A Illa de Tambo, un tesouro arqueolóxico por descubrir: “Os achados apuntan a un complexo ermitán”

A Xunta deu permiso para desbrozar en San Fagundo, o punto máis alto de toda a illa. De momento atopáronse unha capela e restos do que podería ter sido outro inmoble

A Illa de Tambo sempre fora un segredo, de feito, estaba pixelada por Google Maps. Nas últimas décadas tivo uso castrense e a súa xestión pertencía ao Ministerio de Defensa. Porén, cando o concello de Poio asumiu a súa xestión, abriuse ao público. Situada na ría de Pontevedra, a illa ten unha gran riqueza natural. Aínda que acusa unha forte presenza de eucalipto e acacia, recentes investigacións indican que é unha zona de alta biodiversidade. Pero non só o é no ámbito da flora senón tamén no arqueolóxico. É por iso que a Xunta de Galicia encargou traballos de control arqueolóxico e roza manual no castro da illa. O labor estivo dirixido polo arqueólogo Francisco Alonso. “Xa se coñecía que alí había uns muros un tanto estraños dados a coñecer pola Asociación Irmandade Illa de Tambo. Ao desbrozar por completo puidéronse definir mellor e atopouse o que aparentemente parece unha capela”, explica.

Este decembro, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, en colaboración co Concello de Poio e a Asociación Irmandade Illa de Tambo, daba comezo a a intervención levada a cabo por Tempos Arqueólogos S.L.. Esta consistía en desbrozar o punto superior da illa onde se atopa o castro histórico. Este achado ten orientación este-oeste, algo propio destas edificacións. Átopase na croa do castro —a parte máis alta dun xacemento castrexo— no alto de San Fagundo, o punto máis elevado de toda a illa. Con todo, “non só é unha capela senón que parece ser algo un pouco máis complexo”, engade o arqueólogo. “Os achados apuntan a un complexo ermitán. Existe documentación histórica que di que na época moderna se mandaron varios ermitáns para que viviran na Illa de Tambo e coidasen da capela”, explica. A maiores disto, apareceron estruturas anexas de granito que van definindo un espazo de maior tamaño que poderían ser edificacións. Con todo, para saber máis, sería preciso levar a cabo unha escavación.

Publicidade

O curioso da capela é que hai doelas ciscadas pero tamén as hai nos propios muros. “O que indica que non só estaba esta capela senón que tamén había outra edificación nas proximidades. Había dous edificios de gran importancia”, apunta Alonso. As doelas axudan a datar a cronoloxía xa que indican a presenza dun arco monumental da época medieval ou inicios da época moderna, “polo que é probable que xa houbera outra edificación anterior á capela”, explica.

A capela atópase no Alto de San Fagundo, a máis alta da illa e cunha gran presencia de eucaliptos. Foto: Xunta de Galicia.
A capela atópase no Alto de San Fagundo, a zona máis elevada da illa e cunha gran presencia de eucaliptos. Foto: Xunta de Galicia.

O castro da Illa de Tambo

A nivel superficial, cando se vai accedendo ao castro pódese ver que hai parapetos e murallas, o que indica que é unha zona que está ben conservada. É un castro bastante escarpado pero que “no seu interior ten terrazas onde estarían as edificacións que se poden intuír pola topografía actual do castro”, apunta o arqueólogo. Ademais, na croa do castro, que a día de hoxe está cuberta de eucalipto, “hai unha estrela grabada que representa a separación das propiedades dos terreos da illa que fixo no seu momento Eugenio Montero Ríos, que tamén tivo propiedades na illa”, engade.

Publicidade

A historia a través dos achados arqueolóxicos da illa

A Irmandade Illa de Tambo fixo un labor de investigación do que xa foi facendo partícipe á empresa arqueolóxica. Neste sentido pódese facer un percorrido pola historia a través dos achados que se atopan no enclave. Enmárcanse dende xacementos prehistóricos ate gravados da época militar. A illa ten moi boas referencias na documentación. “Xa o Pai Sarmiento indicaba a existencia dunha igrexa antiga da época prerrománica da que aínda non se sabe nada”, engade Alonso. Está ubicada na zona do Lazareto —establecemento onde se realizan controis sanitarios— datado do século XIX. É un exemplar de arquitectura gobernativa do que non hai moitas mostras en Galicia. Tamén o Pai Sarmiento indicaba a existencia de tumbas antropomorfas cavadas na pedra e que non foran constatadas ata o momento. Ademais tamén se poden atopar cruces e un xacemento situado na praia da época medieval. Polo que “a illa ten unha riqueza arqueolóxica bastante grande e con bastante singularidade”, engade.

Da época militar, a maiores dos gravados que fixeron as persoas de todas as partes do Estado que facían alí o servizo militar, atópase tamén o búnker. “Non é un edificio moi antigo pero si moi singular e sorprende a súa conservación. Non ten restos de humidades xa que as paredes do seu interior están perfectamente pintadas”, explica Francisco Alonso.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Novos achados en Penas do Castelo suxiren que o lume arrasou parte do antigo castro

A última campaña arqueolóxica no xacemento da Pobra do Brollón revela numerosos fragmentos cerámicos nun "moi bo estado de conservación"

Como eran os campamentos romanos en Galicia? Un proxecto reconstrúeos en 3D

Un equipo de arqueólogos colabora xunto a deseñadores gráficos na elaboración dunha serie de contidos que tentan amosar a natureza dos asentamentos militares do Imperio Romano na provincia da Coruña

Descuberta na illa de Tambo unha especie de musgo única en Galicia

A planta está documentada noutros puntos da península ibérica, como Asturias e a zona mediterránea, e nos arquipélagos de Azores e Canarias

Dende as dunas ata os castros: estes son os espazos sensibles ao turismo masivo en Galicia

A chegada multitudinaria de veraneantes ao territorio galego, unha tendencia cada ano máis habitual, leva a limitar as visitas diarias de certos espazos naturais como medida de conservación