O vertedoiro que leva 14 días ardendo na Rúa: “O aconsellable é quedar dentro das vivendas”

O lume leva catorce días activo, xerando unha nube tóxica que preocupa pola súa incidencia na saúde da veciñanza e pola falta de resposta da Xunta de Galicia

O incendio de Larouco dábase por controlado o pasado mércores, 27 de agosto, tras permanecer activo durante 14 días. É considerado o máis devastador da historia recente dos lumes en Galicia, con máis de 30.000 hectáreas arrasadas segundo datos da Consellería do Medio Rural. Para frealo fixo falta un despregue masivo: 54 técnicos, 245 axentes e 319 brigadas, ademais de pas, motobombas, helicópteros e avións, xunto coa mobilización da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Porén, os efectos dese lume aínda non remataron. Un incendio de orixe forestal, consecuencia do de Larouco, prendeu no vertedoiro municipal da Rúa, que continúa ardendo sen ser extinguido.

O perigo dos lumes en vertedoiros radica en que, ao arder residuos como plásticos, restos industriais e materia orgánica, libéranse substancias perigosas como dioxinas, furanos, monóxido de carbono e partículas finas. Moitos destes contaminantes son canceríxenos e poden provocar problemas respiratorios, cardiovasculares e mesmo neurolóxicos.

Publicidade

Os índices de calidade do aire de MeteoGalicia reflicten con claridade as consecuencias destes lumes. Dende o 19 de agosto rexístranse niveis elevados de partículas finas de 2,5 micrómetros ou menos de diámetro (PM2,5), unhas das máis nocivas para a saúde humana. O día 26 alcanzouse o pico ás 9 da mañá, con 75 micrómetros por metro cadrado (µg/m³).

Outro parámetro preocupante é o ozono (O3), que ao nivel do solo se converte nun contaminante perigoso ao reaccionar cos compostos liberados polo lume. O valor máximo acadouse o 24 de agosto, con 115µg/m³. Nos últimos días a tendencia é á baixa: a última actualización recolle 72µg/m³ durante a madrugada. Segundo a Organización Mundial da Saúde, a concentración media de O3 en oito horas non debería superar os 100µg/m³ para garantir a protección da saúde.

Publicidade

Fin de Larouco e continuación na Rúa

O vertedoiro da Rúa comezaba a arder o día 15, despois de que o lume de Larouco chegara ao concello a través desa entrada, dous días despois do seu inicio na parroquia Seadur. Para comprender a problemática, débese saber que o vertedoiro é de titularidade municipal, e que nel vai parar un residuo único de moquetas para automóbiles, illantes térmicos e acústicos, todo isto de forma controlada e cunha xestión supervisada pola Consellería do Medio Ambiente.

Con todo, despois de medio mes ardendo, a vila atópase cuberta por unha nube tóxica de fume a raíz da queima destes residuos. “Estes materiais teñen un ratio de combustión moi lento, de máximo 10 milímetros por minuto“, explica a alcaldesa da Rúa, María Albert. Agora, o que se pode ver do vertedoiro amosa que moitas partes están reducidas a cinzas, pero noutros lugares aínda queda moito material por queimar. Estes compoñentes de vehículos contan cun tratamento especial para evitar que ardan, polo que o lume que se produce no incendio do vertedoiro da Rúa é unha cuestión máis de combustións que de lapas.

Nos días seguintes ao inicio do lume, o Concello comezou a pedir axuda a organismos de maior rango. “Fomos cautelosos porque había moitos pobos que estaban a ser arrasados polas lapas”, explica a alcaldesa, pero a falta de medios humanos, técnicos, materiais e económicos da Rúa levou á insistencia. Despois de comunicarse coa CECOP (Central de Coordinación Operativa) para decidir de quen era a competencia, o mércores chegaba un equipo da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Con todo, os efectivos presentes non eran suficientes para rematar con ese lume, ao igual que os recursos que lles ofrece a Deputación de Ourense.

Neste caso, a principal preocupación do Concello é que se apague o lume: “Temos un incendio activo dende hai 15 días e non lle fan caso”, explica Albert. En primeiro lugar, a importancia descansa nos motivos de saúde pública, pois a inhalación de gases tóxicos pode afectar a poboación. En segundo lugar, dada a proximidade de centros frecuentados por persoas vulnerables: unha residencia de anciáns a 800 metros e dous centros que comezarán o colexio o próximo 8 de setembro a un quilómetro de distancia.

Loita pola competencia

A alcaldesa da Rúa sostén que as chamadas á Consellería do Medio Rural, á Consellería do Medio Ambiente e á Delegación da Xunta son constantes. “Sempre con iniciativa municipal”, aclara, pois o obxectivo é atopar a alguén que poida acudir ao vertedoiro e valorar a situación in situ. Con todo, a día 29 de agosto, a resposta segue sen chegar por parte do goberno galego a este lume de pouco menos de 1,5 hectáreas que arde dende hai 14 días.

Con todo, dende a Consellería de Medio Ambiente, aseguran que teñen “unha visión limitada” sobre o tema. Afirman que o concello ten que adoptar as medidas oportunas para frear o lume, pois non é competencia da Xunta de Galicia. Con todo, dende que o incendio chegou á Rúa, desprazaron recursos: unha unidade móbil para medir a calidade do aire en tempo real nun proceso completamente protocolorizado. Ademais, ante a situación da Rúa, engaden: “Nin estamos alí, nin temos medios desprazados, nin temos competencias nin coñecementos como para saber da evolución”.

Mais a situación para a saúde pública pode xerar un problema pola chegada da nube tóxica tamén ás vilas colindantes. Despois de case unha quincena ardendo, os efectos poden ser daniños, sobre todo dada a localización do vertedoiro. “Atopámonos nunha situación de abandono por parte do goberno galego”, engade María Albert en nome da Rúa.

Efectos na saúde da poboación

Alberto Ruano, catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago (USC), explica que os principais efectos desta nube tóxica que cae sobre A Rúa poderían ir dirixidos principalmente á saúde respiratoria. Entre os síntomas, a tose, certa dificultade respiratoria, sensación de afogo e picor no peito. Nalgúns casos, o contacto con este ambiente tamén podería xerar bágoas e irritación ocular.

Aínda que non se pode descartar por completo, Ruano afirma que é moi improbable o aumento do risco de enfermidades crónicas. “Nalgúns casos describiuse un lixeirísimo exceso de aumento de enfermidades respiratorias”, aclara, pero non de enfermidades neoplásicas. Estes efectos a longo prazo daríanse nun período de indución moi prolongado.

“Se unha persoa que vive na zona está diagnosticada dunha época avanzada e sinte un empeoramento na súa función pulmonar, debería ir ao médico”, asegura o catedrático da USC. Con todo, contemplando este caso, considera que non sería necesario establecer unha vixilancia por sistema a toda a poboación afectada.

Medidas preventivas

“Nestes casos é aconsellable empregar máscara tipo FFP2“, explica Ruano, pois protexe fundamentalmente da materia particular que se poida desprender do fume, aínda que non tanto dos gases. “Tamén é aconsellable quedar dentro das vivendas, sobre todo persoas maiores, con enfermidades respiratorias ou nenos”, apunta. Tampouco recomenda o exercicio físico.

Con todo, moitas veces a influencia depende da dirección do vento. “É importante diferenciar a poboación susceptible, a que se ten que protexer un pouco máis, da poboación adulta normal”, explica. As persoas que habitan na contorna do vertedoiro van ter unha molesta sensación respiratoria, polo que recomenda encarecidamente non saír ao exterior.

O lume, preto de dous grupos de poboación vulnerables como son os nenos e os anciáns, é excepcional. “É moi recomendable que permanezan dentro da residencia”, explica. Con todo, se dentro do propio edificio chega o olor do lume e están mal illados, deberían empregar máscaras nas instalacións. No caso das escolas, asegura que tería sentido arranxar o problema nos próximos días para que os nenos poidan acudir ao colexio con total normalidade. Mais a disputa continúa, e os máis afectados serán os cidadáns.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño