Derrubamentos, caída de tellados, accidentes de tráfico, árbores e ramas obstaculizando estradas e suspensión de tráfico aéreo, ferroviario e marítimo. Ese é o regueiro de incidencias que deixou a borrasca Herminia en Galicia durante a fin de semana. Pero isto non acaba aquí. Os seus efectos aínda se notarán ata o martes. De feito, Meteogalicia mantén a alerta vermella en todo o litoral, agás na Mariña lucense, por ondas que poden acadar os 9 metros. Tamén está activado o aviso amarelo nos concellos costeiros e limítrofes por ventos de ata 80 km/h e por neve no sur de Ourense e nas montañas de Ourense e Lugo. Porén, a inestabilidade que está a vivir Galicia continuará nos vindeiros días pese á marcha de Herminia. Está previsto que a noite do martes ao mércores entre outra profunda borrasca atlántica que deixará temporal costeiro, así como avisos por chuvia, neve e ventos furacanados.
Herminia azouta con forza entre luns e martes
Está previsto que este luns sexa un dos pratos fortes de Herminia. A treboada causada pola borrasca situada ao oeste de Irlanda rexistrou nas últimas 24 horas 171 raios en terra e 605 en total, incluíndo os notificados no mar. O maior número de descargas eléctricas contabilizouse entre as 8 e as 9 horas. A chuvia estará acompañada de sarabia, provocada por un lixeiro descenso das temperaturas. Con todo, a situación máis complicada durante este luns vivirase no mar, onde está activada a alerta vermella por forte oleaxe, con ondas que poden acadar os 9 metros. O outro fenómeno meteorolóxico que marcará a xornada será a neve, co acumulacións superiores aos 10 centímetros nos Ancares, a Fonsagrada e en zonas altas do Courel, Terra de Trives, Valdeorras e Viana.

A situación do martes mellorará lixeiramente con respecto á do día anterior, malia que a alerta vermella continuará activa en todo o litoral agás na Mariña lucense, en aviso laranxa por ventos de máis de 80 km/h. A inestabilidade atmosférica provocada pola borrasca Herminia estará alimentada pola presenza de aire frío en altura. De feito, Meteogalicia activou os avisos amarelos no interior da provincia de Pontevedra por acumulacións de neve superiores aos dous centímetros por enriba dos 800 metros. Nas montañas de Lugo e Ourense, así como no sur desta última provincia, espéraranse acumulados de 10 centímetros.
Entrada dunha nova e profunda borrasca
Malia a marcha de Herminia, unha nova e profunda borrasca tomará o relevo. Segundo o boletín de avisos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), agárdase que este novo sistema de baixas presións —que de momento non recibiu nome— provoque refachos moi fortes no noroeste peninsular. “Poden ser ventos furacanados en zonas de alta montaña e litorais expostos”, indica o documento. Así mesmo, volverá o temporal costeiro a Galicia con ondas de ata oito metros. Segundo Meteogalicia, a responsable será unha borrasca situada ao sur de Irlanda que deixará chuvia xeneralizada pola mañá. Producirase unha entrada de aire frío durante o mediodía do mércores que causará fortes precipitacións comapañadas de sarabia e tormenta.
“En principio non vai ter o mesmo impacto de Herminia pero hai que estar atentos porque se poden producir cambios. Durante a noite do martes ao mércores os ventos oscilarán entre os 70 e os 80 km/h en toda Galicia, con variabilidade entre a costa e o interior. Tamén se rexistrará moita chuvia, con acumulados de ata 40 l/m2 en tan só 12 horas, sobre todo no suroeste da Coruña, no interior de Pontevedra e en Ourense. Tamén haberá moita neve. E aínda que non vaia ser un temporal tan intenso como Herminia, vai chover sobre mollado”, prognostican fontes de Meteogalicia.
Volve o anticiclón
A situación de inestabilidade manterase durante o xoves. A AEMET prevé a entrada “dunha masa de aire moi frío de orixe polar que baixaría a cota de neve ata os 500-700 metros no oeste peninsular”. Isto, por tanto, traería fortes nevaradas nas zonas de montaña. Dende Meteogalicia prognostican que o xoves aínda será un día marcado polas fortes precipitacións, cun 90% de probabilidades de chuvia. Con todo, está previsto que a situación cambie a partir do venres. En principio recuperarase a estabilidade coa chegada de febreiro debido á situación de dous potentes anticiclóns: un nos Azores e outro en Escandinavia. Iso pecharía a porta ás borrascas atlánticas… de momento.