Unha xestión agrupada dos montes galegos reduciría os efectos dos incendios

Un estudo da UVigo asegura que o custo da restauración dunha masa forestal queimada co novo modelo estaría por baixo dos 800.000 euros

A resiliencia das masas arbóreas ante os incendios e a rendibilidade económica da madeira podería incrementar se se xestionase de xeito común as propiedades forestais. Esta é a principal conclusión do estudo desenvolvido por investigadoras e investigadores da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo (UVigo) no marco do proxecto europeo Resonate, que ten como obxectivo definir unha serie de estratexias que permitan mellorar a capacidade de adaptación dos bosques europeos ante os efectos do cambio climático.

O traballo coordinado por Juan Picos e Laura Alonso buscaba comparar a “xestión habitual” dos montes galegos, caracterizada pola existencia de numerosas parcelas de pequenas dimensións, coa que podería levar a cabo “unha agrupación de propietarios forestais”. En todos os escenarios analizados, explican, produciríase un incremento da rendibilidade económica da propia explotación da madeira e da “cadea de valor” asociada a esta, á vez que diminuiría o impacto dos lumes e o custo da recuperación das masas tras un incendio.

Publicidade

Simulando diferentes escenarios climáticos

“Trataríase dunha xestión moito máis continua, que garante reservas e na que un impacto sería máis facilmente recuperable, incluso considerando a incerteza do escenario climático”, sinala Picos respecto dos resultados dos “traballos de modelización” realizados simulando diferentes escenarios climáticos. Para estes, empregaron como zona de análise preto de 2000 hectáreas, entre os concellos coruñeses de Outes e Negreira, unha área “moi fragmentada”, na que existen preto de 15.000 parcelas. 

Os resultados deste traballo, que Alonso e Picos presentaban recentemente nunha reunión de Resonate na cidade alemá de Bonn, enmárcanse nun dos casos de estudo desenvolvidos ao abeiro deste proxecto, financiado con preto de cinco millóns de euros na convocatoria europea Horizonte 2020. Coordinado polo European Forest Institute (EFI), en Resonate participan 20 institucións e organismos de doce países, entre os que se atopa a Universidade de Vigo. Ao abeiro deste proxecto leváronse a cabo diferentes casos de estudo, centrados nos efectos da seca, as tormentas, a perda de biodiversidade ou, no caso do coordinado polos investigadores da EE Forestal, “na que consideramos a nosa perturbación máis importante, que son os incendios” e na cadea de valor do piñeiro.

Publicidade

A área analizada caracterízase pola súa alta fragmentación. Foto: Duvi
A área analizada caracterízase pola súa alta fragmentación. Foto: Duvi

Dous modelos, tres escenarios

Co obxectivo de cuantificar “canto pode mellorar unha mesma superficie forestal, se é xestionada por unha agrupación de propietarios”, Picos e Alonso realizaron unha serie de simulacións contrapoñendo o actual escenario dunha “silvicultura moi básica” nunha área na que preto do 30% das masas están abandonadas, cun modelo de “xestión conxunta”. Concretamente, as simulacións leváronse a cabo cun “plan de xestión” orientado a desenvolver “unha silvicultura máis profesional”, que permitise contar con Pinus pinaster de diferentes idades, realizar “silvicultura preventiva e cortas de mellora” e destinar máis de 400 hectáreas a repoboacións de frondosas, “sobre todo en zonas de ribeira e próximas a núcleos habitados”.

Estes dous modelos comparáronse tanto na situación actual como en dous dos escenarios de cambio climático definidos polo IPCC, constatándose en todos os casos unha maior rendibilidade, cuns balances económicos que chegan a ser ata catro veces superiores co modelo de agrupación. Este aumento, explica Alonso, viría en parte motivados porque “con este tipo de xestión obtense unha madeira de maior calidade tecnolóxica”, cuns prezos de mercado máis elevados, ao que se suma, como engade Picos, que “un reparto equilibrado” de árbores de diferentes idades, permite ter existencias e cortas de madeira equilibradas. 

Menor custo de restauración

A través de simulacións, Picos e Alonso compararon tamén os efectos nesta zona dun mesmo tipo de incendio, nos tres escenarios climáticos, constatando non só que a superficie queimada era menor en todos os casos coa xestión agrupada, senón que o custo da “recuperación dese impacto é menor”. Concretamente, os investigadores cifraron en máis de 1,4 millóns de euros os custos da restauración da zona analizada co actual modelo de xestión, mentres que coa agrupada situaríase por baixo dos 800.000 euros.

Ao mesmo tempo, engade Alonso, este modelo contribuiría tamén á “protección desta área”, ao permitir destinar unha maior parte a bosques de frondosas “en áreas estratéxicas”, o que tamén axudaría “a unha menor vulnerabilidade con respecto aos incendios”, á vez que resultaría beneficioso “desde o punto de vista da biodiversidade”. Neste punto, Picos lembra que o obxectivo de Resonate era analizar a resiliencia “socioecolóxica” dos bosques, o que lévao a pór o foco nos “beneficios globais” deste tipo de actuacións, que non só garantirían “unha produción máis rendible”, senón susceptible de xerar “un maior valor engadido, xerando máis emprego e máis retorno económico” no conxunto do sector, á vez que contribúen a diminuír os efectos dos incendios. 

Levar o traballo aos axentes interesados

Tras a súa presentación na reunión de Resonate, Picos e Alonso traballan agora na análise do custo que suporía a adaptación a este modelo, xa que “estamos falando de agrupación moito máis grande das que normalmente estamos acostumados”. Alén de que os resultados deste traballo poidan recollerse en publicacións científicas, os investigadores teñen tamén previsto “unha serie de presentacións” con diferentes institucións e axentes interesados en Galicia e Portugal.


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

2 COMENTÁRIOS

  1. Ulos os eucalitos nesta simulação?. Sem registar a sua existência creio que não é valida a teorização. E toda conclusão resulta errónea ao faltar esta variável . Nomeadamente nas rias baixas e na Marinha Luguesa

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A cirurxía que cambiou a vida de dous galegos con TOC: “Son resultados espectaculares”

Un equipo de Vigo é pioneiro en Galicia nunha intervención pouco invasiva que reduce a sintomatoloxía no 70% dos doentes

A galega Observer certifica a Gran Ruta de Ecoturismo Científico en España

O distintivo avala o valor do roteiro como experiencia de turismo responsable, baseada na divulgación científica e na conservación da biodiversidade

As incribles imaxes dun polbo de Louro que namoraron a BBC

As instantáneas están feitas polo galego Xaime Beiro: "Moitas fotografías son do mesmo exemplar, ao que lle debo moito"

O uso de pantallas en nenos pequenos afecta a súa capacidade de falar e de moverse

Un dos estudos máis completos ata a data examina as consecuencias da exposición de cativos entre un e catro anos a dispositivos electrónicos como móbiles e televisións