“Están a desaparecer as gaivotas en Galicia?” Esta é a desacougante pregunta que se fai a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), que este domingo emitiu un informe que confirma un ‘espectacular descenso’ da poboación de gaivota patiamarela (Larus michahellis), que se vén rexistrando nos últimos anos en todo o país. A perda de poboación nas principais colonias de cría é no seu conxunto superior ao 30% na última década.
A SGO considera que, cos datos recabados no informe, esta gaivota debe ser catalogada como ‘vulnerable‘, “ante unha perda deste calibre, segundo os criterios científicos da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN)”.
Os ornitólogos salientan que, en tan só catro anos (de 2011 a 2015) as colonias do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, que inclúe as principais colonias da especie nas Rías Baixas, perderon o 36% dos seus efectivos reprodutores. Ademáis, lonxe de deterse, esta tendencia mantívose nos últimos anos, descendendo outro 7% entre 2017 e 2018.
No caso da Costa da Morte, a súa principal colonia, instalada nas Illas Sisargas, perdeu o 40% da súa poboación en tan só sete anos, entre 2009 e 2016.

O descenso da poboación parece que non se limita ás grandes colonias insulares, senón que afectaría tamén a outras colonias máis modestas. Así, a poboación asentada no Concello de Oleiros, que vén sendo estudada desde hai vinte anos, baixou o 36% nos últimos tres anos.
A Sociedade Galega de Ornitoloxía salienta tamén a difícil situación das colonias urbanas de gaivotas: “Na cidade de Vigo, onde si se ven realizando un seguimento da poboación desde hai trinta anos, o número de chamadas ao Concello por parte dos veciños solicitando a retirada de niños dos tellados descendeu de maneira moi importante nos últimos anos, o que estaría indicando tamén un claro descenso da poboación”.
Por outra banda, na cidade da Coruña, “a sensación xeral que desde a cidadanía se nos transmite á SGO é que nos últimos anos baixou moito tamén a poboación de gaivotas e, polo tanto, tamén as denuncias por molestias provocadas por estas aves”, explica a SGO.
O estudo realizado pola SGO non sinala un único responsable do ‘espectacular descenso’ de gaivota patiamarela. Dunha banda, a desaparición de fontes de alimentación facilitadas polo ser humano, como é o caso do lixo e cambios na actividade pesqueira.

“Non obstante, os ornitólogos expertos en aves mariñas da SGO levan anos detectando unha gran mortalidade de gaivotas nas súas zonas de nidificación. Estas aves amosan claros síntomas de padecer algún tipo de enfermidade”, explican. “Así, nas últimas tempadas nas colonias de Cíes, Ons, Sálvora e Sisargas detectáronse moitas aves adultas que en plena época de reprodución parecen verse afectadas por algún tipo de intoxicación que en poucos días, ou incluso tan só nunhas poucas horas, vainas debilitando ata que finalmente paraliza por completo os seus corpos e morren, en ocasións cando están en pleno proceso de incubación ou alimentando os seus pitiños”.
Moitas veces, gaivotas afectadas por esta especie de síndrome paralizante morren na costa, nos portos e nas praias usadas habitualmente polos cidadáns, e mesmo nas rúas, “polo que puntualmente poderían supór incluso un problema de saúde pública”. A descrición que fai a Sociedade Galega de Ornitoloxía tamén encaixaría con casos de envelenamento.
A SGO di carecer dos medios materiais para coñecer as causas desta síndrome: “Neste sentido, parécenos especialmente grave e inexcusable que non se teñan emprendido xa accións serias desde a dirección do anteriormente citado Parque Nacional para saber qué mal está afectando tan drasticamente a unha parte importante das súas poboacións de aves mariñas que son, por certo, un dos motivos fundamentais da súa existencia como tal”.