Agosto dá a benvida, como cada ano, á tempada de vacacións tanto de traballadores como de estudantes. O turismo é o principal sector que se beneficia deste período estival, con vagas de novas caras nas distintas provincias de Galicia. Con todo, malia a riqueza económica que atrae, o impacto do turismo masivo nos espazos naturais remata sendo un problema.
A protección de localizacións sensibles ao turismo debería ser unha das principais iniciativas das administracións durante o verán, cando chegan máis visitantes. Este é o principal motivo polo que se levan a cabo operacións como as de limitación de visitas diarias nalgúns espazos naturais, como na Praia das Catedrais, onde a chegada de persoas queda limitada nas tempadas altas: Semana Santa e verán.
O establecemento de regulacións para a conservación debería ser unha referencia nun territorio tan rico en ecosistemas e patrimonio como Galicia, que engloba dende castros e castelos, ata termas naturais, lagos, grandes praias e dunas, sen esquecer as fragas cheas do verde que tanto caracteriza a estas terras do noroeste peninsular. Con todo, cales son os espazos máis sensibles que hai que protexer nestas vacacións?
Crema solar e praia, compatíbeis?
Entre vilas mariñeiras e fermosas paisaxes, o litoral galego é un destino cada vez máis explotado. O territorio comprende praias de area dourada e augas cristalinas nas Rías Baixas, e zonas virxes protexidas por cantís na Costa da Morte. A súa conservación, porén, debe estar no foco das regulacións.
A praia de Carnota forma parte da Rede Natura 2000, sendo ademais a máis estensa da rexión, con sete quilómetros de longo. Cada ano, convértese no escenario do mar de ardora, e decenas de persoas chegan cada noite cando este fénomeno natural ameaza con aparecer. A alarma saltaba o pasado mes de maio, cando un famoso tiktoker convocaba a través das súas redes sociais unha macroquedada nesta praia soense.
A proposta de Diego Nister, que acumulou 1,2 millóns de visualizacións ás poucas horas da súa publicación, veu acompañada de numerosos comentarios que aceptaban a idea dende diversos puntos de España. No acto, Juan Manuel Saborido, alcalde de Carnota, mostrou a súa preocupación, facendo fincapé na inviabilidade da convocatoria. Tamén advertiu da súa catalogación como espazo protexido, con vistas aos posibles danos que podería sufrir cunha visita masiva.
Con todo, as ameazas tamén poden ser silenciosas. Cada ano, 25.000 toneladas de crema solar chegan aos océanos, segundo afirma a organización medioambiental Green Cross. Os protectores son necesarios para a pel, pero tamén inclúen compostos químicos. A acumulación dalgunhas destas substancias nos ecosistemas mariños, como a oxibenzona e o octilmetoxicinamato, causan alteracións no medio, ocasionando trastornos hormonais e reprodutivos nas especies mariñas. Como parte dos chamados contaminantes emerxentes, aínda non existe lexislación vixente sobre a regulación do seu uso máis aló das substancias incluídas na Directiva Marco da Auga. O aumento de estudos arredor desta problemática podería atopar resposta ao perigo en períodos estivais.
A biodiversidade das dunas costeiras
Coa presión turistica que comezou a experimentar Galicia nos anos 60 e 70 do pasado século, comezaron os estragos na costa. O turismo masivo axudou a destruír a franxa dunar, acompañado da construción de urbanizacións e outras infraestructuras. Este desgaste do ecosistema chega ata hoxe, onde as dunas costeiras convértense nun “hábitat protexido a nivel europeo”, como afirma Gustavo Ferreiro, membro do SEO/BirdLife.
“O turismo de praia estase convertendo nunha cousa tan intensa que non deixa espazo a outros seres vivos”, informa o biólogo. Isto conleva un impacto sobre a biodiversidade, afectando a plantas, insectos ou aves. Xúntase a esta problemática unha ampliación das datas de ocupación das praias, os cambios no clima e a modificación cara un uso intensivo dende a primavera.
Isto afecta a especies como a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), cuxo período de reprodución está ligado a praias ben conservadas con cordón dunar. O resultado da intensificación da actividade costeira, sobre todo en Pontevedra, ten un resultado: “unha extinción anunciada dunha especie tan emblemática como a píllara”, a pesar dos grandes esforzos que se levan a cabo para a súa conservación.
“Non sería necesario expulsar á xente das praias se seguen unha serie de normas compatibles coa educación ambiental”, explica, coa fin de coñecer que cambios implementar para que convivan o desfrute coa vida silvestre. Un dos principais debería ser o uso humano ligado aos animais domésticos, “pensando nos cans“. Os paseos polas dunas destes animais, considerados como predadores por estas pequenas aves, produce o abandono de niños e a mortandade: “No plan de conservación da píllara, que afecta a algunhas praias, non se pode levar a estes animais no período de reprodución”, sendo este na primavera.
“Todas as dunas costeiras de Galicia están ameazadas”, informa, pois están perdendo area e superficie. Estes ecosistemas de litoral sempre se comprenderon como unha zona que “non servía de nada”, provocando situacións como as das dunas de Praia América (Nigrán), limitadas por aparcamentos, liñas de casas e paseos. O cambio sería sinxelo, como ocorre na praia da Lanzada (Sanxenxo), onde eliminaron unha estrada que pasaba polo borde da praia como unha acción de conservación. “Aínda se poden establecer medidas, pero as administracións deben prestar máis atención”, conclúe Ferreiro.
Máis aló dunha masa de auga: os lagos
Os lagos non son só grandes masas de auga que podemos atopar no territorio galego. Estes albergan unha gran cantidade de especies: aves, peixes, plantas acuáticas ou microorganismos. Súmase tamén a relevancia que teñen no ciclo da auga, onde almacenan grandes cantidades que logo se liberan a través de ríos. Con todo, ao longo da historia, as actividades humanas tiveron un impacto significativo nestes ecosistemas.
Estas accións van dende a contaminación coa descarga de produtos químicos tóxicos ata os residuos das visitas, con efectos na calidade da auga, ata a sobreexplotación de recursos naturais, con actividades como a pesca excesiva. A degradación do hábitat tamén está exposta á construción de infratresucturas para a chegada de turistas, que podería afectar coa invasión de especies exóticas ou a desaparición das nativas.
Non obstante, como todo, o problema non é irreversible. Unha das estratexias máis efectivas na conservación serían as áreas protexidas, para garantizar e preservar as especies que dependen deles e medidas para a xestión sostible de recursos. Segundo un estudo impulsado pola UDC en xullo de 2023 e publicado na revista científica Nature, o encoro de Cecebre, a lagoa litoral de Doniños e o lago de Meirama, algunhas das masas de auga doce máis coñecidas de Galicia, son afectadas polo problema. En todas atopáronse residuos plásticos, aínda que en ningún caso en concentracións que supuxeran alarmas. O estudo foi unha chamada á reflexión.
De feito, a chegada de turistas pode provocar tamén a chegada de especies invasoras, o que supón unha constante no encoro de Cecebre. En xuño do ano pasado, o cangrexo americano (Procambarus clarkii) foi retirado desta masa de auga na que habitaba, sendo unha das especies exóticas invasoras máis perigosas. Un ano máis tarde, en maio de 2024, detectouse tamén a presenza dunha pranta acuática, Crassula helmsii, orixinaria de Australia e Nova Zelandia, converténdose no primeiro rexistro confirmado desta especie invasora na península ibérica.
O patrimonio máis antigo: castros e paradores
Manter o equilibrio entre o crecente fenómeno do turismo e a función social de conservar o patrimonio cultural de Galicia é unha tarefa máis doada do que se pensa. Unha política que apoie ao turismo cultural debería ser unha cuestión de importancia á que se deberían adicar os organismos públicos, como anunciaba o catedrático Javier García-Gutiérrez Mosteiro nun artigo de The Conversation. Isto cobra vital relevancia nunha terra chea de historia como Galicia, onde os castros, castelos e paradores son puntos quentes para o turismo de moitas vilas nos períodos vacacionais.
Así, a visita aos castros convértense nunha actividade cultural que achega a miles de persoas cada ano. Aínda que hai moitos exemplos destes enclaves arqueolóxicos que deberían aumentar a conservación, non todo está perdido. É o caso do Castro de Baroña, un dos mellores conservados xunto ao Castro de Santa Tegra. No 2021, esta peza arqueolóxica da comarca do Barbanza foi sometida a actividades de recuperación para frear o deterioro provocado pola constante chegada de visitantes, coa fin de consolidar e protexer os seus muros.
Este Ben de Interese Cultural (BIC) non é o único que está a recibir unha axuda para a súa conservación. Un dos mellores exemplos de convivencia entre patrimonio e turismo no territorio son os paradores. Grazas á Rede de Paradores de Turismo, favorécese a conservación e goce de ambas partes: locais e visitantes. Deste xeito, anunciábase en marzo deste ano a licitación de obras de conservación no Parador de Baiona (Pontevedra) da man de Turespaña.
Esta iniciativa, parte dun proxecto global para a conservación de paradores e alenta ás actuacións de conservación, rehabilitación e posta en valor dos edificios, murallas e xardíns coa consideración BIC. Así, unha dos principais accións que se poden facer para evitar a rápida deterioración destes espazos sensibles, xa con centos e incluso miles de anos, é o reparto da carga turística, chegando máis aló do turismo de praia predominante na actualidade.