‘Galicia en ruta’: 12 camiños para coñecer o patrimonio, a paisaxe e a gastronomía galegas

A guía da Xunta estará dispoñible en sete idiomas e recolle itinerarios que se adaptan a diferentes espazos temporais e preferencias

Montaña ou mar? Campo ou cidade? Viaxes longas ou escapadas dunha xornada? Hai tantos viaxeiros como formas de viaxar. E máis no caso de Galicia, onde teñen cabida todas as variedades de turismo, dende aquelas que buscan explorar construcións históricas nunha viaxe de conexión co pasado ás que favorecen o descanso e a admiración paisaxística en primeira liña de praia. Con todo, a abundancia de posibilidades pode resultar abafadora no momento de establecer unha guía de viaxe. A fin de facilitar esta tarefa, a Xunta de Galicia lanza o proxecto Galicia en ruta.

Esta iniciativa —que se deu a coñecer na Feira Internacional de Turismo (Fitur 2026)— nace co obxectivo de estruturar a oferta do destino e facilitar que os visitantes, tanto nacionais como internacionais, poidan organizar as súas estancias de xeito autónomo e personalizado, sen que isto implique sacrificar a calidade da ruta. Esta proposta concíbese como unha ferramenta práctica e visualmente enriquecida con recursos fotográficos que permite planificar a estancia en función dos días dispoñibles e as preferencias do viaxeiro, convertendo cada traxecto nunha balanza a medida entre o patrimonio, a paisaxe e a gastronomía.

Publicidade

Para garantir que esta oferta chegue con eficacia aos principais mercados exteriores, Turismo de Galicia anunciou a tradución da guía a seis idiomas. Tras a súa edición inicial en castelán, o manual contará con versións en galego e inglés, ás que se sumarán proximamente o portugués, francés, alemán e italiano. Esta estratexia de internacionalización pon o foco nos visitantes de Europa e Norteamérica e procura facilitar o acceso a información sobre a comunidade dende múltiples linguas coa fin de propiciar un maior fluxo turístico.

Unha guía completa e adaptable

O manual Galicia en ruta non é só un folleto informativo, senón unha ferramenta de planificación exhaustiva que propón 12 itinerarios. Estas rutas están deseñadas en función de variables como os días de estancia dispoñibles, o punto de partida ou os intereses específicos do viaxeiro. Con esta estrutura, o Goberno galego busca non só atraer máis visitantes, senón tamén distribuír os fluxos turísticos e impulsar destinos menos coñecidos da comunidade.

Publicidade

Dentro da guía, un bloque fundamental dedícase a viaxeiros que queren percorrer Galicia segundo o seu tempo de vacacións. Propóñense tres rutas de longo e medio percorrido: unha de oito días, que atravesa o corazón do patrimonio galego dende O Cebreiro ata Monterrei, a maior acrópole galega; unha de cinco días, que sintetiza as marabillas do interior autonómico; e unha de tres días centrada no eixo atlántico e o interior próximo. Esta última proposta establece un itinerario entre Santiago, A Coruña, Pontevedra e Ourense para rematar o traxecto na Parada do Sil, un punto idóneo para explorar a Ribeira Sacra.

Rutas radiais en torno ás principais urbes galegas

Esta proposta ofrece sete rutas radiais pensadas para o turista que prefire as escapadas dun día que permitan retornar a un punto central coa caída da noite. Estes traxectos toman como base de saída as sete principais cidades de Galicia. Deste xeito, os visitantes poden explorar o territorio sen necesidade de realizar constantes mudanzas de aloxamento, o que favorece unha estancia máis relaxada e de maior calidade no destino elixido. É a opción ideal para unha inmersión máis profunda nun espazo determinado.

Praza de María Pita, A Coruña. Imaxe: Turismo de Galicia
Praza de María Pita, A Coruña. Imaxe: Turismo de Galicia

Na provincia da Coruña, as rutas radiais cobren zonas como Ferrolterra e Ortegal, as Mariñas coruñesas e a Costa da Morte, partindo dende Ferrol ou A Coruña. Santiago de Compostela, un destino emblemático para peregrinos de todas partes do mundo, será o nexo de catro propostas distintas que achegan ao viaxeiro a Fisterra, O Barbanza, Melide ou Deza-Tabeirós. Este deseño facilita que o turista urbano descubra a diversidade xeográfica e patrimonial que rodea os grandes núcleos de poboación.

Pola súa banda, para as provincias de Pontevedra, Ourense e Lugo tamén se articulan as súas contornas a través destas excursións de xornada única. Dende Vigo e Pontevedra pódese acceder ao Morrazo, ás Cíes ou ao Baixo Miño, entre outros moitos destinos, mentres que Ourense pasa a ser a porta de entrada a zonas como a Baixa Limia ou o Ribeiro. Lugo vólvese o punto de saída idóneo para descubrir paraxes como os Ancares, o Courel ou a Mariña lucense, garantindo que o turismo de natureza teña un protagonismo central.

Praia de Frouxeira, Valdoviño. Imaxe: Turismo de Galicia
Praia de Frouxeira, Valdoviño. Imaxe: Turismo de Galicia

Para viaxeiros naturalistas

Como complemento ás rutas baseadas na marxe temporal e nos destinos máis urbanísticos, Galicia en ruta inclúe dúas grandes travesías perimetrais que abrazan o territorio. A Ruta Azul percorre os case 1.500 quilómetros de costa, dende a desembocadura do Miño ata a mariña de Ribadeo; é o destino ideal para os amantes do océano, que experimentarán o Atlántico e poderán coñecer as vilas mariñeiras que se asentan aos seus pés.

En contraposición, a Ruta Verde céntrase no interior, seguindo as comarcas orientais que fan fronteira con Asturias, Castela e León e Portugal, poñendo o foco no patrimonio etnográfico. Deste xeito, a Xunta busca recalcar a diversidade paisaxística de Galicia, onde terra e mar existen nunha confluencia harmoniosa.

Castelos na Ría de Ferrol. Imaxe: Turismo Galicia
Castelos na Ría de Ferrol. Imaxe: Turismo Galicia

Unha proposta exhaustiva

Ben suplido de material fotográfico e información práctica, o manual busca que cada persoa poida adaptar a súa viaxe segundo as súas preferencias, xa sexa buscando a relaxación das paisaxes naturais ou a enerxía das festas de interese turístico. A aposta pola calidade sitúase no centro da programación, e confirma unha tendencia observada nos últimos anos que entende as viaxes, máis que como unha lista de destinos que marcar, como unha experiencia de conexión xenuína co contexto local.

Con Galicia en ruta, a comunidade non só presenta beleza e historia, senón tamén accesibilidade —ao ofrecer diferentes alternativas en múltiples idiomas— e flexibilidade —pois a oferta é ampla e adaptable aos requerimentos específicos de cada viaxeiro—, reforzando a súa imaxe como un destino para todos os gustos: da costa ao interior, do rural ao urbanístico, e a medio camiño entre os costumes e tradicións autonómicas e as demandas do turista moderno.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Seis destinos Starlight en Galicia onde ver a eclipse de agosto na súa totalidade

O fenómeno astronómico ocorrerá o 12 de agosto a última hora da tarde e a comunidade galega será un dos mellores lugares do mundo para observalo

Mercados, beléns e espectáculos: a guía do Nadal nas provincias galegas

A Axencia de Turismo da Xunta dá a coñecer as actividades festivas, obradoiros e experiencias de interese cultural da comunidade que se poden visitar entre decembro e xaneiro

Non só sofren as praias do Mediterráneo: estes son os impactos que ameazan os areais de Galicia

O litoral galego tamén padece danos reais: erosión, vertidos, plásticos e contaminación fecal son algúns dos efectos

“Escenarios ao volante”: descubre Galicia a través das súas paisaxes e estradas

Turismo de Galicia presenta unha nova iniciativa que ofrece máis de 1.000 quilómetros de rutas pola xeografía galega, combinando natureza e miradoiros para descubrir a comunidade dende o coche