Os lumes disparan a contaminación do aire ata niveis 10 veces superiores aos recomendados pola OMS

As medicións son tan alarmantes que respirar o aire no Barco de Valdeorras equivale a fumar arredor de nove cigarros ao día

O aumento da magnitude dos incendios está deixando estragos que van máis aló da destrución da terra. Ademais de arrasar con bens materiais e espazos naturais, comezan a aparecer evidencias cada vez máis claras do impacto que tamén poden ter na saúde das persoas. Un dos principais riscos é a calidade do aire, especialmente en zonas próximas a grandes lumes. No leste de Ourense rexistráronse nos últimos días concentracións de partículas en suspensión (PM2,5) extremadamente perigosas, froito da vaga de incendios que avanza sen control.

Segundo os datos recollidos, nas áreas que aparecen marcadas en morado no mapa que acompaña esta información, extraído da aplicación do tempo de iPhone, alcanzáronse niveis de entre 150 e 220 µg/m3. Para facerse unha idea, a Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda non superar os 15 µg/m3 como media diaria.

Publicidade

A situación derivada dos lumes de Ourense obrigou a evacuar poboacións. No caso do incendio de Larouco, que continúa medrando día tras día, as medicións son tan alarmantes que respirar o aire no Barco de Valdeorras equivale a fumar arredor de nove cigarros ao día, segundo comparte o divulgador Héctor Castiñeira no seu perfil de X.

Os efectos do fume e das partículas tóxicas non tardan en facerse notar: molestias nos ollos, irritación da gorxa, tose persistente, dores de cabeza e dificultades de respirar. A exposición prolongada pode derivar en problemas respiratorios máis serios, agravamento de patoloxías previas e un aumento da mortalidade asociada a doenzas cardiovasculares.

Publicidade

Gases e partículas

Rosa Pérez, coordinadora de Divulgación da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias (SEMES), lembra que o fume dos lumes contén gases como monóxido e dióxido de carbono, ademais de partículas microscópicas capaces de penetrar no corpo e quedar acumuladas nos pulmóns.

Por exemplo, o monóxido de carbono resulta ser especialmente perigoso e tóxico, xa que se une á hemoglobina do sangue e despraza o osíxeno, dificultando a respiración e podendo provocar mesmo complicacións circulatorias graves. Xunto a el, tamén se liberan outros compostos altamente tóxicos, como o benceno ou o cianuro, que multiplican os riscos para a saúde.

Nas proximidades das cidades o problema pode agravarse. Nestes contextos, o lume non só arrasa árbores e vexetación, senón tamén materiais plásticos e industriais, que ao queimarse liberan substancias químicas perigosas. Estas partículas e gases poden permanecer suspendidos no aire durante días, converténdose nunha ameaza invisible para a poboación incluso despois de extinguidas as chamas.

Un problema a centos de quilómetros

O profesor en Toxicoloxía da Universidade de Montana, Christopher T. Migliaccio, explica nunha tribuna de The Conversation que o fume dos incendios forestais pode danar a saúde incluso a centos de quilómetros de distancia. Isto débese a que a súa composición vai cambiando canto máis tempo permanece no aire, o que aumenta o impacto na saúde.

A luz ultravioleta altera a química do cume, e iso fai que se formen máis substancias oxidantes e radicais libres que poden danar as células do corpo. O experto asegura que aínda non se saben con claridade os efectos na saúde, pero que a exposición continua e prolongada ao aire contaminado dos lumes, preocupa.

En España, existe unha rede de vixilancia da calidade do aire formada por estacións automáticas repartidas por todo o territorio. Así o comparten Diana Rodríguez Rodríguez e Beatriz Pérez Ramos, investigadoras da Universidade de Castilla-La Mancha en The Conversation.

Deste xeito, mídense en tempo real os principais contaminantes e parámetros meteorolóxicos, permitindo saber se o aire que respiramos é bo ou malo. Mais, o preocupante é que as partículas finas e os gases non só afectan as zonas próximas ao incendio, senón que poden viaxar longas distancias. Dado que os lumes son cada vez máis frecuentes, intensos e, polo tanto, afectan a máis xente, os expertos insisten en que se debe facer un seguimento detallado das emisións. Isto permitiría comprender mellor o impacto sobre a calidade do aire e deseñar medidas de protección.

Da irritación dos ollos a problemas circulatorios

A exposición aos gases e partículas liberadas polos incendios pode xerar unha ampla variedade de síntomas. Un dos primeiros efectos aparece nos ollos: o contacto con estas materias tóxicas provoca picor, ardor e sensación de sequidade, xa que as partículas quedan adheridas á superficie da córnea. Nestes casos, recoméndase lavar os ollos con soro fisiolóxico para aliviar a irritación. Como medida preventiva, tamén é útil protexelos con lentes.

As vías respiratorias son outro dos grandes puntos de entrada. As partículas poden irritar o nariz e a gorxa, desencadeando unha resposta inflamatoria que se manifesta con tose e mucosidade. No caso de persoas asmáticas, este contacto pode provocar crises agudas, mentres que quen xa sofre enfermidades respiratorias pode experimentar inflamación dos bronquios e dificultade para respirar. Para reducir o risco, aconséllase o uso de máscaras con filtro N95, capaces de reter as partículas finas.

Outro síntoma frecuente é a dor de cabeza, causada pola inhalación de monóxido de carbono. Cando a concentración de osíxeno no organismo diminúe, o corazón acelérase para compensar, intentando bombear máis rápido. Isto pode derivar en taquicardias e, en persoas con problemas circulatorios previos, incrementar o risco de sufrir infartos, anxinas ou arritmias.

Diferentes impactos

As consecuencias dos incendios non afectan a toda a poboación por igual, senón que varían en función de diferentes factores. As persoas máis vulnerables son os enfermos crónicos con problemas cardíacos e respiratorios, as persoas maiores, embarazadas e nenos.

A maiores, sinálase a perspectiva de xénero. Estudos apuntan que as mulleres toleran peor a exposición ao fume ca os homes, debido a diferenzas fisiolóxicas e hormonais que inflúen na resposta do organismo fronte ás partículas contaminantes.

Outro aspecto clave é o contexto no que se produce o lume. Non é o mesmo un incendio forestal ca un incendio en espazos pechados, como as vivendas. A principal diferenza está nos materiais que arden: mentres que no monte predomina a combustión de vexetación, nos fogares queiman plásticos como a melamina ou o policarbonato. De feito, nos incendios en interiores a primeira causa de morte é a intoxicación polo fume.

93% de mortalidade das partículas finas

As partículas finas, coñecidas como PM2.5, están relacionadas cun incremento da mortalidade. Segundo informa a Axencia SINC, un novo estudo do Instituto da Saúde Global de Barcelona (ISGlobal) achega probas de que as partículas procedentes de incendios forestais supoñen un maior risco ca aquelas xeradas por outras fontes de contaminación. Así, a mortalidade asociada ao fume de incendios podería estar subestimada nun 93%, é dicir, que os cálculos contabilizaban moitas menos mortes das que realmente provoca.

A investigación recompila datos diarios de mortalidade en 654 rexións contiguas de 32 países europeos, abarcando unha poboación total de 541 millóns de persoas entre 2004 e 2022. Para identificar os efectos do fume, combinaron estes rexistros con estimacións diarias de PM2.5.

Deste xeito, os resultados mostran que por cada aumento de 1 µg/m³ na concentración de partículas finas procedentes de incendios increméntase un 0,7% por todas as causas, un 1% por problemas respiratorios e un 0,9% por causas cardiovasculares. Así, en termos absolutos, estímase que os fumes dos incendios causan unhas 535 mortes anuais en Europa.

Medidas preventivas

Como se poden reducir as consecuencias na saúde? Segundo a Cruz Vermella, existen tres accións clave para previr que se inicien incendios: non facer lume no monte, evitar fumar nestes espazos para reducir riscos innecesarios e non tirar lixo fóra dos contedores, xa que pode converterse en combustible.

Con todo, o dano en Galicia xa está feito, sobre todo na provincia de Ourense. Ante a posibilidade de inhalación de fume, recoméndase:

  • Saír do lugar con seguridade: manter a calma e seguir as sinalizacións de evacuación, se é preciso.
  • Buscar aire limpo: se é posible, desprazarse cara a zonas abertas afastadas do fume.
  • Protexer a boca e o nariz: emprega máscaras ou panos húmidos para cubrir estas partes. Isto axudará a filtrar algunhas partículas do fume e protexer as vías respiratorias.
  • Evitar esforzos físicos: poden aumentar a exposición ao fume e empeorar o estado respiratorio.
  • Precaución coas actividades ao aire libre, especialmente en persoas con problemas respiratorios.

Estas medidas, aínda que sinxelas, poden marcar a diferenza á hora de diminuír os efectos do fume sobre a saúde e gañar tempo ata recibir asistencia.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño