A vaga de incendios continúa sen dar tregua en Galicia. A provincia de Ourense mantén dous focos activos que preocupan especialmente á Consellería do Medio Rural: o gran lume de Chandrexa de Queixa, sen control dende o pasado venres, e outro na Gudiña, que xa afecta a unhas 90 hectáreas, segundo estimacións provisionais. Mais, dende o venres arderon máis de 22.000 hectáreas, das que preto de 17.000 corresponden só aos días 12 e 13 de agosto, facendo referencia a 50 incendios.
Outras localidades da provincia tamén seguen a arder: Maceda, A Mezquita e Oímbra. Ourense mantén o nivel 2 de alerta, debido á proximidade das chamas ás vivendas. Segundo o experto Juan Picos, algúns destes lumes poderían converterse nos máis grandes dos que hai rexistro.
As consecuencias inclúen desaloxos, evacuacións, confinamentos e cortes nas comunicacións por estradas e vías de tren. Hoxe mesmo, Renfe cancelou de novo as conexións entre Galicia e Madrid pola reactivación dos incendios en Ourense.
No operativo participan centos de brigadas, axentes, motobombas, técnicos, helicópteros e avións, con apoio internacional. No lume activo da Gudiña-Barxa colaboran medios terrestres portugueses, mentres que o ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, anunciou esta mañá o envío de dous avións cisterna por parte de Francia. Con todo, a falta de chuvias, as altas temperaturas e o vento do nordés seguen dificultar o control das lapas.
Agosto de 2025 en cifras
Os números deste mes impactan. Segundo os comunicados da Xunta de Galicia, só en agosto de 2025 arderon 24.000 hectáreas, cando no que vai de ano a superficie queimada supera as 25.000. Isto significa que a gran maioría da terra calcinada en Galicia se concentrou en apenas 14 días.
Pero cómpre ter en conta unha limitación importante: estes datos oficiais recollen unicamente os incendios de máis de 20 hectáreas ou aqueles que afectan parques naturais ou núcleos de poboación. Aínda así, a cifra segue a ser alarmante: as cifras actuais dobran as dos dous últimos anos xuntos, cando o lume arrasou arredor de 9.400 hectáreas, coincidindo cos anos con menor superficie queimada.
Como se observa no mapa, a maior parte da superficie queimada concéntrase en Ourense. Aínda que se rexistran focos noutras provincias, o maior incendio fóra desta área alcanzou 400 hectáreas en Dozón (Pontevedra), na parroquia do Castro, o 12 de agosto.
A situación ourensá é moito máis complexa. Os incendios máis grandes superan as 1.000 hectáreas: en Parafita e A Granxa alcanzan as 5.000 hectáreas, en Requeixo chegan ás 4.500 e na Esculqueira ás 4.000. Desta maneira, o concello de Chandrexa de Queixa é o máis afectado, acumulando 9.500 hectáreas queimadas dende o 8 de agosto.
Contraste co pasado recente
Se se analiza a media de superficie ardida por incendios forestais en Galicia na última década, entre 2015 e 2024, sitúase en arredor de 18.500 hectáreas. Con todo, os datos desta nova vaga de incendios mostran que esta cifra xa foi superada só no mes de agosto de 2025. Ao longo dos anos históricos, houbo períodos de maior intensidade de incendios e outros de relativa calma.
Os datos dos dous últimos anos axudan a entender a magnitude desta nova vaga. En 2024, a superficie afectada foi moi baixa, con 2.644 hectáreas, sendo o terceiro ano con menor superficie queimada dende que hai rexistros comparables. Por diante só están 2014, con 1.991 hectáreas, e 2018, con 2.599.
Porén, dende principios dos anos 2000 rexistráronse grandes catástrofes: 95.000 hectáreas arderon en 2006 e máis de 60.000 en 2017, resultado de vagas de lume concentradas en poucos días.
Pero cantos lumes provocaron estas cifras? Segundo a Consellería do Medio Rural, en 2024 producironse 755 fogos, un ano marcado pola escaseza de lumes. En 2023, en cambo, rexistráronse 908 incendios, que afectaron a 6.800 hectáreas.
O vento do nordés e as altas temperaturas
As condicións metereolóxicas de Galicia nas últimas semanas complican seriamente a extinción dos incendios activos. Juan Picos, experto en materia de lumes forestais, sinala que a clave deste perigoso escenario está no marcado polo vento do nordés e as temperaturas anormalmente altas.
A pesar de que as autoridades anunciaron a fin da vaga de calor, os termómetros manteñen valores elevados durante o día. As noites, aínda que menos extremas que as tropicais recentes, apenas permiten recuperar a humidade, mantendo o aire e a vexetación en condicións propicias para arder.
Así, Juan Picos establece cal é a ecuación letal dos incendios forestais con tres elementos: combustible acumulado nos montes, condicións climáticas extremas e presenza de fontes de ignición. “A combinación destes factores cos efectos locais fai que o control dos incendios sexa extremadamente difícil”, explica Juan Picos.
Exemplos claros disto pódense ver en Chandrexa de Queixa, onde conflúen todos estes factores ao mesmo tempo. Isto converte a extinción nun complicado desafío, tanto pola intensidade do lume como pola velocidade do frente.
Pladiga: prevención e extinción
O Pladiga (Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia), coordinado pola Consellería do Medio Rural, é o plan que establece como Galicia prevén, detecta, combate e investiga os incendios forestais, ademais de como coordinar todos os recursos para facer fronte aos grandes lumes que asolan a comunidade.
O plan integra catro áreas principais, dende a prevención ata a extinción. Na prevención, establécense medidas como a regulación do uso do lume, educación ambiental ou a silvicultura preventiva. Mentres, a detección ten que ver con céntrase en reducir o número de lumes a través da investigación e adaptación de medidas correctoras.
Con todo, o importante na situación actual dos incendios ourensáns é a extinción. Aquí entran en acción todos os medios adscritos ao PLADIGA, cos que se pode contar para apagar os incendios. Entre eles, os propios da Consellería do Medio Rural, os medios da Administración Local, como os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), brigadas, vehículos motobomba e corpos de bombeiros comarcais e municipais. Ademais, contan co Plan Contra Incendios Forestais Estatal e os apoios puntuais das Comunidades Autónomas.
Non só marca o camiño para actuar antes, durante e despois dun incendio, senón que tamén serve como escudo. Cando o lume ameaza as nosas terras, só queda protexer á xente.















Xa é a segunda vez que vexo neste medio o erro “metereolóxicas” en lugar do correcto ‘meteorolóxicas’. Isto queda moi mal nun xornal sobre ciencia.