Venres 19 Abril 2024

A anorexia pode provocar cambios importantes na estrutura cerebral

Os investigadores sinalan que a falta de nutrientes diminúe o cerebro dos pacientes e destacan o importante que é tratar a doenza

A anorexia nerviosa é un tipo de trastorno alimentario que deixa danos importantes no corpo do paciente, e ata pode chegar a ser mortal. Porén, un novo estudo indicou que tamén é relevante o impacto que a falta de nutrición pode ter na estrutura e saúde do noso cerebro.

A través de 1.648 escáneres cerebrais femininos (685 deles de pacientes con anorexia nerviosa), recollidos en 22 lugares diferentes, os investigadores atoparon diminucións no grosor cortical, nos volumes subcorticais e na área de superficie cortical en persoas con anorexia. En resumo, o cerebro dunha persoa que restrinxe o que come tende a encoller.

Publicidade

En termos da mostra, trátase do estudo máis grande realizado ata o momento, coa fin de analizar a relación existente entre os trastornos alimentarios e a materia gris dos pacientes, e que mostrou a importancia que ten tratar esta afección o antes posible para o correcto desenvolvemento do cerebro.

Realizáronse máis de 1.600 escáneres cerebrais en mulleres

“Para este estudo, traballamos intensamente durante varios anos con equipos de investigación de todo o mundo”, explica a psicóloga Esther Walton, da Universidade de Bath, en Reino Unido. “Poder combinar miles de escáneres cerebrais de persoas con anorexia permitiunos estudar os cambios cerebrais que podían caracterizar este trastorno da conduta con moito máis detalle”, engade.

As reducións no tamaño e forma do cerebro, que se mostraron nesta investigación, son de dous a catro veces maiores que as reducións causadas por outras afeccións psicolóxicas como a depresión, o TDAH e o TOC, segundo apuntan os investigadores.

Na busca de máis respostas e terapias efectivas

Este estudo non resolve a causa final destas reducións, mais o equipo investigador suxire que é probable que a diminución do índice de masa corporal (IMC) e a cantidade de nutrientes dispoñibles no corpo do paciente teñan algo que ver. Con todo, os escáneres cerebrais tamén mostraron que os tratamentos para a anorexia, que xeralmente involucran terapias cognitivo-condutuais, poidan axudar a reverter algúns destes cambios no cerebro.

“Atopamos que as grandes reducións na estrutura cerebral, que observamos nos pacientes, eran menos notorias naquelas persoas que xa estaban en camiño de recuperación“, apunta Walton. “Este é un bo sinal, xa que indica que estes cambios poderían non ser permanentes. Co tratamento adecuado, o cerebro podería chegar a recuperarse”, explica a psicóloga.

“Hai un bo sinal: os cambios poden non ser permanentes”

ESTHER WALTON, Universidade de Bath

A pesar de que os científicos non aseguran aínda os motivos que causan a anorexia, sábese moito sobre os seus efectos no corpo dos pacientes. Millóns de persoas en todo o mundo vense afectadas por este trastorno, que supón unha das principais causas de morte relacionadas con problemas de saúde mental.

A medida que se vaian obtendo máis datos e se fagan máis estudos arredor deste asunto, os investigadores poderán comprender mellor que provoca esta redución no volume cerebral das persoas con anorexia, así como algúns mecanismos neurolóxicos que se atopan detrás desta problemática.

Polo momento, está claro que canto antes se busque e se dea tratamento aos pacientes, mellor. “Agora pódense avaliar os efectos dos tratamentos e das intervencións usando estes novos mapas cerebrais como referencia”, expón o neurólogo Paul Thompson, da Universidade do Sur de California. “Isto realmente supón unha chamada de atención, que mostra a necesidade de intervencións temperás para persoas afectadas por trastornos alimentarios”, conclúe.


*Unha versión deste artigo foi publicada no portal de noticias ScienceAlert. Podes ler o artigo orixinal na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

Así se desenvolve o medo no cerebro

Neurobiólogos da Universidade de California descubriron en ratos como a tensión e o abafo convértense en afeccións como o trastorno de estrés postraumático