Sábado 27 Abril 2024

Marisol Soengas: “En España morren entre dúas e tres persoas ao día por melanoma”

A investigadora galega explica como debemos protexernos da exposición solar no Día Europeo da Prevención do Cancro de Pel

Cada 13 de xuño celébrase o Día Europeo da Prevención do Cancro de Pel, uns tumores que nos últimos anos foron aumentando a súa incidencia. Marisol Soengas (Agolada) é investigadora no grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO), onde está centrada en distinguir as lesións benignas das malignas, en coñecer os procesos de diseminación das células tumorais e en previr as fases de metástase. Hoxe explícanos os últimos avances en canto a tratamento, diagnose e inclusive protección individual que foron dando neste eido, así como as chaves para coidar este órgano tan grande que é a pel.

—Dentro dos cancros de pel, o melanoma ten algunha particularidade?

Publicidade

—A pel está constituída por distintos tipos de células, polo que hai distintos tipos de cancros que a poden afectar. Ao ser un órgano tan grande que está tan exposto ao exterior con todo o que iso implica (radiación solar, patóxenos) son os cancros máis frecuentes e dentro de todos eles o melanoma é o máis agresivo. Chámase melanoma porque está derivado das células que producen melanina, as responsables de que nos poñamos morenos. Ademais, todos os tumores de pel aumentaron a súa incidencia nos últimos anos e preocúpanos especialmente o caso do melanoma por esta agresividade. En España, están morrendo entre dúas e tres persoas ao día a causa deste tipo de cancro en concreto.

—Sábese por que aumenta tanto a incidencia?

—O factor máis importante é a exposición solar. Por unha banda, hai que ter en conta que as nosas avoas cubrían a pel, mentres que agora temos máis exposición. Ademais a radiación solar tamén se volveu máis daniña, porque hai unha capa de ozono que debería protexernos pero que se está reducindo. Con todo, hai outros factores que non se coñecen moi ben porque hai melanomas que aparecen en zonas que non estiveron expostas ao sol. Tamén é importante ter en conta a predisposición xenética, o risco que hai en persoas coa pel clara ou co cabelo rubio e nos últimos anos estase investigando a influencia da dieta ou da microbiota da pel. Dende logo, outro factor que inflúe moito son as cabinas de bronceado: está demostrado que aumentan o risco para todos os tipos de cancro de pel.

—Por exemplo, o melanoma na boca non viría dunha exposición ao sol.

—Nin nas mucosas nin nas unllas, por exemplo, igual que tamén se dá nas plantas dos pés. Cando a xente pensa en melanoma pensa na pel, porque son os máis frecuentes, pero tamén pode aparecer nos ollos, na boca e nas mucosas e noutras zonas internas onde tamén hai melanocitos. Por iso hai que incidir nas campañas na prevención, pero tamén no seguimento. Nós vemos os lunares porque son miles de células que están pigmentadas, pero para que aparezan os melanocitos teñen que dividirse e así actívase un mecanismo de protección, de supresión tumoral: son células que están nunha fase durminte. Por iso, hai que ter moito coidado e prestar atención ás siglas ABCDE: asimetría, bordos irregulares, cor non homoxénea, diámetro de gran tamaño e evolución (cambios no aspecto, o tamaño, etc.).

—Xa que falamos de prevención, que é o máis importante á hora de protexer a pel?

—Hai que darse de conta de que cada persoa ten un tipo de pel diferente e cada unha ten que ser moi consciente do que ten. Cando nós utilizamos cremas de protección solar, que deberiamos de utilizar todos, por exemplo un SPF20 indica que estende 20 veces o tempo no que unha persoa se queimaría. Se unha persoa ten a pel moi clara e que se queima en 5 minutos, con esa protección serían 100 minutos. Non obstante hai que ter varias cousas en conta. En primeiro lugar a cobertura, porque hai distintas formulacións e hai que ter coidado en deixar a pel totalmente protexida. Logo, as actividades que fagamos: se imos á auga, se suamos, etc. Hai que reaplicalas e tamén fixarse en que protexan contra os raios ultravioleta A e B, porque poden producir distintos tipos de cancros. Ademais, hai que protexer tamén os ollos e utilizar gorras, especialmente no caso das crianzas coas que hai que ter moitísimo coidado porque teñen unha maior facilidade para queimarse.

“Se a pel está queimada, inflamada ou irritada podemos ter moitas patoloxías, non só cancro”

—Por exemplo, no caso das brumas se hai vento a cobertura sería menor, dando ademais unha falsa sensación de protección, non?

—Exacto. Poden non depositarse ben na pel e evidentemente na zona onde non cubra ben vas ter máis probabilidades de queimarte. Pero esa sensación de estar máis protexidos tamén a dan as cremas de moi alta protección, o SPF50 por exemplo: hai estudos que demostran que as persoas pensan que están completamente protexidas e corren máis riscos. A protección nunca é completa e ademais requiren reaplicación.

—E no caso dos ollos?

—Gafas de sol. Tamén hai que ter coidado con iso, porque unhas gafas nun mercadillo poden custar dez euros, algo barato en comparación cos prezos da óptica, pero tamén é evidente que non van ter controis de filtros solares nin da calidade do cristal.

—Serve de algo protexerse despois de toda unha vida sen facelo?

—Nunca é tarde para comezar a coidarse, pero é importante entender que a pel ten memoria: os melanocitos son células que van acumulando mutacións e ao final chega un punto en que unha destas mutacións é maligna, producindo un cancro ou favorecendo que apareza. Os danos acumulados no tempo afectan a saúde en xeral. Protexer a pel é bo para previr os cancros, pero tamén para evitar as manchas, que están producidas por queimaduras solares e ademais este órgano protéxenos contra infeccións bacterianas ou contra químicos. Se a pel está queimada, inflamada ou irritada podemos ter moitas patoloxías. É importante facer chegar a mensaxe, eu creo que os pais e as nais son bastante conscientes agora de que hai que protexer as crianzas, pero na adolescencia é onde temos máis traballo, porque ven moi lonxe que poidan ter un cancro.

“A tecnoloxía está desenvolvéndose para os especialistas, pero tamén está chegando ás persoas individuais”

—Cales son os avances máis importante neste ámbito dos últimos anos?

—É moi importante que a xente vexa que hai ciencia detrás de todo isto. Por unha banda temos os avances tecnolóxicos a nivel individual, como os dispositivos wearables (pulseiras, colgantes inclusive con xoias ou etiquetas) que se adaptan ao fototipo de cada persoa e funcionan indicando cando esta xa chegou ao seu límite de exposición solar. Nos países asiáticos, por exemplo, non lles gusta nada poñerse ao sol e traballan moito con produtos despigmentantes para eliminar as manchas que produce esta exposición, pero nos últimos anos tamén desenvolveron tecidos moi transpirables e lixeiros que ademais teñen unha protección solar moi alta. Noutros países como Australia é impensable que as crianzas xoguen nos patios se non están cubertos.

—E a nivel de clínica?

—Un dos grandes retos da dermatoloxía é separar os lunares dos melanomas. Afortunadamente, hai un número alto de lunares que dende o punto de vista da histoloxía son moi distintos dos melanomas, pero tamén hai lesións que son aparentemente similares. Aquí é onde entra a intelixencia artificial: hai algoritmos que aprenderon a distinguir e hai estudos que indican que son tan eficientes como os especialistas, cando menos se as fotografías están ben tomadas e teñen boa calidade. Isto permite por exemplo a telemedicina: un profesional de atención primaria pode utilizar estes algoritmos se ten un paciente que é sospeitoso.

Por outra banda, agora que temos aplicacións para todo, estanse desenvolvendo algunhas que, mediante fotografías, poden indicar se estamos ante un lunar benigno ou unha lesión maligna. Non están aprobadas aínda para tratamento e hai moito que facer sobre este tema, pero quero mostrar que a tecnoloxía está aplicándose para os especialistas de medicina e tamén xa está chegando en certo modo á persoa individual. Eu creo que de aquí a uns anos verémolo como unha parte máis das ferramentas que os especialistas en dermatoloxía poden utilizar, ademais do ollo clínico.

—Todos estes avances tamén facilitan un diagnóstico precoz.

—É moi importante en todos os tipos de tumores, pero no melanoma aínda máis. Os melanocitos son células que están preparadas pola súa natureza para sobrevivir, porque teñen que facer fronte a distintas respostas de estrés como as queimaduras. Imaxina a supervivencia que teñen estas células cando están alteradas. Ademais, teñen unha capacidade moi grande de moverse polo organismo. Lesións moi finas de melanoma, disemínanse e poden invadir outros órganos, provocando metástase e que estes deixen de funcionar.

—Entón é frecuente atopar un cancro de pel nunha fase moi avanzada?

—O máis frecuente é que unha persoa se dea de conta de que algún lunar cambiou de tamaño ou que xa non ten un bo aspecto. Eses lunares elimínanse e en xeral o prognóstico é bo, en xeral o 90% das persoas que se lles elimina un lunar a tempo van sobrevivir ben cinco ou dez anos máis. O problema é cando estás nunha fase de metástase. Con todo, é importante que os pacientes saiban que os avances foron moitísimos. Nos últimos doce anos aprobáronse entre doce e trece tratamentos para o melanoma en distintas fases baseados principalmente na terapia dirixida e na inmunoterapia.

No caso da primeira, o tratamento está dirixido a controlar as mutacións e os cambios no ADN das células tumorais que son específicos. A segunda é a que máis expectativas xera agora mesmo porque está baseada en conseguir que o propio organismo recoñeza as células do melanoma e as elimine. Agora mesmo hai ensaios clínicos onde o 70% dos pacientes responde correctamente, que é moitísimo e é todo pola ciencia. Ademais, estamos comezando a tratar mellor a pacientes nunha fase intermedia, que están en risco de desenvolver metástases pero que aínda non se produciran, porque antes non había moitas opcións para estes casos.

“O deporte e a alimentación son fundamentais para responder mellor aos tratamentos”

—É probable volver a desenvolver outro cancro de pel unha vez superado un?

—Depende. Hai unha compoñente familiar e xenética, entón hai pacientes que desenvolven varios tumores. Logo, se o melanoma que tivo unha persoa se produciu porque é unha pel que se queimou moito ou que sufriu moito dano, aumenta o risco de que poda saír outro tumor. O que nos preocupa en oncoloxía non é tanto que se produza outro tumor, senón que as propias células tumorais que están diseminadas polo organismo se reactiven. 

—Hai algo máis que poida facerse, ademais de protexer?

—Temos que pensar que hai unha compoñente que non podemos controlar no cancro, que sería a xenética, pero hai outras accións que podemos levar a cabo. En primeiro lugar, por suposto, evitar as queimaduras solares, pero tamén por exemplo facer deporte. Está demostrado que as persoas que fan deporte resisten mellor os tratamentos de terapia, sobre todo está moi investigado nos casos de cancro de mama. Case parece un clixé, pero hai unha base científica que nos indica que facer deporte é bo. Eu mesma comecei a facer deporte aos 50 porque pensei que era agora ou nunca, é dicir, que nunca é tarde. Sempre estamos a tempo para intentar retrasar ese desenvolvemento dos tumores que nos poden tocar. E o mesmo coa alimentación, todo axuda.

—Estes consellos de facer exercicio, coidar a alimentación e manter niveis baixos de estrés case que valen para todo, non?

—Para todo. Hai estudos que o demostran. Sobre todo porque se tes o corpo máis preparado e máis san podes resistir mellor as terapias e respondes mellor. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O melanoma ‘rompe’ xenes para resistir a acción dos fármacos

Un de cada dous pacientes con este tumor de pel terá mutacións no xene BRAF e o 50% dos casos recaerán nun ano

Os casos de cancro de próstata duplicaranse en 2040

Un informe publicado na revista 'The Lancet' estima que en menos de dúas décadas haberá 2,9 millóns de pacientes con este tumor

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor