Xoves 25 Abril 2024

“Temos que preocuparnos pola gaivota, aínda que resulte antipática”

O investigador Álvaro Barros afonda na advertencia da Sociedade Galega de Ornitoloxía sobre o descenso das poboacións da "Larus michahellis"

Antes da segunda metade do século XX, as parellas de gaivotas patiamarelas (Larus michaellis) e os araos dos cons (Uria aalge) contábanse por miles en Galicia. Hoxe, esta especie de arao está desaparecida nestas costas, despois de esvaecerse as últimas parellas que resistiron nas illas Sisargas, Cíes e os farallóns de cabo Vilán, cun declive que comezou hai xa varias décadas. E algo está pasando coas gaivotas, segundo acaba de advertir a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO). “A moita xente cáelle antipática, porque está moi presente na cidades e asóciase ao lixo, pero non por isto debemos vela con indiferenza”, lamenta Álvaro Barros, investigador pertencente á SGO.

Hai uns decenios, a gaivota vivía unha época dourada en Galicia: “Coincidiron varios factores: a conciencia ecoloxista callou e aumentouse a protección da especie, aínda persistían os grandes vertedoiros que lles servían como fonte de alimento fácil, e ademais en Galicia dispoñían dos descartes pesqueiros dunha das maiores frotas de Europa”, explica o ornitólogo. Eran bos tempos, pero hoxe algo está mudando.

Publicidade

O problema dunha especie antipática

O transmitido pola SGO estes días é unha visión que comparten desde hai tempo numerosos ornitólogos e coñecedores da fauna do litoral galego. “Cando visitas colonias grandes, o normal é que aparezan aves mortas, mesmo crías nos niños, pero non é normal a cantidade que estamos a ver nos últimos anos. Ademais, o declive é xeralizado, o que apunta a que non se trata de algo local“, insiste Barros.

Ata nas Illas Cíes, onde os visitantes coñecen de primeira man a importante e impoñente presenza da gaivota patiamarela, nun contexto de masificación turística onde se gaña parte da súa sona como antipática, o problema maniféstase con claridade. Na guía das aves do Parque Nacional das Illas Atlánticas elaborada en 2015 polo ecólogo Nacho Munilla, xa se falaba dun problema que segue sen identificar; o texto subliñaba que nas illas persistían algunha das maiores colonias de cría, pero xa se expoñía que “a poboación de gaivota patiamarela viuse reducida á metade nos últimos 10 anos. A especie é obxecto dun programa de seguimento que tamén pretende coñecer as causas deste preocupante declive“.

Alarmante descenso do 36% das gaivotas en Galicia

Ante isto, Barros destaca que “a importancia ecolóxica da gaivota é enorme”, e se as súas poboacións descenden demasiado, “poden sucederse as consecuencias nos ecosistemas nos que habitan”. E do mesmo xeito, este problema aínda descoñecido podería estenderse a especies semellantes.

Pero esta gaivota afronta un problema engadido fronte a outras especies máis ‘amables’ para a opinión pública. “Como busca o seu alimento nas zonas onde hai lixo e residuos orgánicos e causa algunhas molestias nas cidades, onde a poboación parece maior da que realmente é, parece como se non nos preocupara que desaparecese”, explica Álvaro Barros. De feito, non faltan voces escépticas sobre o aviso da SGO, aludindo á experiencia propia, pola súa omnipresencia nas vilas mariñeiras durante os períodos de cría na primavera e o verán.

Esta aversión cara á especie podería poñer tamén obstáculos, segundo suxiren desde a SGO, á mobilización de recursos para coñecer que é o que lle está pasando á gaivota. Así, no comunicado emitido o pasado domingo,a entidade cualifica de “especialmente grave e inexcusable que non se teñan emprendido xa accións serias” desde o Parque Nacional das Illas Atlánticas, “para saber que está afectando tan drasticamente a unha parte importante das súas poboacións de aves mariñas que son, por certo, un dos motivos fundamentais da súa existencia como tal”.

Pero que lles pasa?

“Preferimos ser cautos antes que expoñer hipóteses con poucas probas que as sustenten”, adianta Álvaro Barros. A mencionada falta de recursos para investigar a especie desemboca na incógnita sen despexar acerca destas altas mortalidades. En colonias de Cíes, Ons, Sálvora ou Sisargas víronse exemplares adultos “que en plena época de reprodución parecen verse afectadas por algún tipo de intoxicación que en poucos días, ou incluso tan só nunhas poucas horas, vainas debilitando ata que finalmente paraliza por completo os seus corpos e morren”.

No seu seguimento anual das gaivotas do Parque Nacional das Illas Atlánticas, Nacho Munilla ten detectado todos os anos exemplares mortos pola coñecida como síndrome de parálise. Tanto o ecólogo como outras fontes suxiren que detrás desta intoxicación podería haber alimentos, como moluscos ou bivalvos, cunha alta concentración de toxinas de microalgas, como as que causan as mareas vermellas nas Rías Baixas. Pero non hai evidencia que o demostre.

Para abordar o problema, e ante a carencia de medios materiais para investigar a fondo a situación, a SGO esixe “ás autoridades competentes, en particular á Xunta de Galicia, que acheguen luz sobre o mal que está a afectar ás nosas gaivotas. Máis aínda tendo en conta que, en caso de tratarse dunha enfermidade contaxiosa, podería chegar a afectar tamén a outras especies de aves mariñas ameazadas que crían en Galicia”, conclúen.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A agricultura intensiva é a causa principal do descenso de paxaros en Europa

Investigadores do CSIC participan nun estudo que revela que as poboacións de aves caeron de media un 25% nos últimos 40 anos

Dez preguntas sobre a ameaza da gripe aviaria en humanos

Ata a data non foi detectada ningunha transmisión de persoa a persoa e os expertos consideran que o contaxio é "difícil"

Os ecoloxistas alertan da “desaparición inminente” da tartaraña cincenta en Galicia

Adega pon o foco na eucaliptización, os parques eólicos e os pesticidas como ameaza principal á Ave do Ano 2023

Primeiro caso de gripe aviaria en humanos en España: cales son os riscos?

O investigador da USC Gonzalo Fernández asegura que os "poucos contaxios" notificados ata o momento foron leves ou asintomáticos