Estes son os 5 espazos naturais galegos máis afectados pola vaga de incendios

Os lumes que arrasan a comunidade, sobre todo en Ourense, ameazan a diversidade e as paisaxes emblemáticas do Invernadeiro, Pena Trevinca e O Courel

Galicia, coñecida pola súa paisaxe verde, está a ser devastada pola vaga de incendios que arrasa a comunidade estes días. Cun parque nacional e seis parques naturais, o territorio galego destaca pola súa riqueza ecolóxica, pola biodiversidade e pola escasa intervención humana en moitas destas áreas de conservación. Porén, varios destes espazos están a verse gravemente ameazados polos lumes, sobre todo na provincia de Ourense, onde a situación é crítica.

Nesta provincia ardeu xa o 8,5% do territorio, con 62.000 hectáreas calcinadas, o que representa a gran maioría da superficie queimada en toda Galicia. Segundo a última actualización da Consellería do Medio Rural, permanecen nove incendios activos, nun escenario marcado pola declaración da situación de risco 2, que implica un perigo para núcleos de poboación.

Publicidade

Esta vaga incesante de lumes vai deixar danos materiais e ambientais irreparables. A perda non só afectaría a terra e as vivendas, senón tamén ao patrimonio natural galego: boa parte da riqueza ecolóxica de Ourense corre o risco de converterse en cinza, de trocar a súa cor verde característica na negrura causada polas lapas. Cales son, entón, os espazos naturais en perigo?

O Invernadeiro

No sector sur do Macizo Central ourensán agóchase O Invernadeiro. Esta reserva de montañas e vales está vertebrada polos ríos Ribeira Grande e Ribeira Pequena, afluentes da conca do Sil. Cunha superficie de 5.722 hectáreas, foi declarado parque natural en 1997, converténdose no cuarto espazo protexido deste tipo na comunidade.

Publicidade

O seu valor radica na riqueza da fauna de mamíferos, un refuxio privilexiado onde habitan especies como os corzos, cervos ou cabras montesas. Ademais, conserva un interesante patrimonio etnográfico e industrial, testemuño da pegada que deixou a antiga Papeleira Española da zona.

O Invernadoiro (Ourense). Foto: Patrimonio Natural de Galicia
O Invernadeiro (Ourense). Foto: Patrimonio Natural de Galicia

Como afectan os lumes? Hoxe, o Invernadeiro vese seriamente ameazado polos incendios forestais. As lapas achéganse por varias frontes: polo norte, o lume de Chandrexa de Queixa xa afecta a áreas próximas como o Cotarón do Salgueiro ou mesmo á histórica fortaleza do Castelo de Cerveira; polo sur, o incendio da Mezquita avanza tamén cara ao parque. Isto significa que dous dos lumes máis virulentos da comunidade cercan o Invernadoiro, poñendo en risco non só a súa biodiversidade, senón tamén o valor paisaxístico, histórico e cultural dun dos espazos naturais máis representativos de Galicia.

Parque Natural das Fragas do Eume

Parque Natural das Fragas do Eume (A Coruña). Foto: Patrimonio Natural de Galicia
Parque Natural das Fragas do Eume (A Coruña). Foto: Patrimonio Natural de Galicia

O Parque Natural das Fragas do Eume é unha das representacións máis puras dos bosques atlánticos de Europa, considerado o mellor conservado do continente e un dos poucos bosques deste tipo que permanecen en estado natural. Situado nun territorio de vales, abarca 9.125 hectáreas, sendo o quinto parque natural declarado en Galicia.

En extensión, é o segundo maior parque natural galego, tras o do Xurés. O río Eume labra no seu tramo final un gran canón, mentres que a flora destaca polas súas 28 especies de fentos que sobreviven dende o período Terciario. A fauna tamén é rica, con máis de 100 especies de aves, 40 mamíferos, peixes e diversas especies endémicas de invertebrados e réptiles. Todo isto convive cunha pegada humana que se remonta á Prehistoria e á Idade Media.

Como afectan os lumes? A superficie do parque resultou afectada polo incendio de Monfero-Queixeiro. Segundo a Xunta de Galicia, aínda que o lume está controlado, calcináronse arredor de 1,5 hectáreas, minimizando os danos grazas á intervención rápida dos equipos de extinción.

Serras da Enciña da Lastra

O Parque Natural das Serras da Enciña da Lastra debe o seu nome a unha antiga enciña que servía de guía aos viaxeiros doutros tempos. Preto do cemiterio de Covas, en Rubiá, pódese admirar esta enciña, recoñecida como árbore singular pola Xunta de Galicia.

É o sexto parque natural de Galicia, declarado en 2002, e o cuarto en extensión. Entre os seus atractivos destacan rutas polo Val do Sil e os impresionantes farallóns calcáreos, formacións de gran valor xeolóxico. A súa flora é diversa, con 25 especies de orquídeas e plantas mediterráneas e aromáticas como lavanda ou ourego.

Parque Natural das Serras de Enciña de Lastra (Ourense). Foto: Patrimonio Natural de Galicia
Parque Natural das Serras de Enciña de Lastra (Ourense). Foto: Patrimonio Natural de Galicia

Como afectan os lumes? Segundo a información de Google Maps sobre os incendios forestais en Ourense, o parque natural está a verse afectado polo lume activo de Larouco-Seadur, dentro das súas 3.151,67 hectáreas de superficie.

Pena Trevinca e o Teixadal de Casaio

No leste da provincia de Ourense, este espazo natural protexido ocupa case 25.000 hectáreas, con cumes coroados por lagos glaciares como O Celo e a Lagoa da Serpe.

Un dos seus símbolos é o Teixadal de Casaio, situado en Carballeda de Valdeorras, un bosque de teixos entre os maiores Europa e máis antigos de Galicia, con máis de 300 exemplares centenarios. Outro símbolo da zona é a presenza dunha parella de aguias reais que sobrevoan estes cumes.

Teixadal de Casaio (Ourense). Foto: Patrimonio Natural de Galicia
Teixadal de Casaio (Ourense). Foto: Patrimonio Natural de Galicia

Como afectan os lumes? Tanto Pena Trevinca como o Teixadal de Casaio están baixo ameaza. Segundo datos do perfil de Instagram @terras_trevinca, de guías locais, estiman que máis de 3.000 hectáreas da Rede Natura 2000 da parte galega de Pena Trevinca foron arrasadas polo lume. Estas terras inclúen a Zona I, de máxima protección, e a zona ZEPA, especialmente protexida para as aves. Os últimos comunicados da Xunta de Galicia non detallan cifras concretas sobre o risco que corre o parque natural.

O Courel

A Serra do Courel considérase unha das serras galegas xeoloxicamente máis completas. Con 21.020 hectáreas, esténdese ata a provincia veciña de León. A súa paisaxe combina vales e espesa vexetación, onde se mesturan o bosque mediterráneo co atlántico.

Forma parte da Zona de especial protección dos valores naturais (ZEPVN) dos Ancares-Courel e da Zona Especial de Conservación do mesmo nome. No seu patrimonio natural destacan as lousas e arenitos do Paleozoico inferior, así como unha gran diversidade de flora, invertebrados, peixes, mamíferos, anfibios e réptiles.

Serra do Courel (Ourense). Foto: Patrimonio Natural de Galicia
Serra do Courel (Ourense). Foto: Patrimonio Natural de Galicia

Como afectan os lumes? O incendio que se está a estender en Larouco achégase polo sureste ao Courel. Se non se consegue controlar este lume, que en só 12 horas pasou de 6.000 a 12.000 hectáreas, podería afectar un dos espazos naturais máis valiosos de Galicia.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Crista subtropical sobre Galicia: os modelos europeos anticipan temperaturas extremas

A chegada dunha masa de aire cálida traerá unhas anomalías positivas de 6ºC no litoral galego e ata 10ºC no interior

Do formigón de Ourense aos parques de Santiago: un estudo contrasta os dous modelos de zonas verdes

A cidade do sur galego é unha das tres con peor cobertura, con 4,6 metros cadrados por habitante, moi por debaixo da media de 14,15

Unha igrexa e un curtidoiro elevan a 93 os bens galegos na Lista Vermella

A Coruña concentra o maior número de monumentos en risco, con 34, seguida de Lugo, Pontevedra e Ourense

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense