Lugo é a provincia do Estado con máis persoas obesas

Varios estudos revelan que Galicia é a segunda comunidade con máis prevalencia de sobrepeso entre a poboación adulta

A obesidade e o sobrepeso son importantes factores de risco á hora de contraer enfermidades como o cancro, a diabetes e as cardiopatías. Consciente desta realidade, un equipo do Centro Nacional de Epidemioloxía do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) e da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) acaba de publicar dous artigos científicos que analizan a prevalencia da obesidade e sobrepeso na poboación española; tanto adulta como infantil. Galicia non escapa a este escenario e agocha algúns dos datos máis preocupantes do informe: é a segunda comunidade autónoma con maior prevalencia de persoas obesas na idade adulta e Lugo é a provincia do Estado con máis xente con obesidade, acadando un 27,3%.

A análise dos datos, que se extraeron da enquisa ENE-COVID, poñen de manifesto que hai un maior risco de exceso de peso nas persoas cun menor nivel educativo e de renda, con discapacidade ou que conviven con persoas obesas. Sexan cales sexan as explicacións que dan forma ás dúas investigacións, os expertos conveñen en falar do alarmantes que son os datos. “Os dous estudos mostran resultados moi preocupantes, tanto en poboación infantil como en adulta, polas altísimas prevalencias de sobrepeso e obesidade”, expón o epidemiólogo da Universidade de Alcalá Manuel Franco en declaracións recollidas no Science Media Centre (SMC) España. Segundo continúa explicando o experto, o sur de Europa, materializado en España, Grecia e Italia rolda taxas de prevalencia de sobrepeso e obesidade próximas ao 40%, cando os países do centro e norte de Europa non acadan o 20%. Unha realidade, por tanto, que é máis preciso ca nunca estudar.

A poboación adulta

Os datos relativos a Galicia non acougan a preocupación sementada por Franco. De feito, é a segunda comunidade autónoma cunha maior prevalencia de sobrepeso (39,5%), só por detrás de Castela e León (40%), na poboación adulta. A diferenza entre homes e mulleres é considerablemente notable, dado que eles acadan o 47% e elas quédanse moi por debaixo, con tan só 32,8%. A situación non mellora no que respecta ás persoas con obesidade, dado que Galicia segue formando parte do podio. Repite segunda posición, só por detrás de Estremadura, cun 22,5% de prevalencia de xente obesa, fronte ao 24% que lidera a clasificación.

Prevalencia de obesidade por provincia.

No que respecta ás provincias, Lugo salienta fronte a todas as demais ao converterse na de maior taxa de prevalencia de obesidade cun 27,3%. Séguena A Coruña, cun 22,5%, e despois Pontevedra (22,2%) e Ourense (18,6). No que respecta ás diferenzas entre homes e mulleres, elas supéranos a eles en case todas as provincias, agás en Ourense, onde os homes (21,8) se sitúan máis de seis puntos por enriba das mulleres (15.7). En relación á obesidade severa, o escenario é semellante, volvendo ser Lugo a que lidera a clasificación galega (9,4%) e tamén a de todo o Estado. De novo, as mulleres volven ter maiores taxas de obesidade severa que os homes, esta vez en todas as provincias.

En canto ao sobrepeso, Lugo pasa ao terceiro lugar e é A Coruña a que lidera a clasificación galega, cunha taxa de prevalencia que acada o 40,1%. Séguena Ourense con 40,7%, Lugo con 39,5% e Pontevedra pecha a clasificación, con 38,4%. As diferenzas entre homes e mulleres non repiten o patrón da obesidade e intercámbianse os papeis. Neste caso, as taxas máis elevadas do sobrepeso en todas as provincias están nos homes, cunha cifra que acada o 49,5% en Lugo e baixa ata o 30,3% nas mulleres. A Coruña, Ourense e Pontevedra mantéñense por debaixo da provincia luguesa, pero nunha proporción similar ao total e tamén no que respecta ás separación por sexos.

Os nenos

No que respecta á poboación infantil, a enquisa ENE-COVID pon de manifesto que tanto a obesidade como o sobrepeso son un “importante problema de saúde pública”. Sobre todo porque, igual que acontece nos adultos, están asociadas a unha longa nómina de enfermidades, como a diabetes, e hipertensión e os trastornos hormonais. En termos xerais, a obesidade ten maior prevalencia en nenos que en nenas e a franxa de idade na que maior porcentaxe hai de rapazada obesa é entre os 6 e os 9 anos. De igual modo que acontecía cos adultos, o baixo nivel de estudos e de renda asócianse cunha prevalencia maior de obesidade e sobrepeso.

No que respecta a Galicia, os datos de sobrepeso na poboación infantil son máis esperanzadores que na poboación adulta. Cun 18,7% é a undécima comunidade autónoma con máis rapaces con sobrepeso, en empate técnico con Madrid e Cataluña. Os datos para a obesidade son similares, situándose esta vez nun noveno posto e acadando un 9,7% de nenos obesos en Galicia. En relación ás provincias, os datos son menos positivos dado que Ourense (25,1%) é a cuarta provincia, por detrás de Burgos (26,2), Córdoba (26,6%) e Zamora (26%), con maior poboación infantil con sobrepeso.

Limitacións do estudo

O estudo contou cun gran número de participantes, acadando 57.131 adultos e 10.543 nenos. Malia o tamaño da mostra, o investigador en epidemioloxía social e cardiovascular da Universidade de Alcalá Luis Cereijo pon de manifesto algunhas das limitacións do estudo. Por un lado, que a mostra se deseñou para estudar a prevalencia do SARS-CoV-2 na poboación, e non a da obesidade e o sobrepeso, así como as súas enfermidades asociadas. Amais, Cereijo critica o uso do IMC (índice de masa corporal), dado que é unha medida cada vez máis polémica na ciencia. “O estudo non recolle de forma estandarizada as medidas antropométricas das que deriva o IMC (peso e altura) senón que son autorreportadas polos participantes na entrevista”, apunta o investigador, dando conta dos posibles nesgos cos que conta o estudo.

Máis alá das limitacións, o epidemiólogo Manuel Franco insiste en que os datos que verte o estudo son a todas luces preocupantes. “Dende un punto de vista da saúde pública, de protección de saúde e prevención de enfermidades asociadas ao sobrepeso e á obesidade, este é un reto enorme e preocupante que temos en España, e é un reto desigual”, apunta no SMC. O investigador avoga por desenvolver e facer efectivo un plan nacional para a redución da obesidade infantil. “A obesidade é un problema complexo, presente a nivel global, que debemos tomar moi en serio en España e en Europa, onde xa hai experiencias de éxito”, conclúe.


Referencias:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que é a inflamación? Guía para informarse e non caer en remedios ineficaces

O proceso inflamatorio forma parte natural do sistema inmunitario porque establece unha barreira física e non específica para illar patóxenos

Investigadores galegos identifican un xene que podería predicir a obesidade

Os niveis de expresión de PTK2B serían un biomarcador capaz de axudar na prevención dos trastornos metabólicos na infancia

Como o abandono da dieta atlántica (e a falta de exercicio) converten Galicia no reduto da obesidade

A investigadora Ana Crujeiras coordina un congreso para abordar os novos avances e desafíos no tratamento da adipose

Tomar Wegovy para adelgazar? Riscos, beneficios e diferenzas con Ozempic

É un medicamento que se administra en forma de inxección unha vez á semana e está aprobado especificamente para o control do peso