Mercados, beléns e espectáculos: a guía do Nadal nas provincias galegas

A Axencia de Turismo da Xunta dá a coñecer as actividades festivas, obradoiros e experiencias de interese cultural da comunidade que se poden visitar entre decembro e xaneiro

Queda menos dunha semana para o día de Nadal. Con nenos de vacacións e familias reunidas, sempre é unha boa idea ter unha longa lista de plans para non aburrirse. Así, Turismo de Galicia publica na súa páxina web unha guía completa de actividades que facer nesta época nas catro provincias: beléns, mercados e espectáculos son algunhas das opcións.

Deste xeito, trátase da programación pechada pola Xunta de Galicia dende o día 5 de decembro. Por exemplo, coa colaboración de Artesanía de Galicia, a guía amosa dous enclaves perfectos para conseguir obxectos feitos a man, en Galicia e producidos por artesáns oficiais: o Mercado de Nadal en Tui, situado no Paseo da Corredoira, “A Trastenda de Nicomedes” en Viveiro, e o Pazo de Nadal en Sanxenxo, onde se expón artesanía e fan talleres con música e xogos, xunto cunha pista de xeo que estará ata principios do ano que vén.

Publicidade

Dende o 2 de decembro ata o 6 de xaneiro, tamén anuncian o programa Nadal no Gaiás, na Cidade da Cultura de Santiago, con teatros, contacontos para os máis pequenos, obradoiros en familia e mesmo actividades de realidade virtual. Con todo, atención! Algunhas actividades precisan reserva, polo que hai que estar atento.

O belén, un ben de interese turístico

Máis aló do espectáculo, tamén hai moitos sitios que visitar arredor de Galicia considerados bens de interese turístico. É o caso do Belén artesanal en movemento de Valga, unha das composicións do Nadal máis espectaculares do territorio, tanto polas súas dimensións como pola incorporación de elementos da actualidade. Pode visitarse ata o 11 de xaneiro.

Publicidade

Hai tamén nacementos galegos con longa traxectoria, como o Belén da Grande Obra de Atocha na Coruña. Foi inaugurado en 1953 e restaurado en 2001. Pero, que peculiaridade ten? O autor foi o artista ferrolán Camilo Díaz Baliño, quen fixo unha escala do mapa de Xerusalén, con 120 metros cadrados e arredor de 150 figuras artesanais. Outros destacan polo emprego de elementos naturais, como o Belén Artesanal da Veiga, que percorre as rúas da localidade. Troncos, pólas, madeira, cordas, teas e mesmo follas transformadas en figuras da fauna da zona, ademais do propio Nacemento.

Un dos máis coñecidos de Pontevedra é o Belén Monumental de Vigo, nasa Casa das Artes da Rúa Policarpo Sanz. Con entrada libe e a opción de visita guiada, a mostra ocupa 200m2 e contén case 200 figuras. A montaxe estivo a cargo da Agrupación Belenista La Morana e modelada polo escultor Jose Luis Mayo Lebrija, un dos belenistas máis prestixiosos de España.

Belén Electrónico de Begonte (Lugo), un dos máis emblemáticos de Galicia. Foto: Turismo de Galicia
Belén Electrónico de Begonte (Lugo), un dos máis emblemáticos de Galicia. Foto: Turismo de Galicia

Os mercados de Nadal

Galicia conta ademais con 16 mercados de Nadal distribuídos nas catro provincias. Un dos máis grandes é o de Maria Pita (A Coruña), cunha praza central con postos de hostalería: churros, crepes, viño quente ou gofres son o tipo de manxares que poderás atopar. Tamén conta con casetas comerciais de menaxe, alimentación, xoiería, e mesmo decoración de Nadal. Só tes ata o 2 de xaneiro para visitalo. Pola súa banda, Ferrol conta cun mercado de Nadal con 18 casetas na praza das Armas, e outro de artesanía alimentaria na praza da Constitución. Para os amantes do patinaxe, tamén hai unha pista de xeo na Alameda do Cantón.

En Santiago de Compostela, celébrase o 14o Mercado da Estrela por toda a cidade: dende a hospedería San Martín Pinario, a praza de Cervantes, a praza 8 de marzo, o corredor de Bonaval e ata CX Don Bosco. Conta con zona foodtruck con DJS, concertos e xogos musicais, atraccións para explorar a creatividade e mesmo marcas artesanais e agroalimentarias. Súmase tamén o mercado de nadal da carreira do Conde e Área Central.

Lugo ten o seu Mercado Nadalmente Lucenses, mentres que Ourense conta cun mercado no parque de San Lázaro e un poboado de Nadal. Pontevedra ten a Estación do Bosque, entre Praza de España, Montero Ríos e a Alameda, con actividades infantís, e co programa Pontevedra Máxica.

Vigo, cunha recoñecida instalación de Nadal, conta con tres mercados de Nadal repartidos pola cidade. O principal sitúase na Praza de Compostela, baixo o nome Cíes Market, e moitas outras casetas aparecen na praza do Centro Comercial Vialia, mesmo con atraccións para toda a familia. No barrio de Bouzas, na Alameda Suarez Llanos, tamén hai un mercado máis afastado do centro da cidade.

Atraccións e espectáculos temáticos

Durante o Nadal tamén hai espectáculos que viaxan pola xeografía galega. Un exemplo é Reinventio, que combina maxia, danza e artes circenses nun relato visual sobre a capacidade de reinventarse. Durante a súa xira, que comezou o 12 de decembro, visitará cinco cidades galegas no que queda de ano: Ourense, Pontevedra, Lugo, A Coruña e rematará o 17 de xaneiro en Santiago de Compostela.

Os concertos tampouco non paran. Entre os espectáculos do Xacobeo, Turismo de Galicia anuncia a aparición da banda madrileña Morgan no ciclo Intermodal de Santiago o sábado 20 de decembro. Outra atracción destacada son as aldeas de Nadal de Lalín: seis pequenos poboados temáticos que se instalan no centro urbano nas festas. Están abertas todo o día e contan cun programa completo de actividades, dende un tren turístico, música, contos e espazo gastronómico, que se pode visitar ata o 7 de xaneiro.


Podes consultar a guía completa do Nadal de Galicia na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A imparable expansión da covid das plantas: así se propagou ‘Xylella’ no norte de Portugal

A perigosa bacteria detectouse por primeira vez en Vila Nova de Gaia nunha planta de lavanda francesa en 2019

A perigosa bacteria que ataca os vexetais, ás portas de Galicia: “Non estamos preparados”

A 'Xylella fastidiosa' identificouse en case 600 especies e pode causar enfermidades graves e morte en oliveiras, cítricos, vides, froiteiras de óso e plantas ornamentais

Galicia rexistra un 45,3% menos de varamentos en 2025

O Cemma explica que as cifras, a pesar da diminución de exemplares afectados, continúan sendo elevadas e preocupantes para a conservación

Castro de Rei é o único lugar da península onde nidifica o mazarico real, en perigo crítico

O enclave lucense concentra a totalidade da reprodución confirmada desta ave migratoria na Península Ibérica