Da costa ao interior: 25 rutas en coche para gozar de Galicia

Turismo de Galicia ofrece unha guía completa para explorar as paisaxes, patrimonio e recunchos menos coñecidos do territorio, descubrindo ríos, montañas, miradoiros e enclaves históricos

Galicia é un destino turístico que combina natureza, historia e cultura. Aínda que as rutas se poden percorrer a pé, explorar as paisaxes dende a comodidade do coche tamén é unha excelente opción, permitindo facer paradas nos lugares máis destacados. Esta é a proposta de Turismo de Galicia coa iniciativa “Escenarios ao volante”, que ofrece toda a información para descubrir a diversidade do territorio dende o vehículo.

No portal oficial de Turismo de Galicia pódese consultar unha guía con “25 rutas insólitas polas mellores paisaxes”, que abranguen tanto a costa como o interior. Cada ruta está pensada para mostrar os escenarios máis impresionantes e menos coñecidos, fomentando un turismo sostible e respectuoso coa contorna.

Publicidade

Dende Baiona ata Ribadeo, pasando pola Fonsagrada, as paisaxes mesturan mar, vales, ríos e montañas. Ao acceder a cada ruta, a guía ofrece unha breve introdución escrita sobre o que se pode ver, seguida dun mapa que sinala as paradas recomendadas durante o traxecto. Ademais, proporciona diferentes percorridos con información detallada sobre cada punto de interese, facilitando que cada viaxe sexa unha experiencia completa e enriquecedora.

Vistas ao mar

Entre as 11 rutas costeiras de Galicia, destacan os miradoiros do norte, as terras do Golfo Ártabro, a Costa da Morte, os areais de Porto do Son e a costa sur da comunidade. Un exemplo destacado é a ruta do faro de Fisterra ao miradoiro do Ézaro, descrita como “da fin do mundo ao Olimpo céltico”.

Publicidade

O traxecto comeza na enseada da Langosteira, cara a Corcubión, vila que merece unha parada polo seu coidado Conxunto Histórico-Artístico, declarado en 1985. De aí continúa a Cee e despois ao Ézaro, onde se pode subir ao miradoiro, cunha panorámica que abrangue o monte Pindo ao sur, e o cabo Fisterra e a inmensidade do Atlántico ao lonxe.

Outro itinerario é a estrada que une Baiona e A Guarda, un dos percorridos máis espectaculares da costa galega. A ruta comeza na vila mariñeira de Baiona coa fortaleza de Monterreal situada no monte Boi. A primeira parada é cabo Silleiro, co seu faro vello e vistas ás Illas Cíes. Dende alí, pódese continuar ata o Alto da Groba, a 654 metros de altitude, e en Oia, admirar a fachada do mosteiro de Santa María. O itinerario finaliza no paseo marítimo da Guarda e na Citania de Santa Trega, xacemento castrexo declarado Monumento Histórico-Artístico e Ben de Interese Cultural (BIC).

Mosteiro de Santa María de Oia.
Mosteiro de Santa María de Oia. Foto: Wikimedia Commons

Outras rutas recomendadas inclúen: do castelo da Palma ao Castelo da Nogueirosa, do faro de Laxe á punta do Roncudo, unha ruta circular en Camariñas, de cabo Udra a cabo Home, e do monte Cepudo ao monte Aloia, todas para gozar das paisaxes máis emblemáticas da costa galega.

Cara ao interior de Galicia

Entre vales, ríos e montañas, atópanse 14 rutas que percorren o interior de Galicia de norte a sur. O Courel, os Ancares, a entrada do Camiño de Santiago, a Ribeira Sacra e os mosteiros do centro da comunidade son algunhas das paradas que amosa Turismo de Galicia.

Sabías que o legado romano tamén descansa na Baixa Limia? Grazas á ruta que une Aquis Querquennis coa Portela do Home pódese descubrir. O percorrido comeza no conxunto arqueolóxico de Porto Quintela, antigo campamento militar romano. Dende aí trasládase a Lobios, onde se atopan os Baños, un complexo termal nas ribeiras do río Caldo que xa empregaban os romanos. Na serra do Xurés tamén se poden ver miliarios, sinais de medida viaria da época, e a ruta conclúe na Portela do Home, marcando a entrada a Portugal.

Aqui Querquennis, conxunto arqueolóxico de Porto Quintela.
Aqui Querquennis, conxunto arqueolóxico de Porto Quintela. Foto: Wikimedia Comuns

Para explorar máis a historia romana en Galicia podes trasladarte á Pobra de Trives, en Ourense, para outra ruta histórica. Esta vila foi un importante núcleo romano na comarca. A vella estrada que une Ourense con Ponferrada conduce ao val do río Bibei, onde se atopa a ponte romana do Bibei, franqueada por diversos miliarios. A última parada é o santuario de Nosa Señora das Ermidas, construído no século XVII e declarado Ben de Interese Cultural en 2006, un dos grandes expoñentes do Barroco galego.

Como prepararse para unha ruta en coche?

Para gozar destas rutas en coche fai falta algo máis que só seguir o itinerario. Mesmo percorrendo o territorio dende o vehículo, é importante a anticipación:

Planifica antes de saír. Non deixes que Google Maps sexa o teu único guía. Consulta as rutas de “Escenarios ao volante” para non perderte e evitar acabar preguntando no bar polo camiño a Ribadeo.

Leva roupa cómoda. Para pasar horas no coche percorrendo as rutas é importante ir cómodo, sen renunciar a algo de estilo para as fotos ou as paradas nos miradoiros.

Antollos e auga sempre a man. A última cousa que queres é que o estómago brúe xusto cando chegues a un miradoiro espectacular no medio do monte. Que non te colla desprevido: leva galletas, froita e un termo con bebida.

Apps de navegación, pero con sentido común. O móbil é útil, pero se che indica cruzar un río porque “é máis rápido”, segue a túa intuición e non remates nadando co coche.

Para fotos, paciencia e ollo co vento. O Atlántico galego é impresionante, pero nas paradas preto da costa o vento pode levar o teu sombreiro, cámara ou gorra.

Disfruta e respira fondo. Galicia é paisaxe, historia e marabilla natural. Non corras: goza cada curva da estrada, cada faro e cada empanada que atoparás polo camiño.


Podes consultar “25 rutas insólitas polas mellores paisaxes” na seguinte ligazón.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período

Cinco motivos polos que a Unesco tumba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Un informe do Icomos sinala deficiencias na representatividade, na metodoloxía, no descenso demográfico e nos efectos das infraestruturas sobre o valor da paisaxe