O Nadal e os trastornos alimentarios: “A saúde non é un número na báscula”

A psiquiatra Iria Veiga sinala que os comentarios sobre o corpo alleo e os cambios na alimentación durante as festas poden aumentar a ansiedade e os síntomas

Por que a época máis alegre do ano pode ser a máis difícil para quen loita contra un trastorno da conduta alimentaria (TCA)? Segundo a psiquiatra Iria Veiga, a explicación reside en que o Nadal é un período no que se consumen alimentos moi diferentes e con maior achegue calórico do habitual. Aínda que o trastorno de cada persoa ten características propias, durante estas festas conflúen todos os factores de risco: por unha banda, sabores e produtos distintos, e por outra, unha cantidade de comida superior á do día a día.

Non todos os TCA son de tipo restritivo, como a anorexia. Moitas familias tratan tamén con trastornos que teñen que ver co tipo de alimento —textura, sabor, presentación— ou co control sobre o que se come.

Publicidade

“As persoas con tendencia á restrición atoparanse en situacións nas que se farán comentarios negativos sobre canto comen”, explica a psiquiatra. En Galicia, isto complícase cunha tradición familiar: avós e avoas insistindo en que se coma máis ou determinados alimentos típicos das festas. Pola súa banda, quen ten síntomas máis relacionados co descontrol pode verse exposto a alimentos que acentúan o trastorno, como doces, frituras ou hidratos de carbono, elementos que forman parte da conduta da atacada, segundo Iria Veiga.

Así, o Nadal convértese nunha época na que, segundo a especialista, aumenta a gravidade dos síntomas de moitas persoas con TCA. Esta situación intensifícase nas ceas e encontros, especialmente cando aparecen familiares máis aló da unidade nuclear, e acompañan os saúdos de comentarios sobre o corpo ou a alimentación que poden incrementar a ansiedade e o malestar.

Publicidade

O poder da palabra

No Nadal, os comentarios e interaccións familiares poden ter un impacto moi importante nas persoas con trastornos da conduta alimentaria. Segundo a psiquiatra Iria Veiga, hai dous escenarios principais cando sentan novos invitados á mesa: por unha banda, cando os invitados non saben que a persoa padece un TCA; por outra, cando, aínda coñecéndoo, teñen ideas erradas sobre como funcionan estes trastornos. “O máis frecuente que pode pasar é que se fagan comentarios”, sinala. Pero, sobre que?

Os máis habituais refírense á imaxe corporal —peso, cantidade que come ou a elección do prato— e á insistencia en consumir determinados alimentos. “Isto pode aumentar a ansiedade da persoa”, explica Veiga, ademais de resultar molesto e inadecuado.

Con todo, dende o punto de vista dos profesionais, o Nadal tamén pode ser un momento de apoio e de práctica para persoas que xa alcanzaron certa estabilidade na súa enfermidade. As reunións familiares arredor da comida poden servir para poñer a proba a exposición a estímulos, observar as propias respostas ante situacións novas e fortalecer estratexias de afrontamento.

A clave, advirte Veiga, é que debe existir unha rede de seguridade. “Se unha persoa se expón a situacións que lle xeran medo, pero ademais hai familiares facendo comentarios inadecuados sobre o peso, iso pode frear o avance“, sinala. Por iso, a primeira regra destas festas é clara: non falar de corpos alleos, sen importar a boa intención, porque o impacto pode ser maior do que se pensa.

Necesidade de previsión

O tratamento dos TCA céntrase principalmente na psicoterapia, polo que os fármacos teñen un papel limitado e só se empregan en situacións puntuais, como a presenza de ansiedade intensa ou depresión asociada. Iso significa que non existen medicamentos que “preparen” ás persoas para eventos estresantes como as festas de Nadal. Por iso, segundo Iria Veiga, a clave está na previsión e planificación: “O que se adoita facer é preparar as situacións”, explica.

Prepararse implica tanto á persoa afectada como á familia, e pode incluír cuestións como: Como será a cea de Noiteboa? Que alimentos se van servir? Quen asistirá? Que comentarios poden xurdir e cales deberían evitarse? Este proceso convértese nun exercicio de introspección que permite contemplar diferentes escenarios e anticipar situacións que poidan xerar malestar.

Tamén se recomenda prestar atención á comida: Haberá máis entrantes ou sobremesas? Que alimentos poden resultar máis difíciles de xestionar? “Débese ir traballando naqueles aspectos que poden ser máis disruptivos para a persoa”, remarca Veiga.

Os mitos tras os TCA

“O principal mito sobre os TCA é que son estupideces de nenas malcriadas que non queren comer”, sinala a psiquiatra Iria Veiga. Este tipo de ideas, moi estendidas, negan a verdade destes trastornos como enfermidades complexas que implican factores psicolóxicos, biolóxicos e sociais. Ademais, engade Veiga, hai quen pensa que se solucionan “con man dura”, obrigando á persoa a comer, un enfoque que pode resultar contraproducente e pode aumentar o illamento.

Outro mito frecuente é asociar a delgadeza con saúde, unha visión moi presente na sociedade actual. Con todo, tamén existe o caso contrario en culturas ou familias máis tradicionais, onde se considera que unha persoa só está saudable se ten un certo grao de sobrepeso. Ambos extremos simplifican demasiado a complexidade da saúde e non teñen en conta factores individuais como o metabolismo, antecedentes médicos ou benestar emocional.

Un terceiro mito é que “hai que comer de todo”. Para Veiga, esta afirmación carece de sentido dende o punto de vista da saúde: non hai alimentos que sexan obrigatorios para estar saudable, e obrigar a alguén a consumir algo que non lle gusta pode xerar máis malestar que beneficio. Comer doces, por exemplo, non mellora nin empeora a saúde se se fai con moderación, e os alimentos máis discutidos non deberían ser fonte de culpabilidade.

A especialista encárgase de desmentilos: “A alimentación comprende moitos factores que non son só orgánicos, senón tamén culturais, emocionais e afectivos. A saúde non é un número na báscula, nin un prato máis ou menos cheo. Ademais, destaca que existen dietas máis beneficiosas para a saúde, como a mediterránea ou a atlántica, pero que eleccións como o vexetarianismo ou veganismo non son menos saudables que unha dieta omnívora, sempre que se fagan de forma equilibrada.

Que facer na mesa no Nadal?

Cando se lle preguntou á psiquiatra por consellos para familias que comparten mesa cunha persoa con TCA, foi clara: “Daría as mesmas recomendacións que lle daría a unha persoa que comparte mesa con alguén que non ten un trastorno”. O máis importante, subliña, é non facer comentarios sobre o físico doutras persoas, nin sobre o que comen ou deixan de comer. “É unha cuestión de educación básica”, engade.

Ademais, cando se sabe que alguén na mesa ten un TCA, é común ter ideas preconcebidas ou crer que certos comportamentos “solucionan” o problema. “Hai moita xente que pensa que a anorexia cura forzando a esa persoa a comer”, explica Veiga, un enfoque que, lonxe de axudar, pode ter consecuencias graves e mesmo retroceder avances terapéuticos.

A especialista recomenda, en liñas xerais, manter sempre o respecto, a comprensión e a empatía. “Eu animaría a evitar este tipo de comentarios en todas as situacións, xa non só en persoas cun posible trastorno”, conclúe Iria Veiga. Deste xeito, as comidas e ceas de Nadal poden seguir sendo momentos de encontro e celebración, sen que a comida se converta nun motivo de conflito.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Tres sinais para anticipar o risco de condutas suicidas no TOC: este é o achado dun estudo galego

Investigadoras do CiMUS, CiTIUS e Hospital de Bellvitge identifican factores clave que poderían mellorar a detección temperá en persoas con trastorno obsesivo-compulsivo

Detectar esquizofrenia a través da fala: as claves dun estudo pioneiro en Galicia

A investigadora da UVigo María Vila Tarela analiza os trazos prosódicos e fonéticos de persoas coa enfermidade co obxectivo de mellorar o seu diagnóstico no futuro

Aire acondicionado fronte ao cambio climático: indispensable ou incompatible?

A OMS presenta unha nova guía de plan de acción sobre saúde e calor na que recoñece os seus efectos negativos á vez que insiste na necesidade de acceso

Un equipo de Santiago revela patróns xenéticos compartidos entre oito trastornos mentais

Un novo estudo do IDIS aplica por primeira vez unha abordaxe estatística novidosa en psiquiatría co obxectivo de mellorar o diagnóstico e impulsar a medicina personalizada