Ciencia sen mans

O pasado 17 de xullo, un grupo de investigadoras e investigadores publicaba en El País unha pregunta que a maioría das persoas que traballamos en ciencia levamos anos facéndonos en privado: pódese facer ciencia competitiva con menos de 50.000 euros ao ano? A resposta curta é non. A longa é precisamente o problema do sistema científico español. A maior parte das persoas investigadoras non se preguntan se teñen boas ideas. Pregúntanse se van ter cartos suficientes para levalas a cabo. O interesante non é a pregunta en si, senón o feito de que por fin se estea a facer en público, e con cifras enriba da mesa.

Eses 50.000 euros non son unha esaxeración retórica. A convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento do MICIU —a principal vía do Plan Estatal para que calquera grupo, sexa cal sexa a súa área, poida financiar un proxecto propio— está dotada con 698 millóns de euros. A cifra pode soar a compromiso serio coa ciencia, pero prevé financiar 3.422 investigacións cun custo directo total de 433,6 millóns, polo que media queda en 127.000€ por proxecto ao longo de tres anos: menos de 50.000 € ao ano. E só un de cada tres proxectos concedidos inclúe un contrato predoutoral. Hai que facer a conta: iso deixa a moitos grupos sen marxe para contratar persoal, mercar equipamento, pagar servizos científicos ou simplemente ir a un congreso a mostrar os resultados obtidos. Calquera que traballe nun grupo de investigación recoñece de inmediato: moitos proxectos financian unha idea, pero non as mans que a teñen que executar. E sen mans, non hai ciencia, por boa que sexa a idea. Traducido á realidade dun laboratorio, iso significa decidir entre contratar precariamente unha persoa durante uns meses ou comprar o equipamento necesario para facer os experimentos. Significa renunciar a acudir a congresos internacionais, atrasar análises ou depender da boa vontade doutros grupos para acceder a técnicas que non se poden pagar.

Publicidade

O máis inquietante do debate é a paradoxa que revela. En 2024, España acadou cifras récord de investimento en I+D+i, preto de 24.000 millóns de euros. Pero ese investimento non medra ao mesmo ritmo que o número de persoas que se presentan ás convocatorias competitivas: cada ano hai máis grupos solicitando, e a partida dispoñible repártese entre máis proxectos sen medrar na mesma proporción. O resultado é que, aínda investindo máis que nunca en termos absolutos, cada grupo individual recibe menos capacidade real para planificar a longo prazo.

Desde InvestiGal coñecemos ben esta tensión, porque moitas das persoas que forman parte da nosa rede desenvolveron a súa carreira precisamente entre estas dúas realidades: a dun sistema estatal que aínda non resolveu o problema estrutural, e a dalgunhas políticas autonómicas. Galicia ofrece algúns exemplos interesantes, como os programas de consolidación ou o apoio estable a determinados centros de investigación, que demostran que existen alternativas para reducir a dependencia exclusiva dos proxectos competitivos. Non son solucións perfectas, pero evidencian que outra forma de planificar o financiamento é posible. Non se trata de opoñer un modelo a outro, senón de recoñecer que a estabilidade é posible, e que a súa ausencia no ámbito estatal non é inevitable. Se algo debería quedar deste debate é a idea de que revisar a fórmula de custos directos, indexar as axudas ao custo de vida real, e planificar o financiamento a varios anos vista non son pedimentos radicais: son o mínimo necesario para que a ciencia que se fai en España poida competir, reter talento e responder aos retos que se lle esixen.

Publicidade

Hai moitas formas de mellorar os proxectos, pero todo comeza cunha cuestión básica: canto está o estado disposto a invertir? Duplicar a dotación do Plan Nacional facilitaría as contratacións e aliviaría parte das limitacións actuais, pero aínda así seguiría sendo difícil facer ciencia de vanguardia. Noutros países apóstase por proxectos de maior duración, con seguimento e posibilidade de renovación, facilitando a visión a longo prazo. En España pola contra, unha investigadora vése obrigada a escribir un proxecto cada dous anos para manter un laboratorio funcionando.

Se de verdade queremos que a ciencia teña mans para facerse, esa pregunta merece máis que unha resposta: merece un cambio de modelo. Xa temos as cifras enriba da mesa. Agora cómpre decidir se queremos seguir financiando proxectos… ou empezar a financiar ciencia.


Asinantes: Hugo López Fernández, Rocío Martínez Regueiro, Zulema Varela Río, Alba Paz Castro, Adrián Cordido Eijo, Alejandro Vilar López, Iria Nande Fernández, Nerea Cazás Fraga, Alba Vieites Prado, Mauro Lago Docampo, Carlos López Solarat, André Vidal Capón e Seila Couso Perez.

InvestiGal-Rede Galega pola Investigación
InvestiGal-Rede Galega pola Investigación
Xunta de representantes de InvestiGal-Rede Galega pola Investigación

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Documentadas por primeira vez en Galicia dúas especies mariñas de augas cálidas

A detección de cinco sardinelas lombudas e un ermitán vermello grande aporta nova evidencia sobre os cambios na distribución de especies no Atlántico

Que hai detrás dunha axuda Marie Curie? Catro investigadores contan como conseguiron a súa

Atopar un grupo receptor complementario, construír un proxecto sólido e contar con apoio institucional son algunhas das claves que destacan os beneficiarios das bolsas europeas no CiQUS

Un mapa interactivo sinala máis de 1.800 puntos negros no arborizado urbano de Galicia

O Ecomapa identifica ocos baleiros, tocóns e árbores secas ou asfixiadas, e permite visualizar as carencias urbanas a través da ciencia cidadá

A cuántica entra nunha obra de arte: o pintor galego que conecta coa incerteza física no IGFAE

O santiagués Andrés Rodís expón 25 pezas inspiradas na superposición, a observación e a relación entre o visible e o invisible no Museo Gaiás