Balance dunha fin de semana catastrófica: o lume xa arrasa máis de 62.000 hectáreas en Ourense

A provincia convértese no epicentro do maior desastre forestal da historia de Galicia, cun 8,5% da superficie da rexión devastada

Os incendios forestais non deron tregua durante toda a fin de semana, converténdose nun desafío para os equipos de emerxencias e para a veciñanza das zonas afectadas. A superficie queimada segue a aumentar de maneira alarmante: xa son máis de 63.364,42 hectáreas arrasadas polas chamas, o que supón 40.000 máis das rexistradas o pasado xoves. Aínda que os lumes se estenden pola comunidade, a situación máis preocupante concéntrase na provincia de Ourense, onde xa ardeu o 8,5% do territorio.

A dimensión da catástrofe faise evidente: continúa activa a declaración de situación de risco 2, un nivel que implica perigo para núcleos de poboación, na provincia ourensá. O caso do incendio de Valdeorras resulta especialmente salientable, xa que en tan só 12 horas pasou de 6.000 a 12.000 hectáreas queimadas, dobrando a extensión afectada nun tempo moi reducido.

Publicidade

Porén, o incendio máis extenso segue a ser o de Chandrexa de Queixa, que se uniu ao de Vilariño, formando un único foco que xa devora arredor de 17.500 hectáreas. Na actualidade, contabilízanse nove incendios activos en Ourense, nun contexto no que os labores de extinción se están a levar a cabo en condicións adversas.

Nove lumes activos en Ourense

A provincia de Ourense continúa a ser o epicentro da vaga de incendios que asola Galicia. Segundo a última actualización da Consellería do Medio Rural, mantéñense nove lumes activos, aínda que non todo presentan a mesma gravidade. Entre eles, só un está baixo control: o da parroquia de Mourazos, no concello de Verín, que arrasou 9 hectáreas antes de quedar limitado. Outros dous permanecen estabilizados, sen risco inmediato de expansión: o de Paredes (Montederramo), con arredor de 120 hectáreas queimadas, e o de San Cibrao das Viñas, cun balance provisional de 60 hectáreas afectadas.

Publicidade

Con todo, a verdadeira preocupación segue a centrarse nos grandes focos que continúan a avanzar. O martes iniciouse o incendio da Granxa (Oímbra), que axiña se uniu ao de Xinzo de Limia. Segundo as estimacións recentes, este incendio afecta xa a unha superficie próxima ás 12.000 hectáreas, espallándose polos concellos de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza e Trasmirás. Outro dos grandes focos é o de Esculqueira (A Mezquita), cunha área afectada arredor de 10.000 hectáreas. A virulencia chega á Gudiña e Viana do Bolo, superando a fronteira cara a Zamora. Ambos os incendios precisaron a intervención da Unidade Militar de Emerxencias (UME), e na Mezquita incorporáronse medios terrestres portugueses.

Un dos casos máis alarmantes é o do Barco de Valdeorras, activo dende o mércores 13 ás 18:55 horas. O lume tivo a súa orixe en Larouco, pero en pouco tempo multiplicou a súa extensión, que alcanza as 15.000 hectáreas. Entre as zonas castigadas figuran os concellos de Petín, Quiroga, A Rúa, Vilamartín de Valdeorras e Rubiá.

En menor magnitude, pero non por iso menos preocupantes, permanecen activos outros incendios na provincia: o do concello de Maceda ou os dous que afectan a Vilardevós, tanto na parroquia de Moialde como na de Fumaces e A Trepa. Tamén en Carballeda de Avia e na localidade ourensá de Beade, cun balance estimado de 3.000 hectáreas. Non obstante, o lugar onde se vive con maior intensidade esta catástrofe é en Chandrexa de Queixa, convertido nun inferno a ceo aberto.

O gran lume de Chandrexa de Queixa

O pasado venres día 8, ás 12:51 horas, iniciábase un incendio forestal no concello de Chandrexa de Queixa, concretamente na parroquia de Requesón. O que comezaba como un foco illado acabou por unirse a outro lume na parroquia de Parafita, e pouco despois tamén ao declarado no veciño concello de Vilariño de Conso.

O resultado desta unión foi devastador: o incendio, que continúa activo, afecta xa a 17.500 hectáreas, arrasando zonas dos concellos de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Pola súa dimensión, convértese no maior incendio da historia de Galicia, superando rexistros anteriores. Xunto aos focos de Larouco, Oímbra e A Mezquita, a superficie calcinada total supera as 54.000 hectáreas.

No operativo de control participan 23 técnicos, 130 axentes, 157 brigadas, 98 motobombas, 15 palas e 14 unidades técnicas de apoio, así como unha importante dotación aérea composta por 22 helicópteros e 21 avións. A maiores, mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias.

A situación obrigou ás autoridades a activar medidas. Uns 40 concellos limítrofes recibiron instrucións de manter a poboación nas súas casas como medida preventiva. O aviso foi remitido na xornada de onte a través do sistema de alerta cidadá Es-Alert.

Pontevedra, A Coruña e Lugo

Nas tres provincias restantes, non se rexistran lumes activos na actualidade. En Pontevedra, a Xunta informa do incendio de Agolada, na parroquia do Seixo, que quedou estabilizado despois de arrasar arredor de 400 hectáreas. Neste caso activouse a Situación 2, debido á súa proximidade a un núcleo de poboación.

En Lugo tamén se atopa estabilizado o lume do Saviñao, iniciado o pasado sábado e que afectou a unhas 60 hectáreas. Do mesmo xeito, o incendio de Cervantes, tamén iniciado o sábado, queimou arredor de 150 hectáreas antes de ser contido. Pola súa banda, o lume da Fonsagrada, na parroquia de Monteseiro, chegou a calcinar outras 150 hectáreas, pero quedou controlado xa o domingo.

Na Coruña, os incendios afectaron a tres concellos: Monfero, Muxía e Toques. No caso de Monfero, a situación preocupou pola súa proximidade ao Parque Natural das Fragas do Eume, aínda que finalmente a superficie afectada quedou nunhas 1,5 hectáreas. En Muxía, o incendios da parroquia de Nosa Señora da O foi estabilizado o sábado, mentres que en San Martiño de Oleiros o lume foi xa extinguido, deixando unha superficie queimada de 360,92 hectáreas.

Que debería pasar para declarar o nivel 3?

A extrema gravidade da situación que se está a vivir en Ourense leva a cidadanía a reclamar medidas máis contundentes para frear os lumes. O Plan de Emerxencias de Protección Civil establece catro niveis de gravidade, sendo o nivel 3 o máis elevado de todos.

Esta clasificación responde a diversos factores, como a ameaza á poboación e ás infraestruturas, así como a capacidade de control do incendio. Aínda que a declaración a nivel estatal corresponde ao Goberno central, as autoridades autonómicas tamén teñen potestade para decretalo en función da evolución dos lumes.

Para que se declare o nivel 3, é preciso que os medios e recursos da Xunta de Galicia resulten insuficientes para conter o incendio e que a situación esixa reforzos extraordinarios. Ademais, debe existir un perigo inminente para núcleos de poboación ou masas forestais de especial relevancia, podendo derivar incluso a necesidade de ordenar evacuacións.

Este paso actívase cando o incendio deixa de ser só un problema ambiental e pasa a representar unha ameaza directa para a seguridade das persoas e o funcionamento básico do territorio.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período

Cinco motivos polos que a Unesco tumba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Un informe do Icomos sinala deficiencias na representatividade, na metodoloxía, no descenso demográfico e nos efectos das infraestruturas sobre o valor da paisaxe

A riqueza baixo os carballos: un estudo pioneiro con participación da USC revela a súa diversidade fúnxica

A investigación identifica 297 especies asociadas ás raíces destas árbores no norte peninsular e confirma a existencia de extensas redes biolóxicas