Sábado 7 Decembro 2024

O equipo de Marisol Soengas revela un truco do melanoma para enganar ó organismo

Investigadores do CNIO describen en "Nature Medicine" como este tipo de tumores consegue alterar o funcionamento do sistema inmunitario

O tratamento dos cancros a través da inmunoterapia, que utiliza o sistema inmunitario do organismo para atacar os tumores, é unha das grandes esperanzas contra esta doenza nos vindeiros anos. Porén, esta vía de tratamento non sempre é eficiente, xa que os tumores son quen de enganar ao sistema inmunitario e poden convertelo nun aliado para medrar e propagarse polo corpo. O equipo da investigadora galega Marisol Soengas (Agolada, 1968), líder do grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO) acaba de dar un importante paso neste aspecto ao describir un elemento esencial para que este tipo de cancro de pel, cunha gran capacidade de metástase, poida evadirse do sistema inmune e mesmo convertelo nun aliado para medrar.

A revista Nature Medicine publica este luns o artigo no que se describe este achado, baseado no papel da proteína MIDKINE. En 2017, o grupo de Soengas xa descubrira que a a activación desta proteína determina en boa medida a capacidade do melanoma para estenderse polo organismo. Agora, este novo paso constata que MIDKINE ten unha nova función no sistema inmunitario: en lugar de atacar o melanoma, fomenta unha inflamación que favorece o crecemento do mesmo.

Publicidade

Tal e como explican desde o CNIO, o sistema inmunitario humano evolucionou para converterse nunha eficaz ferramenta de protección contra numerosas enfermidades, entre elas o cancro. Estas células defensivas teñen a capacidade de detectar e eliminar células cancerosas (é a chamada vixilancia inmunolóxica). Porén, mediante a influencia de proteínas como MIDKINE, “coma se dun Dr. Jeckyll e Mr. Hyde se tratara”, en ocasións o sistema inmunitario cambia de personalidade e favorece aos tumores no canto de atacalos. Esta dualidade complica a identificación de indicadores de prognóstico e de dianas para o desenvolvemento de fármacos. De feito, un dos grandes retos da oncoloxía é conseguir que os tratamentos con inmunoterapia sexan máis eficientes.

“Estes resultados permítennos entender mellor o porqué do mal prognóstico dos pacientes con melanoma metastásico e, sobre todo, por que algúns non responden á inmunoterapia”, explica Marisol Soengas. “Analizando bases de datos de pacientes procedentes de seis estudos independentes, atopamos unha firma, un grupo de xenes asociados á expresión de MIDKINE en pacientes que non responden o tratamento con inmunoterapia ou xeran resistencia”.

Publicidade

https://twitter.com/msmelanoma/status/1318222109743644672

“O melanoma é o campión das mutacións, por iso é tan agresivo”

Para verificar as súas observacións, o equipo traballou en modelos animais: “Ao bloquear MIDKINE conseguimos que dous tipos celulares moi importantes do sistema inmune (macrófagos e linfocitos T) recuperen o seu funcionamento normal e volvan atacar o tumor”, continúa Soengas. “Por tanto, o noso achado apunta a que, no caso do melanoma, a estratexia terapéutica debería de ser dual”. Non abonda con desactivar os freos cos que as células do cancro evitan ser atacadas polas do sistema inmunitario –a chamada inhibición de puntos de control inmunitario–, senón que “tamén debería inhibirse MIDKINE, para que as células defensivas recuperen a súa función”.

“Ademais do melanoma, estudamos outros tumorales, como gliomas, o cancro de pulmón e o cancro de ril”, indica David Olmeda, codirector deste traballo xunto a Soengas, que engade “por tanto, consideramos que os nosos datos terán un amplo impacto en distintas patoloxías”.

Implicacións clínicas

Nos últimos anos, numerosos esforzos investigadores e clínicos están centrados en potenciar o uso da inmunoterapia para o tratamento do cancro. Con todo, e aínda que nalgúns casos está a demostrar unha elevada porcentaxe de éxito, a día de hoxe a estratexia necesita máis desenvolvemento: en cancro de páncreas non demostrou eficacia, por exemplo, e en melanoma responde o tratamento en torno ao 60% dos pacientes.

Isto levou a clasificar os tumores en quentes ou fríos, en función de se responden ou non á inmunoterapia. Pero entre os quentes “hai algúns que non terminan de responder, e ata o de agora os investigadores non entendiamos o porqué da súa resistencia ao tratamento”, menciona Daniela Cerezo, primeira autora do estudo. “Os resultados deste traballo, que explican parte do motivo, contribuirán a potenciar a eficacia da inmunoterapia nestes tumores”.


Referencia: Midkine rewires the melanoma microenvironment toward a tolerogenic and immune-resistant state (Publicado en Nature Medicine).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo sobre doenzas cardíacas no que participa María José Alonso obtén un millón de euros

A iniciativa premiada pola Fundación "la Caixa" busca trazar unha nova estratexia terapéutica para combater as enfermidades do corazón

Un estudo galego atopa unha prometedora vía para predicir a evolución do cancro oral

O investigador da Universidade de Santiago Samuel Rodríguez Zorrilla emprega vesículas extracelulares para prognosticar o progreso dos pacientes de carcinoma e a súa supervivencia despois dunha cirurxía

Alicia Bruzos, talento galego recoñecido no exterior: Premio L’Oréal-Unesco en Francia

A investigadora vén de ser recoñecida co galardón de Novos Talentos da institución no país galo pola súa investigación sobre cancro en berberechos

Nobel de Medicina por un descubrimento fundamental na regulación dos xenes

Victor Ambros e Gary Ruvkun foron os primeiros en vencellar o microARN e coa diferenciación das células, un achado de grande relevancia para entender a evolución dos organismos complexos