns, ofrecendo novas oportunidades para produtores locais, restauradores e emprendedores. É este o motivo polo que ‘Os Fogóns do Anllóns’ aposta por integrar a riqueza gastronómica e paisaxística da comarca baixo unha marca común, creando así unha identidade forte e recoñecible. Así, o perfil do visitante potencial será un turista consciente, interesado en experiencias auténticas que representen como se vive realmente nestas vilas durante todo o ano, e respectuosos co medio ambiente.

Publicidade

“Favorécese un turismo máis equilibrado, menos estacional e con maior impacto positivo na economía local”, escriben na páxina web da iniciativa. Ademais, actúa tamén como ferramenta de preservación do patrimonio inmaterial, reforzando o vínculo das comunidades co seu territorio e fomentando o orgullo local.

Unha dieta variada

A cociña do Anllóns representa á perfección a riqueza natural e cultural do territorio coruñés, cunha dieta constituída por produtos de calidade locais e de tempada. Nos menús, preparados con agarimo, aparecen dende peixes e mariscos das rías galegas —como o percebe, o mexillón ou o berberecho do Anllóns— ata carnes gandeiras de cercanía e hortalizas cultivadas na beira do río. Así, chegan do campo ao prato con creacións que chaman á singularidade e frescura dos seus produtos.

Publicidade

Combinación co turismo e patrimonio

O turismo activo e o patrimonio xogan tamén un papel fundamental no plan de ‘Os Fogóns do Anllóns’ que vai máis aló da gastronomía. Neste contexto, hai unha gran variedade de actividades que se poden realizar mentres se goza dunha contorna máxima en Galicia. Por exemplo, sendeirismo polos cantís da costa coruñesa, rutas entre faros e muíños de auga, e actividades de ciclismo, ata a práctica de surf e kayak no Atlántico. A páxina web da iniciativa recolle máis de 20 puntos de interese repartidos entre os concellos participantes e unha ruta sinxela a través dos monumentos históricos. O Castro de Borneiro, o Dolmen de Dombate, a Ermita de San Fins do Castro e o Faro do Roncado son algúns dos enclaves que se poden visitar na contorna do río Anllóns. A ruta, de dous quilómetros de distancia, visita algúns catro destes enclaves, importantes dende un punto de vista tanto histórico como turístico.


Podes consultar máis información sobre o proxecto ‘Os Fogóns do Anllóns’ na seguinte ligazón.

1 comentario

  1. Un proxecto moi interesante.
    Oxalá @s autor@s da web tiveran en conta as persoas galegofalantes e mesmo o inglés e o francés tampouco lle acaerian mal a unha web que busca atraer o turismo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Atopados os restos óseos dun individuo durante a escavación da foxa de Beira, en Carral

Un equipo da USC busca espazos de violencia franquista na parroquia coruñesa, onde foron enterradas entre agosto e setembro de 1936 un mínimo de 18 vítimas na contorna da igrexa

Un prato galego e unha copa gaditana: así foi o evento gastronómico que conectou ambas as cociñas

O proxecto 'Cádiz 365 días do ano' celebrou no restaurante compostelán 'A Horta d'Obradoiro' a nova conexión aérea con Galicia

A Deputación da Coruña recibe en Madrid o Premio Gourmet Turismo Gastronómico

O galardón recoñece a aposta da institución provincial por un modelo baseado na calidade, a autenticidade e a sostibilidade

Os chefs Iria Espinosa e Luís Veira representan ‘A paisaxe que sabe’ no Premio Cociñeiro/a Galego/a 2026

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, destaca o "momento extraordinario" da cociña coruñesa polo seu produto, identidade e creatividade