Venres 29 Marzo 2024

“O melanoma é o campión das mutacións, por iso é tan agresivo”

Marisol Soengas vén do corazón de Galicia e di que, a pesar de estar lonxe, ten “o corazón en Galicia”. Naceu nunha aldea de Agolada en 1968 e pasou parte da infancia preto de alí, en Antas de Ulla, onde aínda viven seus pais, na única zona do país onde en poucos quilómetros se poden pisar as catro provincias. É unha das científicas de referencia mundial na loita contra o melanoma. Licenciouse en Bioloxía na Universidade da Coruña, aprendeu máis sobre Bioloxía Molecular na Universidad Autónoma de Madrid e doutorouse ao tempo que tiña a oportunidade de traballar con Margarita Salas no laboratorio do Centro de Biología Molecular Severo Ochoa.

Marchou en 1997 a New York, ao laboratorio de Cold Spring Harbour (a casa de oito premios Nobel de Medicina), e especializouse no estudo dos tumores de pel. Despois de pasar tamén pola universidade de Michigan, regresou en 2008 a España para dirixir o grupo de Melanoma do CNIO, o Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas. En 2009 recibiu o premio María Wonenburger da Xunta de Galicia. E alén doutros moitos fitos, en 2017 o seu equipo conseguiu predicir a metástase do melanoma, un dos tumores máis perigosos pola súa capacidade de mutación, como explicaron nun artigo publicado en Nature.

Publicidade

– Que se sabe do melanoma?

– Avanzouse moito en varias frontes. No diagnóstico temos xa técnicas de dermatoscopia, que permiten analizar mellor os lunares. Tamén se avanzou no coñecemento, en como aparece e como progresa; hai estudos colaborativos moi grandes, onde se están analizando milleiros de mostras de pacientes. E aí o que se atopou é que o melanoma é o campión das mutacións, e por iso é tan agresivo: é o único caso no que lesións de pouco máis dun milímetro teñen xa capacidade de metástase.

E a partir das alteracións xenéticas, desenvolvéronse compostos que van poder dirixirse a estas mutacións; terapias xenéticas e avances en inmunoterapia. Conseguiuse, por exemplo, que o propio sistema inmunitario do paciente recoñeza as células do melanoma e se poña a atacalas. E conseguimos xa unha resposta positiva nun 50% dos pacientes.

– E que preguntas quedan por responder?

– Hai moitos melanomas que aínda non podemos diagnosticar ben. Interésanos definir mellor o código de barras do melanoma. Que é o que o distingue doutros tumores? E aí atopamos varias proteínas e determinados procesos que están particularmente alterados no caso do melanoma. Con isto podemos pensar en terapias diferentes e dirixidas a estas novas alteracións que atopamos.

Tamén nos interesa visualizar o proceso de metástase. Como estas células tumorais, desde fases moi iniciais, son quen de preparar o microambiente e actuar a distancia noutros órganos? Por exemplo, un melanoma pode actuar a nivel do pulmón, do fígado ou dos ganglios linfáticos antes de que as células tumorais cheguen alí. Para isto xeramos modelos animais que nos permiten ver as estradas polas que se diseminan estas células.

E o terceiro punto é o tratamento. Tamén contribuímos a isto desde o laboratorio, xa que descubrimos un composto que tiña un mecanismo de acción moi novidoso, porque inducía á autodixestión das células tumorais e, ademais, actúa sobre o sistema inmune. Este composto licenciouse a Bioncotech, unha empresa que creamos como spin-off do CNIO, a través da cal se está probando o BO-112, un derivado do citado composto co que estamos nos ensaios clínicos en fase 1. Todo leva o seu tempo, e hai que seguir probando, pero os pasos vanse dando.

– A principal causa do melanoma é a exposición excesiva ao sol. Somos conscientes do risco que corremos cando facemos isto?

– Hai un estudo moi interesante do observatorio da Asociación Española Contra el Cáncer, no que se preguntaba a xente de diferentes idades. Viuse que os pais e as nais, en xeral, son conscientes de que teñen que protexer aos nenos, porque houbo un traballo grande de concienciación nesta parte da poboación. Pero na adolescencia hai un problema, porque é unha etapa na que non pensan que algo así lles poida pasar a eles, veno moi lonxe. E logo, na poboación adulta, xa volve a preocupación, e tómanse máis precaucións.

“Cando a xente pon crema solar pensa que está máis protexida do que realmente está”

E hai tamén outro problema importante respecto á protección das cremas. Como hai algunhas que teñen un factor de protección moi alto, a xente pensa que está máis protexida do que realmente está. Non se entende ben o que significa isto. O feito de poñer crema non nos protexe de todo. Depende de canto tempo imos estar ao sol, de que tipo de pel temos… O que quere dicir un factor de protección 50, por exemplo, é que estás estendendo 50 veces o tempo que tardarías en queimarte. Pero é que unha persoa pode queimarse en cinco minutos, e outra tarda 10 ou 20. E estas cremas tamén perden efectividade coa suor, a auga… Hai que protexerse tamén con gorras, parasoles, camisetas, etc.

– Mirando cara Galicia: con que centros traballan desde o CNIO?

– Na Coruña, co Centro de Investigacións Avanzadas (CICA) e co Instituto de Investigación Biomédica (Inibic) colaboro directamente porque formo parte do panel asesor, e intento axudar no que podo para estruturar mellor os centros e ter acceso a mellores colaboracións.

“En Galicia non chegamos ao nivel de apoio á investigación que hai en Cataluña ou no País Vasco”

E tamén coa Universidade de Santiago, vendo o potencial que teñen en nanotecnoloxía nalgún grupo, como o de María José Alonso, temos falado moito, e a verdade que me parece moi interesante o traballo que están facendo. E tamén con xente da Universidade de Vigo… Hai moitos grupos en Galicia que están traballando moi ben. Pero ao mellor habería que facer unha chamada á Xunta para que se convoquen máis becas e proxectos competitivos como noutras autonomías que dedican máis esforzo á investigación.

– Bota entón en falta un maior apoio e investimento á ciencia en Galicia?

– Si, está claro. En Cataluña teñen os proxectos ICrea, no País Vasco o Ikerbasque… E en Galicia non chegamos a ese nivel de apoio, está claro que hai unha diferenza.

– Gustaríalle volver a traballar aquí, ou polo menos colaborar máis cos investigadores galegos?

– O CNIO ten unhas condicións e unha infraestrutura que eu en Galicia non podo atopar neste momento. Pero nós estamos dispostos e interesados en colaboracións, á hora de pedir proxectos, e mesmo en políticas científicas; poden contar comigo, por suposto. E unha ten o corazón en Galicia, está claro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor

Atopada unha proteína que evita que o ADN se triplique

Un equipo do CNIO descobre un sistema 'antifallo' que podería ter aplicación na prevención do cancro e doutras enfermidades

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T