Científicos de Vigo demostran que un compoñente da uva ‘frea’ o melanoma

Os investigadores Tamara Y. Forbes, Emilio Gil e Maurizio Battino asinan un traballo no que se afonda no papel do resveratrol

O resveratrol (RSV), un composto de orixe vexetal que acada a súa maior concentración na pel da uva negra e en froitos vermellos como o amorodo, o arando ou a amora, inhibe a proliferación de células de melanoma modulando o ciclo celular. Esta é unha das conclusións do artigo Resveratrol inhibits the proliferation of melanoma cells by modulating cell cycle publicado polo International Journal of Food Sciences and Nutrition e en cuxa elaboración participaron os investigadores da universidade de Vigo, Maurizio Battino, Emilio Gil e Tamara Y. Forbes.

Por agora “non hai ningunha evidencia de que o consumo de resveratrol poida ser efectivo no tratamento do melanoma”, aclara Maurizio Battino

O estudo internacional demostrou que o RSV inhibe fortemente a proliferación de células de melanoma A375, ao diminuír a viabilidade celular, promover a apoptose e deter o ciclo celular; uns efectos, nos que o factor duración do tratamento de resveratrol é comparativamente máis importante que o factor concentración do composto mesmo.

Publicidade

“Nun principio o artigo era máis amplo e trataba de dúas liñas celulares: A375 e A431, pero os datos eran moitos e podían xerar un pouco de confusión, polo que os avaliadores nos pediron separar o contido e centrarnos só nas A375”, explica Maurizio Battino, director do Grupo de Nutrición e Ciencia Alimentaria NF1 da Universidade de Vigo, que aínda que con anterioridade a este estudo xa traballara co RSV, nunca o tivo no centro da súa atención e investigación, dedicando máis interese a outros compostos bioactivos. Na investigación tamén participaron científicos da Politecnica delle Marche (Italia) e da Guangdong Medical University, onde se localiza un dos centros de estudo sobre melanomas máis importantes de China.

O resveratrol é un composto de orixe vexetal que acada a súa maior concentración na pel da uva negra e en froitos vermellos. Foto: Duvi.
O resveratrol é un composto de orixe vexetal que acada a súa maior concentración na pel da uva negra e en froitos vermellos. Foto: Duvi.

Estudos previos

En relación ao posible tratamento en vivo e en pacientes, o investigador italiano indica que aínda é cedo para plantearse unha aplicación directa. “Trátase de estudos previos para descubrir cales son os mecanismos efectivos que poden afectar á proliferación tumoral para, nun futuro, desenvolver estratexias (por exemplo, fármacos con características similares)”, explica Battino, que asegura, que de momento, non hai ningunha evidencia de que o consumo de resveratrol, en calquera forma, sexan pastillas ou comendo os alimentos, como a uva, que conteñen este composto, poida ser efectivo no tratamento do melanoma.

Publicidade

Hui-Zhi Yang, Jiaojiao Zhang, Jie Zeng, Shengbo Liu, Fei Zhou, Fang Zhang, Francesca Giampieri, Danila Cianciosi, Tamara Y. Forbes, Johura Ansary, Emilio Gil e Rong Yi Chen, son xunto a Maurizo Battino as autoras e autores do artigo publicado no International Journal of Food and Sciences and Nutrition.” É o primeiro traballo que facemos sobre o resveratrol (RSV) e a gran primeira colaboración coa Guangdong Medical University e esperamos que sexa a base para máis estudos e o desenvolvemento de colaboracións moi proveitosas”, explica Maurizio Battino.

Referencia: Resveratrol inhibits the proliferation of melanoma cells by modulating cell cycle (Publicado en International Journal of Food Sciences and Nutrition).  

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia, entre as comunidades con máis mortalidade por cancro: estas son as causas da desigualdade

Un informe europeo revela que a taxa de falecementos é maior e a redución de mortes é menor ca en rexións como Madrid e Cataluña

A nova Unidade Mixta da USC avanzará en anticorpos terapéuticos para cancro e doenzas inflamatorias

A iniciativa reúne persoal investigador do CiMUS e a biotecnolóxica SunRock Biopharma para impulsar tratamentos biolóxicos de precisión

Cancro en Galicia: o 36% dos homes e o 25% das mulleres serán diagnosticados antes dos 75 anos

A última actualización do Rexistro Galego de Tumores revela que se detectaron máis de 17.000 en 2023, e sitúa os de próstata e mama como os máis frecuentes

O cribado de cancro de mama reduce á metade as mastectomías necesarias en 20 anos

O programa está destinado a mulleres de entre 50 e 64 anos e busca mellorar a detección temperá da enfermidade