O número de casos de cancro aumenta cada ano, converténdose nun grave problema de saúde pública e global. Galicia non foxe dunha realidade que deixa anualmente 16.000 novos casos e 8.000 mortes a causa desta enfermidade. Co obxectivo de buscar tratamentos máis efectivos, a Fundación CRIS contra o cancro solicita que se actualice e implemente o Plan de Abordaxe de Terapias Avanzadas para dar resposta aos miles de pacientes oncolóxicos que non responden os tratamentos convencionais e requiren de terapias á vangarda como os medicamentos CAR-T. A Fundación, que leva esta solicitude tanto ao Ministerio de Sanidade como ás comunidades autónomas, reuniuse este mércores co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
En concreto, desde a Fundación CRIS pediuselle ao conselleiro de Sanidade apoiar o financiamento e inclusión no sistema de saúde de todos os tratamentos indicados clinicamente polos expertos oncólogos hematolóxicos co obxectivo de salvar a vida de centos de persoas con tumores de sangue. Trátase de pacientes, na súa maioría, que xa foron tratados con tratamentos convencionais sen resultados positivos e para eles a única esperanza son os CAR-T. De feito, dende a Fundación lembran que o Plan de Abordaxe de Terapias Avanzadas supuxo, hai cinco anos, “unha auténtica revolución” no tratamento dos tumores de sangue.
Segundo datos de Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM) diagnostícanse anualmente en España 280.000 casos de cancro, converténdose na segunda causa de morte. “En 2024 o cancro seguirá sendo un dos maiores retos sanitarios e sociais da humanidade. Non importa a idade, procedencia, ocupación, todos os seres humanos somos susceptibles de desenvolver algún tipo de tumor nalgún momento das nosas vidas”, sinalou esta mañá Joaquín Martínez, director científico da Fundación CRIS. “Apostamos pola innovación e o desenvolvemento en investigación como única alternativa para acadar tratamentos efectivos. Así, enfrontámonos ao reto 2040, co obxectivo de que nese ano o cancro sexa unha enfermidade cronificada”, declarou a directora da entidade, Marta Cardona.
A realidade en cifras
Segundo o Rexistro Galego de Tumores (Regat), nun ano diagnostícanse 16.689 tumores en Galicia, o que supón 619 por cada 100.000 habitantes, e 8.000 mortes. Nos homes, os tumores máis frecuentes son os de próstata (2.422), seguidos dos de pulmón (1.506) e vexiga urinaria (1.040); e nas mulleres, os de mama (1.853), colón (725) e pulmón (556). Mentres no caso dos homes hai 765 tumores por 100.000 habitantes, en mulleres son 484.
Os últimos datos publicados por ONU estiman que os casos diagnosticados de cancro aumentarán un 77% para 2050. Ademais, chama a atención o impacto desproporcionado entre as persoas con menos recursos e a necesidade de resposta para abordar esta desigualdade de maneira global. Os avances na comprensión do cancro, os novos enfoques en tratamentos e a aparición de novas tecnoloxías que permiten abordar o cancro dunha maneira moito máis ampla, profunda e personalizada, levaron a moitos científicos e médicos a prognosticar que con suficiente apoio á investigación na década de 2040 é probable que se poidan tratar de maneira efectiva e controlar a gran maioría dos tumores.
Cal será o motivo dese incremento
espantoso do cancro .
Habería que individualizar os tipos
e ter datos fidedignos…
E , dende logo, ter estudios das causas …
Investigar moito !
Eu sospeito que o medio ambiente e a química en xeral , así como a ali-
mentación etc .