O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo confirma que o xacemento de Armea, na parroquia ourensá de Santa Mariña de Augas Santas, se estende máis alá dos límites que se consideraban ata agora, e que abrangue boa parte do monte homónimo. Na mesma campaña tamén acharon unha nova vivenda castrexa, a segunda no lugar, a uns 100 metros da finca na que concentraran os seus esforzos ata ese punto. A intervención realizouse no Alto dos Fornos, preto da Finca da Atalaia, que é onde o grupo da Universidade de Vigo leva realizadas 15 edicións deste evento profesional e de formación.
A directora de campo e investigadora do grupo de arqueoloxía da UVigo Alba Rodríguez conta que esta expedición serviu para confirmar as sospeitas previas en torno á extensión real do xacemento. “Fixemos unha intervención de sondaxes valorativas para estudar a potencialidade de escavación fóra da atalaia. Puidemos confirmar que si hai ocupacións fóra, tanto romanas como da Idade do Ferro“, explica a arqueóloga. Sinala que as sodaxes son de dous por dous ou tres por tres metros, polo que as conclusións son limitadas. “A seguinte fase sería unha escavación en área, que é o que poderá confirmar se estamos nunha casa, nun lugar público como unha rúa ou unha praza, un lugar de produción como unha tenda ou unha ferraría…”, conta Rodríguez.
O responsable científico do proxecto foi Adolfo Fernández; e el e a directora de escavacións contaron cun equipo técnico formado por Patricia Valle, Nerea Ruanova e Raúl Méndez. “A escavación de Armea é unha escola de campo da Xunta de Galicia e está pensada máis alá dos obxectivos científicos e comunitarios-divulgativos. Tamén ten un afán didáctico; permítelle aos arqueólogos do futuro que aprendan a escavar”, apunta Alba Rodríguez.
As pistas dos topónimos
O dobre achado —a revelación sobre a extensión do xacemento e o descubrimento da segunda edificación castrexa— son parte dun contexto de procura, de hipóteses e análises que levan o grupo de estudos a pensar que nun lugar, nun punto específico da xeografía galega, pode haber algo. Ese ‘algo’ concretarase co tempo (e a investigación), mais as pistas están aí dende moito antes de comezar a escavar; o terreo e os seu nome son un indicio do aspecto que ten ou puido ter un lugar.
“Ata agora, nós sempre escavabamos na Finca da Atalaia. Pero vimos que o monte estaba moi ben limitado, que había unha serie de accidentes orográficos que foron como se a paisaxe nos dera unhas indicacións de onde podería etar o xacemento”, explica Alba Rodríguez, directora de campo da campaña en Armea. A toponimia é unha das alusións máis claras que fai contorna para sinalar unha ‘x’ no mapa arqueolóxico. Termos como ‘Muralla’, ‘Castro’, ‘Lugar de…’, indican o que puido haber no pasado, mesmo se no presente só queda a súa memoria a través dunha denominación.
“En arqueoloxía, a toponimia é crucial. Nutrímonos de moitas outras disciplinas. Neste caso, o denominativo de ‘Castro‘ foi fundamental, pero tamén nos axudaron nomes como ‘Finca da Atalaia’ ou ‘Penedo da Moura’. Dan pistas de que aí pode haber restos”, recoñece a investigadora da UVigo. Outro exemplo que achega a arqueóloga é o de Muradellas, un lugar próximo á zona na que se realizaron as intervencións. “Apunta claramente a existencia de muros ou murallas na zona. Ademais, no inverno vense derrubes de pedra que fan pensar que aí hai estruturas antigas”, engade Rodríguez. Do mesmo xeito, sinala que ‘Alto dos Fornos‘ tamén pode resultar bastante suxerente e aludir a existencia de estruturas ou restos arqueolóxicos.
Unha segunda casa castrexa en Armea
A casa castrexa achada en Armea está fóra da Finca da Atalaia, a uns 100 metros, segundo a investigadora. “Non sabemos se toda a superficie entre a finca e a estrutura contén casas redondas”, recoñece Rodríguez. A arqueóloga apunta que o estado de conservación xeral no lugar é moi boa: “Nalgúns muros hai case dous metros de conservación. De feito, parte do muro da finca moderna. Vai por enriba”. Alba Rodríguez engade que hai dúas fiadas de muros, e que o seu equipo, que colabora co de restauración, sube unha fiada máis para protexer as orixinais.
Para determinar que a estrutura achada é unha vivenda de orixe castrexa, houbo varios factores a ter en conta. “A zona sempre se chamou ‘Castro de Armea‘. Nós eramos reacios a chamalo así, cunha denominación que sinala unha estrutura castrexa, porque todo o que atopabamos era de época romana. Non había rastro de ningún castro. Pero hai uns anos apareceu media cabana redonda. Cando se atopa unha construción así en Armea, pensamos na Idade do Ferro”, explica Alba Rodríguez. O equipo da investigadora especialíazase en cerámicas antigas, e ese é outro punto que axuda a concretar a datación dos achados.
Alude, do mesmo xeito, que resulta sinxelo diferenciar as pegadas romanas das castrexas en Armea: “Houbo unha ocupación continuada entre os séculos I a.C. e III d.C., polo que podemos ver como foi cambiando a maneira de construír co paso do tempo“, sinala a investigadora. Os restos de Armea van das casas redondas a estruturas cuadrangulares con esquinas redondeadas, a casas romanas con localizacións que indican unha construción posterior. “Son as domus romanas, que nós chamamos domus do país, pois non son exactamente romanas; teñen particularidades para adaptarse ao terreo e a humidade da zona, e usan elementos da plástica castrexa”, matiza a directora de campo das expedicións. Así, a estratigrafía e a arquitectura permiten diferenciar dúas formas de construción que marcan a historia das dúas culturas cuxas pegadas conviven en Armea.
Unha campaña arqueolóxica e de formación
Os descubrimentos producíronse no marco da edición número 15 dunha escola de verán que busca formar os profesionais da arqueoloxía na súa etapa educativa. “Partimos do básico, que é como escavar. Coñecer outras técnicas están ben, pero para un arqueólogo é fundamental saber como coller a ferramenta, como cubrir un diario de campo, como traballar cos materiais, como facer o rexistro… Diriximos a esola a ese ámbito máis básico”, conta Alba Rodríguez. A investigadora indica que realizan tarefas de escavación e sondaxes, pero que, de xeito máis ocasional, traballan co equipo de restauración.
A edición deste ano foi un éxito de participación: o grupo arqueolóxico recibiu 120 solicitudes para 12 prazas nas que se reuniu alumnado das universidades de Vigo, Cádiz, Barcelona, Sevilla, a Complutense de Madrid e Granada e da Universidade do Minho (en Portugal). “Pensamos que funcionou moi ben o boca a boca como método de difusión. Sabemos que moitos deles son alumnos doutros anos que queren repetir ou amigos aos que lles dixeron que era unha boa experiencia”, comenta Rodríguez. Os estudantes desta rama científica buscan aprender distintas técnicas en contextos variados, pois cambia a forma de abordar un xacemento cando se trata dun sitio romano, castrexo ou paleolítico, entre outros. “É habitual que busquen practicar en diferentes momentos históricos“, afirma a investigadora. Ela mesma tomou parte desta iniciativa cando estaba en terceiro de carreira, como estudante. “É unha das escolas de campo arqueolóxicas máis lonxevas de Galicia, xunto a Cova Eirós”, apunta.
O estado actual da investigación en Armea
Alba Rodríguez sinala que na actualidade a investigación está na fase de procesado de material: “Estamos ‘siglando’ os obxectos, que é darlle un número a cada peza e facer inventario. Posteriormente, identificaremos, debuxaremos e xuntaremos todos os datos para darlles un sentido histórico“. No inicio da primavera a Consellería de Cultura decidirá sobre as renovacións das escolas de campo; se ben aínda non hai garantías sobre a mesa, a investigadora da UVigo prevé que poidan continuar o seu traballo.
“A Finca da Atalaia era un espazo municipal; as que imos estudar a continuación son de propiedade privada. Xa contamos co permiso dos donos das novas fincas e tamén temos o apoio do Concello de Allariz”, asegura a arqueóloga. Afirma que se trata, ademais, dun proxecto bastante querido polo pobo. “Hai unha política de visitas abertas, polo que se lle fai unha explicación da escavación e do xacemento a todas as persoas que veñen visitar o lugar”, conclúe Rodríguez.


















