Sete incendios activos en Ourense arrasan 67.000 hectáreas

O lume de Larouco afecta a unha superficie estimada de 20.000 hectáreas e xa se converte no maior da historia de Galicia

A cifra é arrepiante: máis de 67.000 hectáreas queimadas en Galicia nos sete focos que continúan activos. Unha vaga de lumes que leva días sen dar tregua e rexistra catro incendios por enriba das 10.000 hectáreas calcinadas. De feito, o de Larouco-Seadur, que ascende a 20.000, xa se considera o máis devastador da historia de Galicia. Moi de preto está o de Chandrexa de Queixa e Vilariño, que se uniron nun só lume e acabaron con 17.500 hectáreas. A provincia de Ourense é o epicentro dun desastre medioambiental que está cercando aldeas, confinando poboacións e obrigando a desaloxar núcleos enteiros. De feito, o lume de Larouco-Seadur xa traspasou fronteiras e afecta, tamén, á provincia de Lugo.

Dous focos, case 40.000 hectáreas

Segundo a última actualización da Consellería de Medio Rural, en Ourense permanecen sete focos activos e a metade deles son extraordinariamente devastadores. O de Larouco-Seadur comezou o mércores 13 ás 18.55 horas e dende hai sete días xa logrou calcinar 20.000 hectáreas nos concellos de Larouco, Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras. Efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) desprazáronse ata o lugar do desastre para axudar nos labores de extinción.

Publicidade

O segundo máis grande da historia de Galicia e que permanece aínda activo é o de Chandrexa de Queixa e Vilariño de Conso. Primeiro como tres lumes independentes que comezaron o venres 8, o martes 12 e o xoves 14 e que acabaron por unirse nun só incendio que arrasou xa 17.500 hectáreas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para este lume tamén se mobilizaron efectivos da UME.

Os lumes de Oímbra e A Mezquita

O terceiro, segundo a superficie calcinada, desta vaga de incendios, é o de Oímbra, onde se iniciou o martes 12. Acabouse unindo a outro que comezara días antes en Xinzo de Limia, provocando unha queima de 15.000 hectáreas. Afecta, ademais, as localidades de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmirás, Castrelo do Val e Baltar. A UME tamén está a traballar na extinción deste incendio.

Publicidade

O lume de A Mezquita-Esculqueira devastou 10.000 hectáreas ata o momento, dado que continúa activo. Comezou o martes 12 no concello ourensán e xa afecta a municipios veciños como A Gudiña e Viana do Bolo, así como a territorio da provincia de Zamora. Esta é a zona pola que pasa a vía do tren que conecta Galicia e Madrid e cuxos servizos levan días suspendidos debido á complicada situación. Amais da UME, que se mobilizou para frear o lume, tamén se desprazaron medios terrestres portugueses.

Lumes estabilizados

Os outros focos que están activos en Ourense son o de Vilardevós-Vilar de Cervos, con 900 hectáreas; o de Vilardevós-Moialde, con 500; e o de Carballeda de Avia-Vilar de Condes e Beade-As Regadas con 3.500 hectáreas arrasadas. Ademais, lográronse estabilizar cinco lumes que, en conxunto, afectaron a unha superficie aproximada de 4.000 hectáreas.

No resto das provincias, os lumes están estabilizados ou controlados, e incluso algún deles —como o de Monfero-Queixeiro, na Coruña— están extinguidos. Ourense está a recibir o peor embate do desastre ambiental e por iso permanece activa a Situación 2 en toda a provincia. O obxectivo é que haxa unha maior axilidade para o desprazamento de medios e recursos. Segundo informa Medio Rural, non se rexistraron novas evacuacións e xa se levantou o confinamento nos dous centros de Carballeda de Avia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla