O sobrepeso considérase unha etapa preclínica da obesidade e forma parte dun grupo de enfermidades multifactoriais, xa que resulta de interaccións complexas entre factores xenéticos, neurobiolóxicos, alimentarios, de estilo de vida e dunha contorna social máis ampla. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), unha persoa adulta presenta sobrepeso cando o seu Índice de Masa Corporal (IMC) é igual ou superior a 25. Para analizar a evolución do sobrepeso en Galicia, investigadores da Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago (USC) publicaron un estudo de prevalencia na revista Medicina Clínica. O traballo permite coñecer a evolución desta condición entre os anos 1987 e 2023. Segundo os seus datos, Galicia presenta unha prevalencia do 37%, lixeiramente inferior á media española, situada no 38,9% en 2023.
Con todo, esta situación non foi sempre así. Guadalupe García, investigadora vinculada á USC e ao Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), explica que Galicia segue un patrón evolutivo semellante ao de Extremadura e La Rioja: entre 1987 e 1995 observouse un incremento notable da prevalencia, cunha taxa de cambio anual do 3,1%. A partir dese período, a tendencia foi moderándose ata chegar a 2023, cando os datos apuntan a unha estabilización, sen cambios significativos e mesmo cunha lixeira redución da taxa do 0,2% ao longo de 28 anos.
Os datos do estudo proceden da Enquisa Nacional de Saúde (ENSE) e da Enquisa Europea de Saúde en España (EESE), que recompilan información a través de entrevistas persoais, telefónicas e en liña ao longo de máis de 35 anos. No total, analizáronse respostas de 267.932 participantes. Con todo, tal e como advirte Guadalupe García, os estudos de prevalencia só permiten describir frecuencia e distribución, pero non causalidade.
Para definir o sobrepeso, os investigadores da USC empregaron datos de peso e altura autodeclarados polos propios enquisados. As preguntas incluían cuestiones como “Podería dicirme canto pesa, aproximadamente, sen zapatos e sen roupa?” ou “E canto mide, aproximadamente, sen zapatos?”. A partir destas respostas, calculouse o IMC —peso en quilogramos dividido por altura ao cadrado en metros— e clasificouse a poboación segundo os valores obtidos.
Mocidade e homes
En termos xerais, a poboación máis nova, de entre 15 e 24 anos, é o grupo que experimentou o maior incremento relativo na prevalencia de sobrepeso no período estudado, cun aumento total do 67,7%. Nas mulleres deste tramo de idade, o cambio foi especialmente drástico: a cifra incrementouse nun 113,1%, ao pasar do 6,4% en 1987 ao 13,7% en 2023. Con todo, o estudo non ofrece cifras despregadas por grupos de idade para Galicia.
No que respecta ao sexo, os homes presentan unha prevalencia de sobrepeso significativamente maior, cun 45,8% en 2023, fronte ao 32,2% das mulleres. Ao longo dos anos, a taxa de sobrepeso masculina mantívose de maneira constante por riba da feminina. Neste caso, si é posible coñecer os datos específicos de Galicia, que segue a tendencia xeral observada: o incremento porcentual relativo supera o 25%, de modo que a proporción de homes con sobrepeso é hoxe aproximadamente un cuarto superior ca a rexistrada a finais dos anos 80. Pola súa banda, as mulleres galegas amosan un aumento máis moderado, situado arredor do 18%.
Como impacta a diabetes e a hipertensión?
“Os datos amosan unha maior prevalencia de hipertensión e diabetes entre as persoas con sobrepeso”, sinala a investigadora do IDIS. En Galicia, a proporción de persoas que declaran padecer estas patoloxías xunto co sobrepeso é superior á media española, con diferenzas de entre cinco e sete puntos porcentuais.
Segundo a Enquisa Nacional de Saúde, o 23,8% das persoas con sobrepeso afirma ter sido diagnosticada de hipertensión, fronte ao 11% das persoas con peso considerado normal. Pola súa banda, o 8% das persoas enquisadas con sobrepeso declara ter recibido un diagnóstico de diabetes.
A subestimación do peso
Unha das claves deste estudo reside no concepto da subestimación do peso, é dicir, na fenda existente entre a realidade e o que as persoas declaran. Guadalupe García explica que diversos estudos, tanto a nivel nacional como internacional, demostrar que a poboación tende a afirmar que pesa menos do que realmente pesa, probablemente como consecuencia da presión social e dos cánones estéticos vixentes. “Un 14% da poboación galega tende a subestimar a súa masa corporal”, sinala a investigadora, o que implica que 1 de cada 7 persoas en Galicia non ten unha percepción axustada do seu peso real ou, cando menos, non a comunica con exactitude. Pero que consecuencias se agochan tras esta cifra?
O estudo da USC baséase en enquisas de saúde nas que a información é autoreportada. Polo tanto, se ese 14% da población galega afirma pesar menos do que pesa en realidade, unha parte destas persoas podería atoparse tecnicamente no rango de sobrepeso, aínda que nos datos aparezan clasificadas como persoas con peso normal. Esta distorsión ten un impacto directo nos resultados dos estudos de prevalencia, xa que pode conducir a unha infravaloración real da magnitude do sobrepeso na poboación.
Máis aló do estilo de vida
“O sobrepeso non debe analizarse de forma illada”, explica García. Aínda que está estreitamente relacionado co estilo de vida, non pode reducirse unicamente ao sedentarismo ou á falta de exercicio físico. A investigadora subliña a necesidade de ter en conta outros factores, como os cambios na estrutura da poboación, diferenzas rexionais ou a evolución dos patróns alimentarios.
Aínda que Galicia non supera a media estatal, existen indicadores que apuntan a unha tendencia cara a estilos de vida pouco saudables. Un exemplo é o aumento do sedentarismo: un estudo do mesmo equipo da USC revela que esta conduta medrou en Galicia do 34,4% en 2011 ao 40,9% en 2020, a pesar de ser unha das comunidades coas cifras máis baixas. Segundo a OMS, o sedentarismo está asociado a un maior risco de padecer problemas cardiovasculares e enfermidades metabólicas, como a diabetes, podendo favorecer tamén o desenvolvemento da obesidade e, nun estadio previo, do sobrepeso.
Neste contexto, Guadalupe García sinala que “se espera que as políticas de saúde pública teñan un impacto no descenso do sobrepeso”. A mensaxe principal que transmite a investigadora é a necesidade de promover estilos de vida saudables para reducir estas cifras e achegarse a números como os do País Vasco, que presenta a prevalencia máis baixa, cun 32,8%.
Referencia: Overweight in Spain from 1987 to 2023 (Publicado en Medicina Clínica)














