Avance crucial contra a obesidade: un estudo da USC abre novas posibilidades terapéuticas

Unha investigación liderada dende Madrid suxire que inhibir a función dunha proteína podería ser unha estratexia prometedora para a perda de peso

Un novo estudo no que participan dous investigadores da Universidade de Santiago (USC) abre novas posibilidades en terapias contra a obesidade. A investigación, liderada pola Universidade Complutense de Madrid (UCM), revelou un avance significativo no entendemento do papel da proteína PAS quinasa (PASK) na termoxénese e a regulación do gasto enerxético mediante a produción de calor. Así o demostrou o equipo nun artigo publicado na revista Biochemical Pharmacology, que cualifica o achado de “avance crucial” na loita contra a obesidade. A contribución galega vén da man de Miguel López e Cristina Contreras, do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da universidade compostelá.

O equipo demostrou que os ratos deficientes na proteína PAS quinasa (PASK) presentan unha maior actividade termoxénica no tecido adiposo pardo (BAT, polas súas siglas en inglés) e unha conversión máis eficiente de graxa branca a graxa parda (un proceso coñecido como browning). “Este achado suxire que inhibir a función de PASK podería ser unha estratexia prometedora para combater a obesidade e enfermidades metabólicas asociadas”, destaca Carmen Sanz, autora principal do traballo e investigadora do Departamento de Bioloxía Celular da Facultade de Medicina da UCM.

Publicidade

Favorecer a perda de peso

Os adipocitos da graxa branca almacenan lípidos para xerar enerxía, pero a súa acumulación excesiva contribúe ao sobrepeso e enfermidades metabólicas e cardiovasculares. En contraste, os adipocitos do tecido adiposo pardo utilizan lípidos para disipar enerxía producindo calor (termoxénese), evitando así o aumento de peso. Baixo estímulos, como o frío ou agonistas β-adrenérxicos, algúns adipocitos presentes na graxa branca poden adquirir propiedades termoxénicas mediante o proceso de browning.  

Un estudo previo do grupo en 2018 xa indicara que estes ratos deficientes en PASK mostraban resistencia ao desenvolvemento de obesidade cando se alimentaban con dieta alta en graxa. Os resultados obtidos na recente publicación confirman que a ausencia de PASK activa de forma máis eficiente o BAT e mellora a resposta do organismo ao frío ou a estímulos farmacolóxicos, aumentando o gasto enerxético, o que favorecería a perda de peso.

Publicidade

Miles de datos extraídos de modelos de ratos macho

Para levar a cabo o estudio, os autores utilizaron ratos machos coa proteína PASK non funcional e ratos silvestres que foron sometidos a diferentes estímulos termoxénicos, como baixas temperaturas e agonistas β-adrenérxicos. O rexistro de datos cada hora durante 7 días mediante calorimetría xerou miles de datos que lles permitiron determinar o gasto enerxético en distintas condición.

Ademais, os investigadores obtiveron mediante termografía a temperatura no BAT dos ratos expostos ou non a baixas temperaturas ambientais ou a análogos β-adrenérxicos. Paralelamente, realizaron un seguimento da variación do peso corporal baixo estas condicións e analizaron marcadores termoxénicos e mitocondriais en diferentes tipos de tecido adiposo.    
 
Estes descubrimentos abren novas posibilidades para desenvolver terapias baseadas na modulación da termoxénese, aproveitando o potencial do tecido adiposo marrón para controlar o peso corporal e mellorar a sensibilidade á insulina. Este traballo representa un avance crucial na loita contra os efectos negativos da obesidade e subliña a importancia da investigación básica para atopar solucións innovadoras fronte a problemas de saúde global.


Referencia: Enhanced thermogenesis in PAS Kinase-deficient male mice (Publicado en Biochemical Pharmacology)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A nova Unidade Mixta da USC avanzará en anticorpos terapéuticos para cancro e doenzas inflamatorias

A iniciativa reúne persoal investigador do CiMUS e a biotecnolóxica SunRock Biopharma para impulsar tratamentos biolóxicos de precisión

Unha nova Unidade Mixta da USC impulsa terapias innovadoras en cancro e enfermidades inflamatorias

A colaboración con SunRock Biopharma integra grupos do CiMUS para validar candidatos terapéuticos en fases temperás

Un equipo galego descobre que algúns fármacos contra a obesidade teñen efectos beneficiosos no fígado

O CiMUS e a Universidade de Toronto investigan as aplicacións de substancias baseadas en GLP-1 en enfermedades hepáticas, o que permitiría elaborar tratamentos personalizados

O grupo de Santiago que investiga os segredos do párkinson: “A cura definitiva é moi complicada”

O equipo do CiMUS liderado por José Luis Labandeira analiza a morte neuronal e desenvolve estratexias de neuroprotección para frear a enfermidade