Así é o mapa máis preciso e completo da Vía Láctea

A misión Gaia, da Axencia Espacial Europea, presenta a nova versión do seu catálogo, con información inédita e mellorada de 1.800 millóns de estrelas da nosa galaxia

Ilustración do satélite Gaia observando a Vía Láctea. Nave:ESA/ATG medialab/Vía Láctea:ESA/Gaia/DPAC/IGO/A. Moitinho.
Ilustración do satélite Gaia observando a Vía Láctea. Nave:ESA/ATG medialab/Vía Láctea:ESA/Gaia/DPAC/IGO/A. Moitinho.

Gaia é unha misión da ESA que ten por obxectivo crear o mapa multidimensional máis preciso e completo da Vía Láctea. Isto permite aos astrónomos reconstruír a estrutura e a evolución pasada da nosa galaxia durante miles de millóns de anos, ademais de comprender mellor o ciclo de vida das estrelas e o noso lugar no universo.

En decembro de 2020 publicouse unha versión temperá da terceira publicación de datos (Early Data Release 3 ou EDR3) de Gaia e este luns presentouse a versión definitiva (DR3) desta terceira entrega, que inclúe información inédita e mellorada de 1.800 millóns de estrelas da nosa galaxia. O catálogo incorpora nova información, incluídas as composicións químicas, temperaturas, cores, masas, idades e velocidade á que se achegan ou afastan as estrelas de nós (velocidade radial).

Gran parte desta información provén dos novos datos de espectroscopia agora publicados, unha técnica na que a luz das estrelas divídese nas cores que a compoñen (como un arco da vella). Así mesmo, os datos inclúen subconxuntos especiais de estrelas, como aquelas que cambian de brillo co tempo.

Outra novidade neste conxunto de datos é o catálogo máis grande ata a data de estrelas binarias, miles de obxectos do sistema solar, como os asteroides e as lúas de planetas, e millóns de galaxias e cuásares situados fóra da Vía Láctea.

Terremotos estelares

Un dos descubrimentos máis sorprendentes que se efectuou grazas a estes novos datos é que Gaia pode detectar terremotos estelares (pequenos movementos rexistrados na superficie dunha estrela) que cambian a forma das estrelas, algo para o que orixinalmente o observatorio non se deseñou.

Anteriormente, Gaia xa atopara oscilacións radiais que ocasionaban que as estrelas aumentasen e reducisen o seu tamaño de forma periódica mentres mantiñan a súa forma esférica. Pero agora tamén detectou outras vibracións que poden considerarse como tsunamis a gran escala. Estas oscilacións non radiais alteran a forma global da estrela e, por tanto, son máis difíciles de detectar.

É o catálogo máis grande ata a data de estrelas binarias e miles de obxectos do sistema solar

Os responsables da misión descubriron potentes terremotos estelares non radiais en miles de estrelas. Gaia tamén detectou estas vibracións en estrelas onde se viron con anterioridade e de cando en cando. A pesar de que estas estrelas non deberían rexistrar ningún terremoto conforme á teoría actual, a nave detectounos na súa superficie.

“Os terremotos estelares bríndannos moita información sobre as estrelas, especialmente sobre o seu funcionamento interno. Gaia inaugura unha mina de ouro para a asterosismoloxía de estrelas masivas”, explica un dos membros da colaboración Gaia, Conny Aerts, da Universidade Ku Leuven en Bélxica.

O ADN das estrelas

A composición das estrelas pódenos brindar información acerca do seu lugar de nacemento e a súa traxectoria posterior e, por tanto, acerca da historia da Vía Láctea. Coa publicación de datos deste luns, Gaia presenta o maior mapa químico da nosa galaxia xunto aos movementos 3D, que van desde a nosa veciñanza solar ata as galaxias máis pequenas que rodean a nosa.

Algunhas estrelas conteñen máis metais pesados ca outras. Durante o Big Bang, só se formaron elementos lixeiros (hidróxeno e helio). Os máis pesados, os metais, créanse dentro das estrelas, e cando estas morren, libéranos no gas e po que atopamos no medio interestelar, a partir do cal se forman novas estrelas. A formación activa de estrelas e a súa morte permiten a existencia dunha contorna máis rica en metais. Por tanto, a composición química dunha estrela é un pouco como o seu ADN e ofrécenos información crucial sobre a súa orixe.

“A nosa galaxia é un fermoso crisol de estrelas”

ALEJANDRA RECIO-BLANCO, investigadora de Gaia

Grazas a Gaia, observamos que algunhas estrelas da nosa galaxia están compostas de material primordial, mentres que outras, como o noso Sol, conteñen materia enriquecida de xeracións anteriores de estrelas. As que se atopan máis próximas ao centro e ao plano da nosa galaxia son máis ricas en metais en comparación coas estrelas situadas a unha maior distancia. Gaia tamén identificou estrelas que proviñan inicialmente de galaxias distintas á nosa, baseándose na súa composición química.

“A nosa galaxia é un fermoso crisol de estrelas”, explica Alejandra Recio-Blanco, membro da colaboración Gaia no Observatoire da Côte d’Azur de Francia. “E esta diversidade é extremadamente importante, xa que nos narra a historia da formación da nosa galaxia. Revela os procesos de migración dentro dela e a acreción [crecemento por adición de materia] de galaxias externas. Ademais mostra claramente que o noso Sol e todos nós pertencemos a un sistema en continuo cambio, formado grazas á reunión de estrelas e gas procedente de distintas orixes”.

Estrelas binarias, asteroides e cuásares

Outros artigos que tamén se publican agora reflicten a amplitude e profundidade dos descubrimentos de Gaia. Un novo catálogo de estrelas binarias presenta a masa e evolución de máis de 800.000 sistemas binarios, mentres que outro traballo sobre asteroides que comprende 156.000 corpos rochosos afonda na orixe do noso sistema solar.

Gaia tamén revela información sobre 10 millóns de estrelas variables e macromoléculas misteriosas entre estrelas, así como sobre cuásares e galaxias situadas máis aló da nosa propia veciñanza cósmica.

“A diferenza doutras misións enfocadas a obxectos específicos, Gaia é un survey ou sondaxe astronómica. Isto significa que, durante a inspección periódica de todo o ceo con miles de millóns de estrelas, Gaia levará a cabo descubrimentos que outras misións máis especializadas non poderían facer. É un dos seus puntos fortes. Estamos impacientes por ver como a comunidade astronómica se mergulla nos nosos novos datos para obter máis información da que poderiamos imaxinar sobre a nosa galaxia e a súa contorna”, apunta Timo Prusti, científico do proxecto de Gaia na ESA.


*Este artigo foi publicado en Axencia SINC. Podes ler a peza orixinal na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.